Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

A PRAZA DA GHAIA
Xa non acordan os máis vellos de Cariño a Vicente Armada. Un mariñeiro do Porto que tiña por costume xurar dicindo: un raio dios me coma! Prendía na fala a dicir o erre e máis semellaba un ghe, polo que o raio soaba ghaio. Quedoulle de alcume. Mais se o Ghaio tivo sona, a súa neta supéralle.
As galegas de porto de mar adoitan ser fortes e as de Cariño non habían ser excepción. Será por ter que tirar para adiante coa casa cando os seus homes andan ao mar, por non traballar só na casa senón tamén fóra dela ou porque o vento mareiro lles confire a súa bravura.
Nos anos vinte do século pasado naceu na Pedra unha nena que, por ser neta de quen era, chámanlle Angustias do Ghaio. Traballadora como poucas. Dende ben pequena axudaba á súa nai limpando na casa da mestra Dna. María Rivas Pardo. De portadeira, na praia de Cariño, semellaba un argaciño, desenvasando as lanchas do peixe para levalo á fábrica nun paxe de dúas asas.
Con trece anos, un ano antes de empezar a guerra, foi para a Fábrica de Conservas e Salgaduras de José Santiago Abella. Traballaban a sardiña, o chicharro e o bocarte, tamén facían escabeche con chicharriño, chicharro mediano, sardiña e parrocha. As latas encarnadas levaban un Santiago co seu cabalo branco. Tamén se vendía a morca, unha graxa amarela que soltan os bocartes e os arenques cando se prensan e cheira moitísimo. Metíana en bidóns de ferro e a levaba un viaxante para fóra. Disque a usaban os curtidores.
Os amos dábanlle á súa nai as cabezas do peixe para aboar os terreos do maínzo e as patacas; de chicharro que aguantaban mellor. E máis o aceite, como se fora unha das traballadoras da fábrica, que llelo daban polo San Antonio e pola Nosa Señora, segundo gañaba el; se ía todo ben, tamén lles daba polo Nadal.
Alí había traballo dabondo, pero na fábrica non estaba case nada. Ía á horta que tiñan ao lado da tenda dos Pumares, na casa, onde plantaba patacas do cedo, garavanzos verdes (chícharos), coles, por se quería facer caldo de verdura, e maínzo, por culpa das fabas que subían polo medio del. Tamén había cocos, parecidos ás fabas de color, pero encarnados todos e cunhas raíñas brancas; moi guapos para facer fabada e así.
Cando casou, marchou a vivir ao porto. O seu home, Manolo do Chareto, e o Manco carretaron as pedras do Peiral e os Amenedos construíron a súa casa de planta alta. Tivo unha nena que lle morreu aos dous meses e un neno que se criou para ben. Alí viviu moitos anos.
Cando fixeron o paseo marítimo, Angustias e o seu home cederon parte dos seus terreos para facer unha praza ao pé da súa casa. O nome? Non ten, pero preguntade pola Praza da Ghaia e todo o mundo vos saberá dicir.
Muller aguerrida e forte. Todo un carácter.
Comentarios (1) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 28-11-2013 11:48
# Ligazón permanente a este artigo
O QUEIXO

O queixo é un alimento moi antigo, anterior á historia escrita.
Eu recordo que antigamente en tódalas casas se facía queixo. En Galicia o leite máis utilizado é o da vaca pois temos moi bos pastos e excelentes vacas. Para facelos, primeiro fervíase o leite con sal, deixábase arrefriar e cando estaba morno botábaselle a auga de callar. Agora cómprase na farmacia, pero algún día callábase cun cacho do estómago dun becerro. Cando o leite estaba callado, cortábase en cachiños para quitar o soro, ata facer unha pasta grumosa. Púñase a pasta nun molde de vimbios furado, apertándoa ben para que decorrera o soro que aínda lle quedara e tapábase cun pano de liño. Así de fácil e así de natural. O malo destes queixos era que non se aguantaban moito tempo sen pórse acedos, pero como a fame era moita tampouco duraban o suficiente.
Hoxe en día, en Galicia hai catro tipos de queixo con denominación de orixe:
O queixo do Cebreiro é o que ten forma de pucha de cociñeiro. Faise con leite de vaca ó que se lle pode engadir un pouco de cabra. Disto sae unha pasta granulosa coa codia fina e un sabor lixeiramente acedo e picante. Os peregrinos a Compostela encargáronse dende vello de dalo a coñecer e hai textos que din que o rei Carlos III agasallaba á corte portuguesa con este saboroso queixo.
O queixo de Arzúa-Ulloa é o que ten forma de lentella grande. Faise só con leite de vaca e dá unha pasta branda, manteigosa e sen ollos, coa codia amarela. O máis curado e máis rico é coñecido como queixo da nabiza por estar realizado no tempo dos nabos.
O queixo de Tetilla xa vos podedes dar unha idea da forma que ten. É un queixo histórico, orixinario do centro de Galicia. Ten a codia amarela e a súa pasta é branda, manteigosa e con poucos ollos.
O queixo de San Simón da Costa é o que ten forma de teta de cabra (longa e apuntada). Procede da zona de Vilalba. A súa codia é dura, algo graxenta e de cor amarela ocre polo tempo de afumado que lle dá o sabor especial. A pasta é firme e con poucos ollos.
Outro queixo (sen denominación de orixe) é o de Pao Santo. Os monxes dun mosteiro preto de Cuntis atoparon nos documentos vellos a fórmula do queixo do século XVIII na que se usaba un pao para remover o leite callado. Está feito con leite de vaca. A codia, dura, é de cor amarela igual que a pasta. É moi manteigoso e de sabor suave.
En Galicia temos queixos de formas moi singulares e sabores con personalidade.

Do queixo non che me queixo,
que o queixo ben che me sabe;
quéixome de quen o vende,
que non mo deixa de balde.
Comentarios (0) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 27-11-2013 10:30
# Ligazón permanente a este artigo
A PETENESA - MENCIÓN ESPECIAL ADULTO
Relato presentado por D. Manuel Vázquez usuario do Centro de Día do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no Corgo.

No mes de setembro íamos ás patacas, apañabámolas co sacho e ca man para o cesto, despois botabámolas no carro e na casa nun montón. Máis ou menos 12 ou 14 carros delas... Todo isto acontecía en Carteira (Palas de Reis).
Un ano estabamos toda a familia e amigos na leira, nun momento da mañá apareceu unha vella no camiño, chamábanlle a Petenesa de Carteira, esta muller era moi coñecida. Era una muller peculiar. Cando ía o río lava-la roupa cantaba:

?Camisa dun cabrón
moito coio e pouco xabón
e patarán tristrás
?.

Ben, o caso é que parou e empezou axudarnos a apañar as patacas. Ao chegar o mediodía miña nai foi polo xantar a casa pa aforrar o camiño de ir e vir. Máis tarde durmimos a sesta, ben, descansamos o xantar. A Petenesa quedouse durmida, e eu que era un demo, fixen unha trasgueada.... ateille ao pescozo dun can unha corda, a mesma, ateina á perna da veciña Petenesa... Aiii!!! cando o can se decata e bota a correr, a señora berrando, todos espertaron sobresaltados e miña nai.... miña nai detrás miña pa zouparme no lombo!!!!
Comentarios (1) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 25-11-2013 11:47
# Ligazón permanente a este artigo
VOLTA A 1.900 - 1º PREMIO CATEGORÍA INFANTIL

Relato presentado por Darío Breijo Novo de 9 anos, veciño de Abarqueira (Cerdido).

Eu chámome Patán e vou camiñando cara non sei onde pero vou andando, andando. De súpeto atópome cun cabalo branco, grande e lustroso que se puxo a camiñar ao meu carón. Eu preguntei, - E se me monto? E aló vou. ? Ahhh. Que ben se vai aquí! Iamos por un sendeiro verde, todo verde cando aló ao lonxe vin unha casa de pedra, solitaria, baixiña.
Fómonos achegando e alí había unha parella de anciáns. Sentados no entreportas co postigo aberto debullando nas castañas.
- Boas tardes!, saudei.
- Boas, e ti quen es?
- Eu son Patán, saín dar unha volta e no camiño atopei este fermoso cabalo que me trouxo ata aquí.
- Xosé, o noso Bonito! ? exclamou a señora.
- Rapaz, ese é o noso cabaliño, o que nos axuda aos traballo da leira e que me serve para non ter que ir camiñando á taberna.
Eu quedei abraiado. Por que Bonito fora onda min?
O matrimonio, moi amable convidoume a quedar para toma-las cinco, que xa ían vir os nenos da escola. E os pais dos cativos estaban traballando a reo preparando o muíño, que se ía esfollar á noite.
Chegaron os nenos: Nicanor e Paco, e a avoa preparounos unha ?sopa de cabalo cansado?, eu nunca tal oíra! Botounos viño tinto, ben escuro, nunha cunca, enchémola de pan e azucre e veña, que boa merenda! A avoa díxonos: agora hai que axudar a botar o maínzo para a pila, para esfollalo á noite.
E aló fomos todos, cando rematamos a avoa, que se chamaba Rosario, púxonos a cea: castañas con leite. Que boas estaban!
- Aí veñen Antón e Pilar, veñen á esfolla.
E aló fomos todos para o maínzo, eu nunca tal vira. Ao caloriño do lume da lareira comezamos o choio.
- Ahh! A miña espiga ten os grans vermellos.
- O rei, o rei, berraron Paco e Nicanor.
O avó fíxome un boneco coas plumas e a barbana, que bonito!
- Canto maínzo, canto traballo, eu non podía máis e quedei durmido.
Ring, ring, ring. Soa o espertador, érgome na miña cama, no me cuarto e mamá berrando: - Patán apura que tes o almorzo na mesa e xa ven o bus.
Todo fora un sono, que noite máis divertida!
Comentarios (2) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 25-11-2013 11:44
# Ligazón permanente a este artigo
ATANISCANDO NO OUTONO 1º PREMIO CAT. ADULTO
Relato presentado polos profesionais e usuarios do Centro de Día do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en Carballo.

PRÓLOGO

Quizais non soubésemos explicar o que pensabamos nese mesmo intre, no cal, Antón entrou pola porta, sen embargo, o brillo que se desprendía dos nosos ollos, amosaba a gran ledicia que estabamos a sentir? Ninguén contaba con el, e á vez, no fondo do noso ser, todos criamos que Antón volvería.

?

A Antón non lle gustaba que eu lle chamase polo nome de pila, pois el dicía que eses non eran os modais para un rapaz da miña idade e, de ter que cambiarlle o nome, el prefería ser chamado ?o gran xefe?. Así lle soen dicir aos indios que saen nas películas que máis lle gustan a Antón, sen embargo, os meus irmáns, chámanlle avó.
Eu son Xan, e teño dez anos, a pesar de que todo o mundo me di que xa son un home ?vello?, e ademais, que son moi espabilado, eu creo que son un rapaz coma os outros, que me gusta xogar e andar a meter os pes nas pozas.
Vivimos nunha aldea chamada Artes, que pertence a Carballo. Na casa estamos os meus irmáns, Pedro e Luís, que son máis pequenos ca min; os papás e o avó Antón.

?

Estaba desexando que tocase a campá que marcaba o final do día na escola, así que, tan pronto sentín aquel ruído infernal, saín escopeteado polo corredor, con moitas ganas de chegar á casa, pois Antón prometérame que hoxe iríamos na procura de castañas.
Antón sempre sae a camiñar arredor da casa, polo monte que está cheo de piñeiros e castiñeiros. Nesta época, no outono, recollemos cantas castañas podemos, para comelas na xuntanza veciñal que se fai polo magosto. Este ano, apenas había ourizos cheos, pois xa se apresuraran os demais en baleiralos. Aínda así, sempre quedaba un pequeno castiñeiro escondido entre varias silveiras, que nós coñeciamos ben. Eu ía case todos os días e subía ó castaño, así arrapañaba todas as castañas que podía. Cando chegabamos á casa, meus irmás máis eu, axudabámoslle a miña nai, a ataniscar as castañas coa boca? porque así o facía Antón? pero á mamá non lle gustaba nada, porque dicía que non ía gañar para arranxarnos os dentes, sen embargo, Antón, non tiña ese problema, pois os seus, eran postizos.

A XUNTANZA

Na miña casa, todos esperabamos que chegase o día da xuntanza veciñal. Nese día, na aldea, celebramos a festa do San Martiño e a do Magosto. A Antón gústalle moito esta celebración, e aínda máis, arranxar todos os preparativos? sobre todo, dende que morreu a avoa, pois así el está entretido e acompañado dos veciños. Eu tamén os acompaño mentres andan a esfollar no millo e matan nos porcos? así foi como aprendín a construír unha cabana con follas de espigas e troncos. Axudoume Antón, pois el de pequeno tamén tiña unha, na que se escondía cando seu pai se poñía rabudo.
Antón conta sempre, que agora, Artes é no único lugar de todos os da volta, onde se conserva esta tradición; xa que antigamente, se reunían os veciños e entre todos xuntaban moita comida e bebida, sobre todo, castañas, chourizos e viño. Así, o día 11 de Novembro, toda a parroquia desfrutaba dun día de leria e de ledicia... e como di o veciño Andrés: ?Polo San Simón, proba o viño e polo San Martiño, o porquiño?.
Eu desfrutaba moito desta festa, porque aprendía moitos contos e historias que dicían os maiores do lugar, entre eles Antón, e aínda así, el escoitaba sempre atento a todos os demais e cando tornabamos para a casa oíaselle comentar... ?Un vai morrendo e vai aprendendo?.
Miña nai, Amelia, era a primeira en presentarse na xuntanza cunha gran pota chea de castañas. Ela preparábaas como o facía a miña avoa, unhas cocíaas con anís e nébedas, e outras asábaas, nunha tixola vella furada, na lareira. A verdade é que calquera delas estaban ben boas. E para acompañalas, Antón asaba as espigas do millo no lume, que parecían churros. Pero iso non quedaba aí, os outros veciños, entre eles, a tía Angustia, levaban os chourizos e as morcillas que fixeran da matanza. Tamén touciño con pementos, e o que máis me sabía, a tortilla de sangue? Con toda esta comilona, pasabamos o día no campo e eu sentía como os máis vellos andaban a rexoubar uns dos outros, pero tamén contaban historias de cando eran rapaces, do traballo que pasaban indo ao xornal, ou tendo que esfollar o millo, cortalo e gardalo nos palleiros ou hórreos. Unha das veces eu faleilles do Samaín, de como nos tempos de agora, os rapaces nos disfrazamos de meigas e mortos viventes, para recordar ese ritual que realizaban os antigos celtas, incluso lles ensinei cabazas decoradas; pero creo que non lles fixo moita graza, pois Antón ten dito que o da ?Santa Compaña? era a imaxinación e as alucinacións do tempo da fame.
Cara ó final da xuntanza, os maiores xa non conversaban, cantaban. Nunha desas, a tía Angustia aproveitou para irse queixar ó que vendía as verzas na praza os xoves e domingos de feira en Carballo, pero Luciano non soubo ou non quixo atender ó que dicía o conto
?Non chas quero, non chas quero,
nabizas do teu nabal,
non chas quero, non chas quero,
que me poden facer mal
?.

Eu, ao final da festa, agarro unhas poucas castañas e con elas fago colares que logo lle regalo ás veciñas. Así tamén se acordan de me regalar algo polo día do San Xoán.

?

A xuntanza deste ano, fíxosenos un pouco longa, xa que Antón desapareceu por arte de maxia. Todos os veciños nos axudaron a buscalo pola aldea e polos arredores, pero non aparecía. Cando xa críamos que nunca o volveríamos ver, el mesmo se presentou na porta da casa, con bágoas nos ollos e con feridas nos xeonllos.
Miña nai estaba moi asustada e agarrouse a el coma unha lapa. Namentres, bisbáballe ao oído, e eu escoitei aquilo que ela dixo, e que nese mesmo intre, me fixo ver aquilo que eu viña negando:
?Meu pai querido, meu pai amado, mentres eu viva hei de axudalo, e polos despistes, non se preocupe, porque faremos que cada día, nunca sexa esquecido. E cando xa non me coñeza nin saiba quen son, seguirei ao seu carón, ensinareille o camiño de regreso ao seu corazón?.
Comentarios (2) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 18-11-2013 15:38
# Ligazón permanente a este artigo
FESTAS DE SAN MARTIÑO

De hoxe nun ano! Aló van as festas.
Queremos agradecerlle a Narciso Luaces Pardo que se achegara o martes pola nosa casa para presentar o seu último libro, que coidamos non será o derradeiro, ?Traballo, oficios e crenzas populares dos nosos antergos?. Para quen non o coñeza diremos que Narciso naceu hai 84 anos en Ortigueira. Dende que saíu da escola dedicouse á que foi a súa profesión de labrego desempeñando un labor activo nas sociedades agrarias. De formación autodidacta, ten publicado varios traballos no semanario La Voz de Ortigueira e dous libros: ?O carreiro. Memorias do tío Santos? e ?Romaxe a Santo André de Teixido?.
Tamén cómpre manifestar o noso agradecemento a Rafael López Loureiro, mestre do CEIP Nicolás del Río de Cedeira, que nos veu falar sobre a tradición do Samaín. Rafael é o gran recuperador desta tradición de baleirar melóns ou cabazas, poñerlles paíños por dentes e meterlles unha candea acesa para asustar ás veciñas que viñan do rosario o día de Fieis Defuntos. ?Algunha marchaba espantada e outras facían que tiñan medo por darnos gusto aos cativos?. Recolleu toda a tradición no seu libro ?Samaín. A festa das caliveras?.
Non podemos esquecer nos agradecementos a José Fernández Ramos (o Cascabel) e Nardo Gómez López de Luama, Luís Lage de Senra, Chente Abella e Pilar Bouza de Cerdido, e Jorge Bouza de Abarqueira; grazas a toda esta xentiña puidemos esfollar maínzo o mércores e o xoves.
Por último, pero non menos importante, damos grazas mil ao grupo de teatro Trampolín do Centro de Día de Abadín que veu representar dúas obriñas ao centro: Cousas de Mulleres e Menuda crisis.
Nunca queda suficientemente dito o agradecemento ao persoal do CAPM de Ortigueira pois sen a súa implicación e dilixente traballo non poderiamos levar a cabo unhas festas tan redondas. E por suposto, debemos recordar ás familias que colaboran.
O venres tivo lugar a entrega de agasallos do I Concurso de Relatos COAMAREA, dando lectura comunitaria aos tres relatos gañadores. En próximas datas os publicaremos neste blog para desfrute de todos.
Comentarios (0) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 18-11-2013 14:08
# Ligazón permanente a este artigo
FALLO DO I CONCURSO DE RELATOS COAMAREA

O xurado do I Concurso de Relatos Coamarea do Centro de Atención ás Persoas Maiores de Ortigueira composto por:
- Dna. Aurora Pereira Moure (residente).
- D. José Dovale Gómez (residente).
- Dna. Mª Carmen Gómez Vázquez (familiar).
- D. Ángel Piñón Vilariño (veciño).
- Dna. Cristina Díaz Castro (xerocultora).
- D. David Martínez Lago (psicólogo).
Reuniuse o 13 de novembro de 2013 e decidiron que os relatos gañadores son os seguintes:
? Categoría Infantil: VOLTA A 1900 de Darío Breijo Novo.
? Xuvenil: Queda deserto por non chegar ningún relato.
? Adulto: ATANISCANDO NO OUTONO de Usuarios e Profesionais do Centro de Día de Carballo.
Posto que a categoría Xuvenil queda deserta e pola calidade dos relatos recibidos, decídese facer unha Mención Especial ao seguinte relato: A PETENESA de Manuel Vázquez do Centro de Día do Corgo.
O venres 15 de novembro ás 16:30 horas terá lugar a entrega de agasallos no CAPM de Ortigueira.
Parabéns aos gañadores e grazas a toda a xente que participou.
Comentarios (0) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 14-11-2013 16:38
# Ligazón permanente a este artigo
RELATOS RECIBIDOS PARA O CONCURSO

Pechado o período de recepción queremos contarvos que recibimos relatos da categoría de adultos e da categoría infantil, pero non así da categoría xuvenil polo que quedará deserta.
Agradecemos en especial a tódolos centros da rede do Consorcio que enviaron un ou varios relatos: Allariz, Boiro, Carballo, Carnota, Coles, Monforte, O Corgo, Pobra de Brollón e Valga. Ao resto queremos animarvos para participar en próximas ocasións.
Agardamos ao venres 15 para saber o fallo do xurado.
Comentarios (0) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 12-11-2013 16:30
# Ligazón permanente a este artigo
SAN MARTIÑO

Chega o frío e con el o tempo de matanza, de magosto, de esfollas e de troula. A nós, coma tódolos anos, chéganos o noso patrón, San Martiño.
Este ano as festas comezaron por todo o alto. O noso veciño Ángel Piñón, o veterinario, tivo a ben aceptar ser o pregoeiro. Adicou unhas palabras ben fermosas para esta Casa e a súa veciñanza; lembrou a vida de Martiño, o santo da media capa e a solidariedade; contounos a lenda da Lagoa de San Martiño; e por último fixo un percorrido por tódalas actividades que imos realizar ao longo desta semana.
Achegouse parte da veciñanza de Luama, a nosa parroquia, acompañados por membros da Comisión de Festas, José V. Aguiar Fiz (Cuxa) e Vicente Balteiro Piñón (Chente de Cortiñadona) quen inauguraron a exposición ?San Martiño 2.013. Tradicións de Luama?. Convidamos, a quen se queira achegar, a ver case cen pezas antigas emprestadas pola veciñanza de Luama e representativas de oficios, de crenzas e de ocio, presididas por un San Martiño. Podemos destacar pezas como unha vitrola con discos antigos onde soan os anxiños de Machín, unha radio de válvulas en funcionamento, unha máquina de fiar e outra de facer chourizos, reloxos de cadea e unha reloxeira de coiro, e campaíñas do gando, de macho e de femia que non soan igual. Todo presidido por un antigo San Martiño que perdeu as mans pero non a sona de milagreiro.
Compartimos unha merenda con roscón, traído pola Comisión de Festas, e café con leite amenizada polo Home Orquestra de Viveiro, Hortensio. Moita xente da casa e de fóra se animou a botar unhas pezas e ata Angustias do Gaio non cansou de bailar, a pesar de que pola mañá non se podía erguer. E que dure que temos unha semaniña enteira, iso si que é foliada.
Comentarios (1) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 12-11-2013 11:47
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0