Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

É CHURRA!!!

Pois si. Se a alguén lle quedaba dúbida, xa volo digo eu: é Churra!
Hoxe baixou Isabelita do Forno deixar os ovos no niño...
Se cadra, hai que empezar polo principio. Fina érguese da cama todas as mañás coa ilusión de ir mirar se hai ovos. Pon as súas catiúscas e baixa con Isabelita. Cando colle un ovo de cada niño é a muller máis feliz do mundo e os recolleu cada día. Durante todo este tempo as pitas non puxeron. Animaliños, son moi novas. Nós metemos un ovo en cada niño para que Fina teña ilusión polo galiñeiro e mais para que as galiñas saiban onde poñer. Os ovos os deixa Isabelita despois do almorzo cando baixa a dar a volta de circunvalación.
Xa onte cando baixamos a media mañá había tres ovos, os dous de Isabelita mais outro que non sabiamos se alguén baixara. Pero hoxe xa podemos estar seguros. Cando Isabelita baixou a deixar os ovos nos niños, a pita branca estaba poñendo. Non quixo molestala moito por se tiña medo e deixaba de poñer. Ao chegar de volta do seu paseo diario mirou no niño e alí estaba, como un tesouro branco, o ovo de Churra. A sorpresa e a ledicia de Isabelita son comparables ás de Fina. Nin que dicir ten que está toda a casa encantada. Logo parece que nunca unha galiña puxera un ovo.
Fina xa está pensando que facer cos ovos, tortilla ou flan.
Comentarios (7) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 25-10-2012 15:38
# Ligazón permanente a este artigo
FIADA EN INSUA

O xoves pasado fixemos unha pequena viaxada. Invitáronnos Luz e Daniel do Pimpín a ir pasar o día ao Local Social que eles rexentan. Pola mañá levounos Miranda a Insua e alí coñecemos a un grupo de veciños e veciñas da nosa quinta. Luísa de Devesos xa coñecía á meirande parte, pois hai uns anos estivo coidando a unha señora da parroquia.
Aproveitando que xa estamos no outono, preparamos unha potiña de callos aos que nos invitou o noso Inocencio, o acordeonista. Luz fixo un doce negro con xeado que estaba de chupar os dedos e que acompañamos cun cafeíño con leite ecolóxico, agasallo de Urbano, o fillo de José da Serra. Celebramos un xantar comunitario no que nos sentimos coma na casa.
Porén, non todo vai ser comer. Nós levabamos pensada unha festexada como as que faciamos antigamente: unha fiada. Non faltou de nada: rocas, fusos, parafusas, cardas e ata un sarillo que nos emprestou Alberto Golpe. A lá viña das ovellas de Manolo de Ladrido, que tamén se apuntou á festa.
A nosa Maruja da outra Insua, da de Mañón, ensinounos a fiar a quen non sabiamos. Pero tamén Graciela de Insua acomodou a roca na cadeira esquerda e o fuso na man dereita e pasou a tarde fiando na lá. Amparo e Lola, as bisnetas de Pedro do Valado, non perderon as mañas e recordaron como se facía coas manelas de liño, que daba moito máis traballo que a lá. Emilia, a costureira, tamén fiou e a súa nai Josefa, nacida nos Casás, de nova fiaba coa máquina. Pero tamén os homes traballaron, e logo! Pedro pasou parte da tarde escarpizando e Alterio atreveuse a cardar unha pouca. Eu tamén puxen o meu graíño escarpizando unha pouca para que Sira puidera calcetar uns peúcos para cando naza o pequeno de Maribel, unha moza ben guapa da parroquia. Tivemos tamén a compaña de varias nenas (Candela, Sara e Nerea) que quixeron coñecer os costumes de vello e participaron da festa.
Traballar, traballamos (non acabamos de fiar toda a lá que era moita) pero tamén parolamos e botamos unhas cantaruxadas acompañadas da pandeireta de Gelo e do acordeón de Inocencio. Loli de Mera do Medio animou o baile con Luz. Dina de Insua e Manolo de Ladrido ata fixeron un dúo musical.
A filla e o xenro de Maruja e Emilio estaban encantados de ver disfrutar a seus pais todo o día e marchan para Suíza cunha fermosa lembranza.
Foi un día redondo. A veciñanza de Insua é moi festexeira. Hai que dicir que este Local, de todos os do concello, é o que fai os mellores bailes, acudindo xente de toda a contorna. Se cadra teremos que ir a algún. De momento, fixemos a convidada para a esfolla do maínzo,polas festas do San Martiño.
Comentarios (5) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 23-10-2012 10:28
# Ligazón permanente a este artigo
O CASO DO BOTICARIO MOAS

Co conto das Pitas de Fina estamos a recibir moitos consellos sobre o coidado das galiñas, e dos galos se procede. Como queriamos que empezaran a poñer axiña pedimos que nos dixeran algún truquiño para acelerar o proceso. Un dos que saíron foi poñerlles en cada niño un ovo de madeira ou de metal (non temos claro cal é o material axeitado), para que así tamén souberan onde poñer e que non andaran deixando os ovos por fóra. Non parecía mal consello, pero non tiñamos ovos para o caso así que fomos á agrotenda de onde trouxeramos as pitas a ver se sabían algo do tema.
Benito, o guardia, home simpático onde os haxa, cando sentiu a nosa petición esbozou con pillería un sorriso. Non nos debía de ver moitas trazas de gandeiros? Mais non era iso. O que quería era contarnos un caso.
Vós ben coñecedes a Manolito Moas, non? o da farmacia da Estrada Xeral. Pero ao defunto do pai, deus o teña no ceo, non o coñecestes. Era tamén boticario e tampouco tiña présa ningunha. Dunha vez entroulle na botica unha señora, igual que hoxe vós aquí. El foise levantando a modiño, a modiño, e a señora díxolle, ten vostede ?ghuevos de plomo?? Moas díxolle con moita retranca, non señora non, élle reuma.
Tivémonos que rir por forza.
Á fin viñemos para a casa sen ovos de madeira ou de metal ou do que fora. Pero as pitas comezaron a poñer ovos nos niños como se o tiveran feito toda a vida. Animaliños!
Comentarios (3) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 10-10-2012 13:52
# Ligazón permanente a este artigo
AS PITAS DE FINA

O luns, como cada primeiro de outubro, celebrouse o Día Internacional das Persoas Maiores. Para conmemoralo, aínda que con certo atraso, fixemos a inauguración do Galiñeiro. A nosa Fina merece isto e máis. Unha muller tan activa coma ela precisaba dunha actividade na que ocupar o seu tempo. Non valía calquera actividade. Había de ser algo significativo para ela, é dicir, unha actividade recoñecible e apreciada por ela e de doada execución. Toda a vida tivera galiñas na casa e axudara a coidalas polo que a alguén se lle ocorreu que, por que non continuar facéndoo? O equipo aceptou a proposta con algunhas caras incrédulas, pero neste barco todo é posible.
Fíxose un traballo previo de achegamento á actividade falándolle dela sempre en positivo. Comentóuselle tamén á súa familia, a quen agradecemos todo o seu apoio.
Tras comprobar que tiñamos moitas posibilidades de que Fina se integrara plenamente na actividade, pasamos á construción do galiñeiro con materiais de refugallo. Os arquitectos (Miranda e David) deseñaron e executaron unha obra de arte de estilo tradicional galego, un clásico no que a galiñeiros se refire: chan fundido (xa estaba) acolchado con virutiña, paredes de madeira con malla das galiñas e polispán (para que os animaliños non papen frío que alí disque pega moito o nordés), un teito metálico con lucernario incluído e unha porta con gonzos de tecnoloxía punta. Isto non é calquera cousa! Pasou tódolos controis de calidade a proba de xabarís, martas e golpes. Pero é que ademais non lle falta detalle: poleiro, poñedoiros, comedeiro, bebedeiro, areeiro... A deseñadora de exteriores (Gelo) tamén cumpriu: paredes e porta en cor verde ecolóxico, teito vermello con tellas do país (moi ben pintadas), tiradores dos poñedoiros en cor bronce, unhas macetiñas con ciclamens derredor e ata un cartel rotatorio (que dá voltas, vaia) no que se anuncia: AS PITAS DE FINA.
De véspera fóronse buscar dúas galiñas que a mesma Fina escolleu: unha castaña que se chama Pita e unha branca que se chama Churra, uns nomes moi acaídos para unhas galiñas da súa condición. Non hai no mundo outras tan ben feitas!
Á inauguración acudimos moitos tripulantes (residentes, persoal e familiares) que amosamos o noso agrado pola construción e demos a nosa opinión sobre os coidados destes animais (hixiene e limpeza, alimentación, esparexemento...) así como das medidas preventivas contra os posibles depredadores. Algunha xa tiña gardado un cachiño de pan para lles botar ás pitas. Fame non han pasar.
Entrementres, Fina non pestanexaba mirando para as súas galiñas e estas souberon ser protagonistas e estar á altura da ocasión.
Rematamos a inauguración cun aperitivo a base de empanadiñas e zume.
Invitámosvos a visitar o noso Galiñeiro (en persoa ou na fotoblogoteca) e esperamos que sexa terapéutico para Fina e para o resto da tripulación. Tamén abrimos a posibilidade de que nos deades consellos dende a rede para o coidado de tan prezados animais. Grazas pola vosa colaboración.
Comentarios (23) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 03-10-2012 10:25
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0