Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

UNHA XOÍÑA ESQUECIDA

AUTOR: TOÑITO DO BARQUEIRO
Aínda que a miúdo pensamos que por Galicia non se dan as orquídeas de forma salvaxe, estamos nun erro, pois temos un bo puñado de especies, no Ortegal suman unhas doce.
A maioría delas escollen as zonas dunares de Morouzos, Esteiro ou Espasante, algunhas moi fermosas como a flor da abella (Ophrys apífera) 1 ou a flor da araña (Ophrys araneola) 2. Outras de formas caprichosas como a Sphiranthes spiralis 3. Outras máis pintorescas como Satirión apincarado (Dactylorhiza maculata) 4.
Pero hai unha pequerrecha coñecida pola herba das dúas follas, hai 20 anos que se viu por Ortigueira e dende aquela ningunha noticia máis dela. A pesar de saber máis ou menos por onde fora atopada, nin eu nin outros compañeiros fóramos quen de botarlle o ollo. Xa a daba por desaparecida, pero nun golpe de sorte, unha casualidade fixo que me metera nun pequeniño monte de loureiros e eucaliptos, e alí agochada apareceu a pequerrechiña Listera ovata 5.
Tan só dúas grandes follas das que nacía a súa vara floral, da cal penduran as pequenas flores de cor verde. A máis discreta e sinxela de todas as orquídeas, pero non por iso menos fermosa.
A diferenza doutras orquídeas, esta non utiliza o engano visual para atraer os insectos polinizadores, de aí as súas cores discretas, pola contra ofrece un apetitoso néctar e posiblemente un arrecendo similar ás feromonas dalgún tipo de insecto, que fai que se acheguen á flor.
Tan só catro pés manteñen a esperanza de que esta especie non desapareza do Ortegal e forman parte da escasa poboación desta singular orquídea en Galicia, da que só se coñecen cinco colonias, e algunha delas tamén con moi escaso número de exemplares.
Cómpre protexelas pois con cada retallo de natureza que desaparece da comarca, pérdese tamén parte da nosa riqueza.
Comentarios (4) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 23-01-2014 09:47
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0