Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

CASTAÑAS, NOCES E VIÑO FAN A LEDICIA DE SAN MARTIÑO

Rematadas as vendimas, no mes de outubro xa pingan as primeiras castañas e logo chega novembro (?castañal? para a xente do Incio), mes das esfolladas, para comer coas mozas, catro castañas asadas, segundo di o refrán. Tempo no que homes e mulleres se xuntan arredor dun lume acendido no chan, con frouma de piñeiro, botan castañas verdes nel, para que se asen, e despois cómenas, regadas con viño novo e cantares. É a festa do magosto, que se celebra arredor do San Martiño, alá polo 11 de novembro, día arriba día abaixo.
O san Martiño, patrón da nosa parroquia, mirade se é importante que ata a castaña serodia, plana e alongada leva o seu nome. Por iso, non podía faltar no noso programa das festas unha boa castañada.
A historia de Galicia non se pode explicar sen falar das castañas, e do seu pai o castiñeiro, árbore nobre, querida e venerada por moitos pobos e que deu alimento, madeira, acubillo e sombra a moitos dos nosos devanceiros. Hai que lembrar que durante os primeiros tempos do cultivo das patacas, estas recibiron aquí os nomes de castañas da terra ou castañas mariñas.
As castañas son unha importante fonte de alimentación no sur de Europa, no suroeste e no leste de Asia. Durante a Idade Media, no sur de Europa as comunidades que habitaban cerca de soutos e que tiñan escaseza de acceso á fariña cereal, utilizaban as castañas como a súa principal fonte de carbohidratos. A castaña constituíu unha importante contribución calórica para as persoas e tamén se utilizou na alimentación dos animais domésticos, xa que son ricas en graxas, proteínas, minerais e en vitamina C.
As castañas pódense comer de moitas maneiras, crúas, fervidas, asadas ou doces. Unicamente as bolecas, cagallas ou croucos, malogradas dentro do ourizo, destínanse á ceba do porco.
Recén apañadas, pódense asar nun tixolo, para comelas, ben sexa soas cun pouco de viño, ben sexa cun pouco de chourizo, ou esmigalladas en leite. Nas noites de inverno, nos pobos interiores de Galicia, é moi frecuente cear castañas asadas, con leite.
As castañas verdes, tal como veñen da árbore, tamén se poden cocer nunha pota, con auga e unhas areas de sal. Pódenselle botar tamén fiúncho, se se quere, un chourizo e logo pelalas e comelas, soas, co chourizo, con carne ou con leite. As castañas cocidas con casca chámanse zonchos.
Outro importante uso das castañas é a fariña, coa que se pode preparar pan, pasteis e pasta. O marrón glacé é ben coñecido.
As castañas para se conservaren teñen que estar completamente secas antes de retirar a cápsula espiñenta que as contén e deixalas nunha caixa ou barril cubertas de area fina.
Outra forma de come-las castañas é deixándoas secar no caínzo ou fumeiro, ó fume da lareira. Son as castañas maias, maiolas ou castañas do canizo, que se comen logo, secas e peladas, en forma de caldo de castañas. Pola zona de Ferrol chámanlles pilongas. A maior parte das castañas que se collían nos soutos galegos botábanse nos canizos das cociñas, para secalas. Tódalas lareiras galegas tiñan enriba delas un canizo. O mesmo lume da lareira, que se usaba para quentarse e para facer a comida, servía tamén para ir secando as castañas pois o teito estaba formado por travesas de madeira separadas entre elas medio centímetro, deixando espazo suficiente para que puidese subir a calor e o fume, sen que caesen as castañas que se botaban no canizo, enriba da cociña. De vez en cando había que subir ó canizo, para remexer as castañas, para que secasen todas por igual.
Cando chegaba o mes de xaneiro e as castañas estaban ben secas, era o tempo de pisalas. Collíanse e botábanse nun cesto que se baixaba para o curro. Botábanse unhas poucas dentro dun zurrón de pisar as castañas, feito coa pel dun xato, especialmente para este destino. Entre dous homes novos collían o zurrón e bourábanlle duro enriba dun tallo de madeira.
Despois bazaban a piada na criba, e outro home movía con arte a criba facendo subir as castañas ó aire, de tal xeito que as castañas volvían caer verticalmente na propia criba e as cascas voaban co vento, quedando finalmente as castañas soas, brancas, limpas e sen casca. Estas, botábanse nun cesto e logo bazábanse nunha arca onde se gardaban como un verdadeiro tesouro. Botábanse aparte os "picaños" ou "picós" (as rotas ou malas), noutro cesto ou noutra arca para dárllelas aos porcos.
Os máis vellos/as lembran que as castañas secas eran duras pero moi ricas. Daba gusto meter unha na boca e chupala pouco a pouco como se fora un caramelo. Contan tamén que se se sementa a castaña do medio (das tres que normalmente ten un ourizo) o castiñeiro que naza pode dar castañas sen necesidade de enxertalo. Pero o máis normal é enxertar os castiñeiros, cando teñen sete ou oito anos, con pugas dun castiñeiro que dea boas castañas.
O outro día contáronme que ?debaixo da sombra dos castiñeiros fixéronse os mellores poemas, déronse os mellores bicos, e dixéronse as mais fermosas palabras de amor. De madeira de castiñeiro eran as trabes das casas, as táboas do piso, as arcas, os armarios, os chineiros. De castañas estaba feito o cerne do corpo dos labregos e labregas. E da alma do castiñeiro está feito o eixe do noso espírito colectivo?.
Para tod@s vós, bo proveito!!
Comentarios (2) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 30-11-2011 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
TERESA DAS PONTIGAS

Virtudes Fontenla contounos o outro día unha historia que non ten nada de particular, di ela.
Para quen non coñeza, direivos que hai en Ortigueira unha parroquia que se chama Luía dende onde se teñen as mellores vistas das marismas de Ladrido e das insuas grande e pequena. En Luía hai varios lugares, un deles é o das Pontigas, onde naceu e se criou a nosa Benigna Sanjurjo.
En todas partes hai tipos curiosos que non é que fixeran nada relevante pero que todos recordan. En Ferrol está a Taconatá ou a Chiruca e en Luía vivía unha rapaza coñecida por Teresa das Pontigas. Chamaba a atención porque era xa maior e quería andar a todo gas. Ía sempre moi vestida, pois tiña unha irmá en Ferrol que lle mandaba cartos e roupa, pero as medias as levaba xa rotas no pé e traían os puntos ata riba. Púñase con aquelas boas, como adoitaba dicir, pero ela estaba tizada toda. Tiña un peliño crecho pero suxo. Cando unha perruqueira non cortaba moi ben o pelo ou alguén ía co pelo mal amañado dicíase ?pareces Teresita das Pontigas?. A pobre non traballaba en nada, vivía do que lle daba a familia.
Tanto chamaba a atención que lle sacaron un cantar que foi moi popular na Vila; argallouno Lucho Catá, un que foi médico. Entre Virtudes e Benigna lembráronos este cantar que di así:

Me gusta de verdad
Teresa de las Pontigas
porque pasea sola
y nunca tiene amigas.
Se va para el cantón,
presume de tacón
y luego va a bailar
con los chicos del orfeón,
pues llega a creer
que todos por su amor
están hasta enloquecer.

Comentarios (3) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 25-11-2011 12:05
# Ligazón permanente a este artigo
O LOBO DE MAR

Na Vila aínda lembran a aquel home alto e fraco, cunha pucha de mariñeiro e un pito na man que paseaba o seu sorriso polas rúas de Ortigueira. Paciano de Ladrido. Veu vivir á nosa casa co seu mundo a bordo. O mar deixoulle fonda pegada, foi o seu sustento e fíxolle sofrir a máis dura traxedia da súa vida.
Ocorreu en xullo de hai 50 anos. O Doniene 2 (San Xoán en éuscaro), un dos barcos de Chiqué (Antonio Maciñeira) con base no Porto de Espasante, estaba en plena campaña do bonito coas adegas cheas. Ás oito e media da mañá do día 12, os 13 homes do Doniene 2 atoparon de cheo cunha galerna no medio do Cantábrico. Para quen sexa de terra dentro, esta palabra non lle dirá moito, pero para as xentes do Porto é a máis temible. Un vento desatado que zoa do océano de súpeto a unha velocidade de entre 160 e 200 quilómetros por hora; provoca unha mar arborada con ondas que chegan aos 20 metros. Unha destas ondas fixo escorar ao Doniene 2 a babor uns 90 graos. Arrasou con todo o que había na cuberta agás os dous paus. Deixou a cheminea apachocada. O máis dramático, foi a caída ao mar dos dous patróns, Ramón Ojea e Domingo Rubido, así como do mariñeiro Jesús Orizales. Tentaron aferrarse aos restos da ponte, a un bocoi que flotaba, os compañeiros arroxaron unha boia. Pero nin modo. O mar pode máis que tódolos homes xuntos.
O barco, con varias vías de auga e completamente anegado, ía á deriva. Os mariñeiros fixeron por gobernalo cunha caña auxiliar. Sen descanso durante longas e desesperadas horas. Ao atardecer foron avistados por dous barcos que se achegaron. Estaba entrando a noite e non tiñan luces. Non puideron realizar ningunha manobra de salvamento. Unha noite interminable loitando contra o mar. Ao amencer, o Marqués de Valterra tentou remolcalo cunha estacha. Rompeu. Sacaron como puideron á tripulación entre o Erizana, o Guitiriz e o Reiriz. Ás nove e media desa mañá, o Doniene 2 foi tragado polo mar a 100 millas do cabo Prior.
Paciano era o tripulante máis novo con 22 anos, aínda que tamén os acompañaba Emilio Ojea, o fillo do patrón, un rapaz de tan só 15 anos. A vida de Paciano, así como a de todos os seus compañeiros, quedou marcada para sempre e non lle gustaba recordar. A mítica galerna do 61 afectou a máis de 100 barcos por todo o Cantábrico, dende Galicia a Euskadi, 21 deles afundiron e 82 homes afogaron. Algún dos máis vellos superviventes dixo que nunca vivira un temporal tan impresionante e angustioso.
Hoxe en día, a tecnoloxía pode predicir galernas e previr dramas.
Dende o noso simbólico barco, esta é a lembranza de Paciano Fustes Rubido, que nos deixou un novembro de hai 6 anos, e de toda a xente do mar.
Comentarios (3) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 18-11-2011 09:00
# Ligazón permanente a este artigo
A ESFOLLA DO MAÍNZO

Ata mediados do século pasado, este era o tempo da esfolla, unha tarefa agrícola que consistía en ir arrincando as follas que recobren a mazaroca do maínzo para que non podreza coa humidade. Pero ademais dunha tarefa agrícola era un acto social.
Para apañar as mazarocas da leira había que ter o carro armado con caínzas que se facían con varas de castiñeiro e canto máis altas máis carga collía. Levábase todo para a casa, onde se esfollaba. Podíase facer de dous xeitos: quitar tódalas follas, cando as mazarocas ían para o hórreo ou eran pequenas; ou deixar unha cantas follas das máis seguras para entrelazalas en restras e penduralas a secar. Xeralmente as trenzaban as persoas maiores, con máis experiencia e paciencia, arredor dun vimbio forte que remataba nunha asa. A restras pendurábanse diante o poxigo, nos balcóns ou no hórreo. Se non collían no hórreo había que facer cabazos de varas de castiñeiro.
As follas de fóra das mazarocas dábanse de comer ao gando ou estraban as cortes. Coas máis branquiñas anovabamos os xergóns (a canción de berce que máis acompañou a nosa infancia foi o ruxir das plumas de maínzo a cada volta que dabas na noite). A barba cocíase e aquela auga era boa para a infección de urina. O carozo era bo para acender o lume na lareira e para debagar os graos de maínzo. Maínzo mesturado con centeo ou trigo era o pan que comiamos todo o ano.
Sempre se esfollaba en grupo, era unha festa reducida pero gozosa. Familias e veciños repartíanse os día de esfolla e organizaban quendas conforme ían rematando a colleita dun e doutro. Facíase ás noites, nas cociñas ao pé do lume, sen présa, xa que non había colleitas que atender nin outras tarefas agrícolas que realizar.
O traballo non era pesado nin agoniante, o mesmo participaban os máis novos que os máis vellos da casa. Para os máis pequenos o importante era afacerse a traballar, estar en contacto cos pais, con outra xente e, por suposto, pasalo ben. Os pícaros e pícaras subiamos á pila e botabamos as mazarocas para abaixo para que as fosen esfollando. Nós tamén esfollabamos en procura da reina, así se chama a rara espiga que tiña os grans escuros e daba o privilexio de escoller parella de baile.
Durante a esfolla transmitíanse todas as novas da aldea, cantábase, bailábase e improvisábanse contos con retranca protagonizados pola xente nova presente. A esfolla era unha boa ocasión para poder mocear. Para cear asábanse castañas e ás veces ata había pan, chourizos e touciño asado na brasa da lareira. Conxugábase o traballo, o saudable e a diversión.

As esfolladas de noite
non dan proveito a ninguén;
mandei á muller a ela
esfolláronma tamén.

Comentarios (5) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 15-11-2011 08:55
# Ligazón permanente a este artigo
O DÍA DO PATRÓN

E por fin chegou o San Martiño, o día do patrón.
Tivemos un bo xantar, como está mandado. Unha sopa de cocido, que miraba cos ollos para riba, e un cocido en condicións coa súa verdura, pataquiñas, garabanzos e carne. De sobremesa houbo gatón, un biscoito moi afamado na Vila, que foi agasallo da Comisión de Festas da nosa parroquia. Agradecémosllo de corazón, estaba boísimo!
Pola tarde fixemos un traballo deste tempo. Vos diredes ?o día do patrón, e poñerse a traballar non cadra?. Para nós máis que un traballo é un divertimento, unha lembranza da vida de antes. Fixemos unha esfolla. A nosa madriña das festas trouxo 4 sacos de mazarocas da casa de Margarita de Casaldaia e Sonia trouxo de casa de seus pais outros 14. Grazas a esta xentiña boa poidemos volver aos nosos tempos de xuventude.
Esfollou todo o mundo, eu o primeiro, aínda que me costa ben. Tinolo de San Claudio e José de Castro de Rei debían ter medo de non ter en que durmir de noite, pois fixeron unha pila de pluma cada un como un palleiro. Andrés do Valdoviño foi o primeiro en atopar unha reina; ten dereito a escoller con que ha botar unha peza; Carmen, supoño. Gustoume ver a Fina das Pontes esfollando toda a tarde e a Honorinda dos Pontigos con dúas mazaroquiñas na man. Fina de Caranza estreouse este ano, pois ao ser de cidade nunca o fixera. Así e todo, unha das cousas que máis me chamaron a atención foi ver a Domingo da Xilde esfollando e trenzando as follas para podelas pendurar do hórreo. Hai mañas que nunca se perden...
E ben. Aló vai canto María fiou! Ata o ano que ven, meu San Martiño!
Comentarios (3) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 12-11-2011 18:26
# Ligazón permanente a este artigo
CARLOS BREIXO, O CONTADOR DE HISTORIAS

Con que agarimo trata Breixo a nosa historia, esa que se conta das cousas pequenas e que nos fan grandes.
Veu falar con nós do Camiño de Santo André de Teixido e con este principio falou de camiños de pedra e de camiños de ferro; de pontes e de fontes; de capelas e de hospitais de peregrinos e de lazarados?
Non precisou máis que unhas poucas fotos antigas e a súa grande memoria para achegarnos aos tempos de antes. Daquela cando os arrieiros eran os que transitaban polos vieiros, levando as mercadorías dende os portos ás vilas, e os camiños reais e as pontes tiñan o ancho xusto para poderen cruzar dúas carretas. Contounos de cando se fixo a estrada que vai de Viveiro a Ferrol e comezaron a aparecer os primeiros coches a vapor.
Estivemos encantados vendo as fotos que recolleu e que nos transportaron á nosa infancia e xuventude; Isabelita lembrou cando na estrada xeral aínda non existía a Caixa de Aforros e no seu lugar estaba a casa das Xacobas e fronte a ela a antiga farmacia de Torres, Aurorita recordaba os postos da desaparecida feira de San Claudio, Paco estivo a pensar nas veces que ten subido ao alto do Casón de onde se ve toda a ría de Ortigueira, Saturnino contounos que bebera da fonte da capela do Socorro cando fixo o camiño a Teixido a pé e ninguén sabía da cripta que hai en Couzadoiro onde está soterrado un fidalgo no seu sartego de pedra. Son cousas dalgún día que non teñen que caer no esquecemento.
Aurorita de San Claudio entregoulle un agasallo para que nos recorde: un chamador dos que antigamente se poñían nas portas das casas no que ía a seguinte notiña:
A CARLOS BREIXO.
Ensinante dos Camiños, transmisor da cultura
e mantedor da historia viva do noso pobo,
por compartir o seu saber cos nosos Maiores.
Unha aperta.
Centro Residencial de Maiores de Ortigueira
 San Martiño 2011 

Prometeunos vir outro día e un regalo como ese non o imos deixar escapar. Grazas Carlos! Aquí terás sempre un grupo de xente vella con gañas de aprender e de lembrar.
Comentarios (4) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 11-11-2011 23:30
# Ligazón permanente a este artigo
OBRADOIRO DE TALLA DE CALABAZOTES

Antigas crenzas atribuían ao mes de novembro o inicio do ano. Nos non iniciamos o ano pero si as festas do noso patrón, San Martiño, e por iso esperamos á semana do santo para facer os calabazotes.
Este ano tivemos calabazotes enormes como os que trouxo Sonia de Abarqueira, abundantes como os que achegou Loli de Mera, e pequeniños e moi chusquiños como os de Manolo de Devesos. Todos eles foron traballados durante a mañá do xoves por un bo grupo de homes e mulleres da casa. Alí puiden ver a Angustias do Gaio en primeira fila baleirando o máis grande de todos; Carmen de Luaces e Paco de San Adrián traballaron arreo baleirando varios; tamén Maruxa de Mera e Lucho puxeron toda a súa ansia en facer un bo traballo. Achegáronse Luísa, Delmira, Carmen, María... Unha das persoas que máis me chamou a atención vela traballar foi Fina das Pontes, porque chegou hai poucos días e aínda está coñecendo a casa e a nós. Aproveito para darlle a benvida no nome de todos e todas.
Tendes que pasar pola nosa casa para poder ver que artísticos calabazotes temos en exposición na sala.
Comentarios (5) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 11-11-2011 23:28
# Ligazón permanente a este artigo
NARCISO DE MEIXIDO

Despois do magosto, o mellor que puidemos facer foi ir escoitar a Narciso, o dono do museo etnográfico de Meixido. Veu falar con nós sobre a casa rural galega. Esa casa que non só era vivenda senón tamén unidade económica, xa que tódalas persoas que a habitaban vivían do que alí traballaban.
A casa galega de aldea é humilde coma os seus habitantes. A vida facíase na cociña, onde se estaba máis quente, pola lareira e porque ao outro lado estaba a corte e os animais tamén dan calor. Apenas tiña mobiliario: unha lareira con escano (no que se comía coa cunca na man), unha artesa para facer o pan, un baño de salgar e un alzadeiro. Enriba estaba a sala na que se durmía en xergóns de pluma e tamén había unha hucha para gardar a roupa.
Ademais podían existir outras construcións como o forno do pan, o hórreo, o alpendre, a palleira, a cabana e o curral.
A casa na que vivimos agora non ten moito ou nada que ver coa tradicional pero a meirande parte dos veciños e veciñas vivimos a nosa infancia e xuventude nunha moi parecida. Incluso Luísa recoñeceu unha das casas que Narciso tiña nas súas fotos, xa que ela traballara alí de nova.
Foi Lola de San Paio quen lle fixo entrega a Narciso dun pequeno agasallo que tiñamos para el: un chamador dos que antigamente se poñían nas portas das casas no que ía a seguinte notiña:
A NARCISO
por compartir o seu saber cos nosos Maiores.
Para o ?FARO DE MEIXIDO? que abre as portas
da cultura popular galega a quen se lle achega.
Centro Residencial de Maiores de Ortigueira
 San Martiño 2011 

O xoves, Narciso volveu á nosa casa para tamén el traernos un presente: unha cabaza de pelegrino que gardaremos con agarimo.
Comentarios (2) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 11-11-2011 23:10
# Ligazón permanente a este artigo
O MAGOSTO

Agora si, chegou o tempo
o tempo das esfolladas,
para comer coas mozas
catro castañas asadas.

O mes de novembro é o mes das castañas alimento tradicional e saboroso de calquera xeito. O mércores pola mañá andamos pelando unha presa delas. Houbo a quen lle pareceu que están máis duras de pelar cada ano... Lucho de Couzadoiro, Pepe de Castro de Rei e Baudilio de Loiba pelaron unhas poucas, porque os homes tamén traballamos, pero quen máis participaron foron as mulleres da casa; a María arrequecíalle o traballo como se non houbera mañá e Angustias, coma sempre, tan participativa.
Á tarde Josefa e Matilde cocéronas cun pouco fiúncho e non hai no mundo mellor manxar cun pouco leite.
Bo proveito!
Comentarios (1) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 11-11-2011 22:48
# Ligazón permanente a este artigo
A LAGOA DE SAN MARTIÑO

A ría de Ortigueira é un espazo natural que posúe a categoría de Zona de Especial Protección para as Aves, polo que forma parte da Rede Europea Natura 2000.
Na beira da ría atopamos unha pequena lagoa de auga doce, a Lagoa de San Martiño. Está nunha baixada ao suroeste da praia de Morouzos e arrodeada por cordóns dunares e chaira areenta. Anégase en invernos e veráns húmidos e tende a secar nos veráns calorosos. Na década pasada foi totalmente rexenerada (antes usábase como vertedoiro) polo Ministerio de Medio Ambiente, que obtén o premio ?San Telmo? por este traballo, xa que lle devolveu o seu estado natural para goce da xente de Ortigueira e de quen se queira achegar.
Na lagoa existe un bosque de salgueiros e bidueiros, onde viven os ferreiriños e os picafollas, paxariños rebuldeiros. Tamén podemos atopar freixos, carballos, tamargueiras e algún castiñeiro con estreliñas bulindo ao arredor das súas copas espertando aos poucos leiróns que quedan na nosa terra. Abundan os espiños, loureiros, abeleiras, rascacús? entre os que se agocha o golpe e ao pé dos que fura o xabaril buscando a súa pitanza. Entre uces, xestas e arandeiras en contadas ocasións se deixa ver a denociña. Cando chegamos á pátina de auga, entre espadanas, xuncos, carrizos e lirios amarelos, aniñan os lavancos, mergullóns e galiñolas. As elegantes garzas agardan con enorme paciencia por algunha rá ou algún pintafontes que arponean co seu longo peteiro. As lontras buscan a auga doce da lagoa competindo polo seu alimento. O gran ecosistema desta lagoa ten un emplumado homónimo no martiño peixeiro que vai de cote retirar o salitre que o mar deixa no seu vestido laranxa e azul.
Os máis vellos do lugar contan que hai en San Martiño unha vila anegada. Disque un bo día unhas mulleres da parroquia estaban a cocer. Nisto chegou outra e lles pediu un pouco pan. Mandáronlle esperar un intre para facerlle un. Non tiñan moita fariña e, por aforrar, fixéronllo de farelo. Cocido o bolo, pareceulles moi grande e preferiron non llo dar, pois a fame era moita. Así a muller marchou sen nada. Entrou noutra casa e pasoulle o mesmo, e o mesmo na seguinte.
Polo camiño, atopou cunha nena que alindaba nas ovellas coa súa cadeliña. A muller pediulle un anaco do pan que estaba a comer e a pequena deulle o cacho enteiro. Non quería todo pero a nena porfioulle, xa que podería comer máis cando chegara á casa, en San Martiño. A muller despois de coller o pan, virou para a vila e dixo:
Lago te asolago.
co de riba para baixo,
que queden esta neniña
e esta cadeliña.

Deste xeito San Martiño somerxeuse na lagoa ata desaparecer completamente. De cando en vez aínda se escoita o tanxido das campás e o canto dos galos, ou a lo menos iso din?
Comentarios (2) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 11-11-2011 09:26
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0