Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

A NÉBOA E A VERGOÑA

Abelardo Anido Piñón foi veciño desta casa ata que finou. Era do lugar das Cascas en San Adrián de Veiga e sobriño da nosa Avelina quen o criou coma un fillo, pois lle morrera a nai ao nacer.
Abelardo dicía que isto non é un conto, que é unha verdade. Luisa Gregorio Castro (70 anos) que naceu en Devesos, tamén nos ten contado este contiño.
Nalgún tempo, todas as cousas falaban e a vergoña e máis a néboa falaron. Atopáronse un día e a vergoña preguntou:
? E se te perdo onde te poido atopar?
? Se me perdes, de inverno nos altos, e de verán, nos baixos? respostou a néboa.? E se eu te perdo a ti, onde te poido atopar?
? A min, se me perdes non me busques, porque quen perde a vergoña non a volve atopar na vida.
Cousas da xente. Non lles falta razón.
En Ortigueira a néboa apóusase a carón da ría que forma o Mera e sobre o esteiro de Baleo. Na foto podedes ver ámbalas dúas desembocaduras e a praia de Morouzos entre elas, pero nun día sen néboa.
Comentarios (1) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 29-10-2011 14:54
# Ligazón permanente a este artigo
CEREIRAS E CEREIROS
Existen abellas no mundo antes de que existiramos as persoas. Ademais de produciren mel, pole, xelea real e própole, polinizan as plantas que son case a metade da nosa alimentación.
As abellas viven sobre 30 días e cando teñen uns 12 empezan a producir cera mediante unhas glándulas que teñen no abdome, denominadas cereiras, durante 6 días máis ou menos. Utilizan escamas de cera para elaborar as celas hexagonais coas que constrúen o panal, onde crían novas abellas e producen o mel. Para produciren un quilo de cera, as abellas deben consumir entre 7 e 8 quilos de mel.
En Galicia sempre houbo quen tiña abellas, como complemento da agricultura ou da gandería. Tradicionalmente facíanse as colmeas de cortizas cubertas cunha lousa, onde as abellas fixaban os seus panais. Estes cortizos adoitábanse colocar no monte cun cercado arredor denominado alvariza, para evitar que entraran animais meleiros. Cada ano por esta época cortábanse os panais e sacábase o mel e tamén a cera.
Durante o século pasado comezaron a utilizarse colmeas móbiles, onde se poden extraer os panais sen cortalos e a produción de mel é maior. Pero, pola contra, este tipo de colmeas diminuíu moito a produción de cera, pois xa non é preciso que as abellas constrúan novos panais cada ano.
A cera vendíase ás cereiras e cereiros quen primeiro a cocían, a vertían cun cazo de cinc no pío recuberto con esparto (para coala) e a prensaban para conseguir tacos duns 40 quilos.
Antigamente a cera era moi prezada, xa que con ela facíanse as candeas, o medio de iluminación máis empregado; realizábanse derretendo a cera e verténdoa sobre as mechas. Outro elemento moi solicitado eran os exvotos (figuras humanas, de partes do corpo ou de animais, empregados para pedir milagres a un santo ou santa) que se elaboraban nun molde de dúas pezas, para poder abrilo, cuberto de aceite ou xabón, para que a cera non se pegue, e quedando a peza oca. Agora utilízase para pomadas, perfumes, tratamentos da madeira, candeas decorativas? Mais hoxe en día, a cera está mesturada con parafina e non rende o mesmo.
Así nolo contou Suso, un cereiro que había na Casa do Mel e que veu o ano pasado polo San Martiño a desenvolver un obradoiro de cera; moito nos gustaron as candeas que fixo, como as de sempre, pero tamén as de cores, con escamas, con forma de flor e ata unha Torre de Hércules de cera. Na foto podedes ver algún exemplo.
Comentarios (0) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 28-10-2011 14:17
# Ligazón permanente a este artigo
O CRISTO DE MOURAZ

Contábanos Maribel a lenda que atribúe o nome de Faladora á serra. Disque alí foi soterrada viva Hildefrida, esposa do rei Remismundo; parece que acusaron á raíña de mandar matar a un fillastro seu e o rei ordenou vinganza. Hildefrida, por ser inocente, aínda vive nas entrañas da serra e dende alí pódense escoitar os seus laios.
Se ás Pontes vas
e unha pedra oes falar
é a dona de Remismundo
co seu eterno penar.

Cando paseamos pola serra, ademais de escoitar á raíña faladora, atopamos, case sen querer, unha chea de tesouros; só temos que entornalos ollos para distinguilos.
Preto da Pena Branca, aló onde se xuntan os montes, da Panda, do Carabelote, da Penagrande e da Coriscada, podemos ver os restos do Cristo de Mouraz, entre monumentos prehistóricos, como representante da cristianización destas terras.
Dicía Federico Maciñeira, o gran historiador, que era un gran cruceiro de pedra con ampla base, que servía de marco para dividir sobre aquel ángulo as parroquias de San Sebastián de Devesos, San Cristovo de Couzadoiro, San Mamede de Grañas do Sor e Santa María de Mañón, dicíndose na localidade que sentados ao pé da cruz poden xantar os catro respectivos curas sen saír de cadansúa.
Hoxe, se non nos decatamos, pode pasar por ser un monólito perdido no medio do monte. Del só quedan a súa base e parte do brazo máis longo, descabezado, sen Cristo e entre as silvas que medran en derredor.
Hai quen di que aínda perduran as trincheiras que fixeron os mouros, contra quen loitou o Xeneral Mouraz saíndo vitorioso grazas a un ?pau de dous paus? (explícame Manolo de Devesos que debía ser un mallo). En lembranza desta vitoria ergueuse o monumento.
O caso é que o Cristo de Mouraz era lugar de cita antigamente para os romeiros, tanto para os que ían en peregrinación a Teixido como para os que se dirixían a Compostela. Isto é porque está en pleno Camiño dos Arrieiros, un camiño usado ata a Idade Media, que unía o porto de Vares con A Mourela (As Pontes).
Cantos tesouros agochados temos na nosa terra.
Comentarios (1) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 28-10-2011 12:07
# Ligazón permanente a este artigo
O REFUXIO DO ESCRITOR

Conmemoramos este ano o centenario do nacemento do mindoniense Cunqueiro que chamou a tódalas portas da literatura con pluma fantástica, pero tremente entre amenceres e primaveras.
Nun día de outono de hai 75 anos, aqueloutro novo Florisel, con claro escuros en fondo azul, comezou a pasear polas rúas da vila que ten: ?un tan claro aire, que el verso de Manuel Machado que fue para Cádiz se le puede decir a ella cada día: salada claridad. La imagen instantánea de Ortigueira en la memoria es algo blanco que pasa?.
Dous anos convulsos, para a nosa terra e para a nosa xente, os que lle tocaron vivir na Vila ao creador de mundos fantásticos. Afastándose de Compostela, de Mondoñedo e da literatura, refúxiase no Ortegal para exercer de mestre de Letras, como non podía ser doutro xeito, na Academia de don Jesús.
Na Vila cultivou amizades heteroxéneas; dende o alcalde e historiador Federico Maciñeira ata Feliciano Crespo, o xefe da falanxe, pasando polo sacerdote Daniel Pernas, o xornalista David Fojo, o mestre galeguista Laureano Álvarez e tantas outras.
Comeza a escribir en castelán, colaborando de moitos xeitos no semanario Era Azul, panfleto propagandístico da falanxe no Ortegal, inicio este da súa andaina pola prensa escrita. Malia isto, dende as Tres Farolas escoita os partes de guerra e sofre por mortes e exilios de tantos persoeiros da cultura e o galeguismo. Non foi unha época fructífera para a súa obra literaria; foi tempo de medos, como para tantas outras persoas, no que o de Mondoñedo foi capeando o temporal o mellor que soubo co seu exilio interior. Ortigueira axudoulle a descubrir o camiño de xornalista que non abandona xa máis.
No enlace que vos ofrecemos, podedes ler o recente libro Cunqueiro en Ortigueira que ven de publicar o Consello da Cultura Galega e coñecer máis sobre a súa estrofa.
Trinta anos van dende o seu pasamento, co corazón gastado (gustáballe gastar nel), mais so porque soñou moito en Ortigueira, na memoria gardará sempre o seu nome:
?Santa Marta, laguna veneciana
que la bebe un pájaro de bruma...
?


http://www.consellodacultura.org/mediateca/extras/cunqueiro_ortigueira.pdf
Comentarios (0) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 24-10-2011 10:37
# Ligazón permanente a este artigo
CAMELIAS DE MAÑÓN

Á nosa terra gusta da camelia, non en balde Cela, o Nobel galego de literatura, a bautizou como flor insignia de Galicia.
Hai máis de 400 anos que este arbusto, similar a unha árbore de pequeno porte, chegou dende Oriente, onde é considerada un símbolo de lonxevidade e din dela que ten a flor máis fermosa que hai baixo o ceo. Adaptouse perfectamente ao clima, humidade e acidez da terra galega. A súa flor, a pesar de non ter arrecendo, destaca pola variedade de especies e pola súa exótica beleza. Cando as demais plantas aínda non teñen o primeiro gromo, a camelia adiántase e florea en inverno, pintando pingas de cores nos días grises. Podemos atopar as flores da camelia con distintas tonalidades de rosa, brancas, violetas, amarelas, alaranxadas, coloradas, xaspeadas e disque ata azuis e negras. As negras conseguíronas nunha plantación que hai en Mañón, o concello que linda ao leste con Ortigueira. Hai unha boa plantación que destaca, sobre todo, polos seus grandes exemplares. Está na parroquia de San Cristovo de Ribeiras do Sor, na finca do Pazo de Torre de Lama, unha propiedade do século XIV restaurada nos anos cincuenta do século XX, situada na desembocadura do río Sor, moi preto do Cantábrico. A finca pertenceu a Federico Maciñeira e Pardo de Lama (o ilustre historiador), bisavó dos actuais propietarios; deste pasou ao fillo, José Diego Maciñeira Lage, o tío avó, quen encheu os seus xardíns de camelias, cultivando e producindo as súas propias variedades. Na actualidade é a meirande plantación de camelias de Europa e a segunda do mundo. Adican á camelia unhas trinta hectáreas, das cen coas que conta a finca; cultivan con mimo duascentas variedades. A variedade que daba flores negras levárona, nunha ocasión, a unha feira e desapareceulles; sempre houbo xente amiga do alleo?
A festa da exaltación da Camelia de Mañón, que ten lugar o Venres Santo, é o maior acontecemento da parroquia.
A camelia é unha flor ligada á tradición dos pazos galegos, ornamento preciso e precioso nestes e moi común nos parques e rúas galegas. Podemos disfrutar desta flor, nalgúns casos centenaria, seguindo a Ruta dos Xardíns de Inverno de Galicia, un itinerario turístico-cultural polos mellores expoñentes da arquitectura civil galega, con xardíns feitos para soñar, como o castelo de Soutomaior e os pazos de Mariñán, Sta. Cruz de Ribadulla ou Oca.
Os cultivadores de camelia viven pola súa beleza e a maioría desexa crear unha variedade que supere ás outras. Nós temos no xardín algúns exemplares aos que, agora me dou conta, lles teremos que adicar máis tempo.
Comentarios (2) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 24-10-2011 10:22
# Ligazón permanente a este artigo
O CALDO

O caldo é a base da alimentación campesiña xunto co pan e o leite. Outras comidas había para os días de festa, pero a diario comíase caldo e leite para xantar e leite e caldo para cear. Se era día de traballo arreo, había almorzo pola mañá cedo de leite con pan.
Tiña a súa razón de ser que fose o caldo e non outra comida o sustento diario. Tódolos produtos que o compoñen podíanse coller en calquera horta galega e o unto gardábase da matanza. Facíase o caldo con auga, fabas, unto, patacas (había quen lle botaba castañas curadas ou calabazote) e verdura. Segundo a verdura que se lle botara, o caldo podía ser de verzas, de nabizas, de grelos (o máis amargo) ou de repolo (o máis doce); tamén había quen facía caldo de verán con leituga.
Lembro cando as patacas se gardaban da colleita do ano anterior e non nacían con xeito. Chamábanse patacas da abundancia, supoño que porque saían moitas, as máis delas pequenotas e se lles daban aos porcos; non valían un patacón. Daquela saía o caldo chirlo, levaba máis auga que outra cousa. Cando viñeron as patacas da semente xa había máis fartura e se facía bo caldo, sobre todo coas baracas que eran máis fariñentas que as de canabé. Hai unha copla que fala do caldo:
Rapaza, o ben querer,
vaiche en tirar do caldo.
Para todos vas ao fondo
e para min andas nadando.

Na miña casa o caldo facíase así. De véspera púñanse as fabas a remollo, para que amoleceran. Enchíase a pota do caldo con auga e botábanse a cocer as fabas cun cacho de unto (máis grande ou máis pequeno, segundo houbera), sobre hora e media; para de aquela, o unto estaba desfeito e as fabas doadiñas. Mentres, lavábase a verdura e pelábanse as patacas ben finas, non fora a pataca na pelica, e cortábanse en cuñas delgadas (que se viran no caldo pero que non estorbaran na culler). Miña nai primeiro botaba as patacas, para que fixeran o caldo gordo ao iren desfacéndose; cando fervían botaba a verdura, rompida coa man no momento, nunca cortada a coitelo para que non se desangrara. Cocía todo unha media hora e recendía o caldo en toda a casa. Comíase cun pouco pan esmigallado e sabía a gloria.
Lembro unha historia que se contaba do caldo. Naqueles anos nos que se pasaba fame e non se podía pagar con cartos, senón con pousada e comida, disque había un criado que buscaba amo. Cando chamaba a unha porta para pedir traballo sempre preguntaba: meu amo, e vostede como arrefría o caldo? A resposta sempre era a mesma: con auga, meu filliño. El pensaba: este non é o meu amo, teño que seguir buscando. Ata que chegou a unha casa, como sempre fixo a mesma pregunta e a resposta foi: con pan, meu filliño. Ai, este é o meu amo, pensou o rapaz e alí quedou para traballar.
O caldo ademais é un alimento completo. O unto e as fabas póñenlle proteínas; as fabas e as patacas, hidratos de carbono; e a verdura, vitaminas e fibra. Que lista era a xente dalgún día!
Coñecedes a alguén quen non lle guste o caldo? Pois a quen non queira caldo, sete cuncas.

Comentarios (2) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 13-10-2011 17:27
# Ligazón permanente a este artigo
UN HOME DE DEUS COS PÉS NA TERRA

O luns tivemos unha ilustre visita: monseñor Sánchez Monge, o bispo da diócese Mondoñedo-Ferrol. Veu de visita pastoral polas parroquias que atende o noso D. José. Como nesta casa se atopa a Capela de San Roque, veu tamén ver a freguesía.
Eu tiña a idea de que o bispo había ser un home que se daba importancia e polo tanto altivo, distante e máis ben de poucas verbas. Levei unha grande ledicia ao ver a D. Manuel como unha persoa cercana e afable, que lle gusta estar preto das persoas e considera que as mostras de afecto non teñen efectos secundarios. Saudounos a todos e a todas un por un, ofreceunos a súa man, bicounos, retratouse con nós, con toda a paciencia do mundo, e ata botamos xuntos unhas cantigas galegas dende Viveiro ata Rianxo ben disfrutadas. Amosouse coma un home de Deus, pero cos pés na terra.
Pola nosa banda, non deixamos de transmitirlle o noso cariño hacia D. José non só por ser o noso capelán, senón sobre todo polas súas conversas, a súa escoita, o seu cariño e a súa colaboración coa xente desta casa, como un membro máis do equipo. Non se lle atopan pegas a un amigo.
D. Manuel tivo un sorriso presente nos seus beizos e dixo que lle gustara a nosa casa. A nós tamén nos gustou coñecer ao noso bispo.
Comentarios (0) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 06-10-2011 17:15
# Ligazón permanente a este artigo
APRENDENDO A ARTE DE COIDAR

Dende un pouco antes de comezar a primavera e ata os derradeiros días deste verán, tivemos enrolada unha morea de tripulantes que viñeron a aprender o que o meu amigo e psicólogo David dá en chamar a arte de coidar.
Están no Obradoiro municipal ?Ortigueira Dependente? tentando obter unha titulación coa que gañaren a vida.
Seica nun inicio, non todos tiñan moi claro se a profesión de xerocultor-a lles ía satisfacer. Antes de empezar, Araceli foi ao Escolar de Senra, onde teñen as ensinanzas teóricas, para achaarlles un pouco o camiño, contándolles o que nesta casa sen ven facendo con profesionalidade dende hai anos.
Malia todo, o primeiro día entraron pola porta con certo medo de como había de ir a andaina. Tras máis de seis meses nos que se lles aprendeu a desenvolver as tarefas, non só queda o coñecemento teórico-práctico. Escoitar como o fai Nora, dicir as verbas precisas como Martín, ter paciencia para deixar facer como sabe Eva, cantar para estimular como Puri, abrazar cando se necesita... e o máis importante, a relación que non habemos de esquecer facilmente.
Lembramos a súa compaña nos cumpreanos, cando nos axudaron a preparar a festa dos Maios e Ana estivo axudando a Fefa a despetelar flores, cando o Día do Libro Fani nos leu un anaco das Memorias dun neno Labrego, cando nos axudaron a recoller as herbas de San Xoán e Andrés colleunos uns careixóns, cando viñeron facer un Bingo só para nós e Ana Belén axudounos a cubrir os cartóns, cando foron a Mera e Verónica estivo a tocar as cunchas e cantar, cando fomos ao Congreso de Xerontoloxía a presentarmos un novo proxecto: o blog Coamarea.
Todo isto non sería posible sen o traballo previo no que colaboraron dende as sete da mañá ata as oito da tarde para axudarnos nas actividades da vida diaria.
Non queremos esquecer a ninguén así que na blogoteca poñemos unha foto de cada un de vos.
Grazas a todos e a todas polo voso esforzo e ilusión. Espero que agora si teñades claro cal é o voso camiño. Moita sorte de aquí en adiante e sabedes que esta casa está sempre aberta.
Comentarios (5) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 03-10-2011 13:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0