Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

DEZ ANOS SEN PESETA
Estamos a trinta e unha e, tras a costa de xaneiro, haberá quen estea sen branca. Pensándoo ben, sen branca estamos todos, porque a branca era unha moeda da Idade Media. Dende aquela ata hoxe aínda levamos coñecidas unhas cantas.
Moitos achamos de menos a peseta porque en euros (ouros, eiros, ou como raio se chamen) non hai quen conte, a pesares de que este mes hai 10 anos que os temos no peto. A peseta era vella coñecida aínda que a súa vida non chegou aos 150 anos. Había moedas de unha, de cinco, de vinte e cinco, de cincuenta, de cen (de aí que os comercios do baratillo se chamen ?todo a cen? -pesetas-). Nós a que queriamos de verdade era a pesetiña ou rubia; comezouse a chamarlle así na II República por ter acuñada unha imaxe feminina no metal dourado, como a que vemos na imaxe.
Antigamente existían moedas de menos valor ca peseta como as de 50 e de 10 céntimos; coñecíanse popularmente como perra gorda e perra chica. Os nomes se lles deran a finais do século XIX ás moedas de menor valor: 5 e 10 céntimos; eran de cobre cun león (símbolo do imperio español) no seu reverso, desgastábanse con facilidade e a finais do século XIX coa caída do imperio a xente deu en dicir que máis que un león o que había na moeda semellaba unha cadela (perra en castelán) e por iso o nome, que ?herdaron? os 10 e 50 céntimos a mediados do século XX.
Outra das moedas de menor valor era o real que empezou a circular por España no século XIV. No XX equivalía a un cuarto de peseta e tiña unha moeda moi curiosa cun furado no medio cun valor de dous realiños. Antigamente, na feira todo se compraba ou vendía en reais, dende un quilo de fabas a unha vaca. A principios do pasado século comprábase unha parella de bois por ?mil e un?, isto era mil reais e un peso (255 pesetas) e aínda se escoita a expresión de que algo caro ?custa os mil e un?. Mais co tempo os reais perderon valor e a expresión mudou e dise aquilo de que ?non vale nin catro reás?.
Ultimamente en Galicia gustounos máis contar en pesos, a moeda equivalente a 5 pesetas. Téñenme contado que a finais dos corenta o xornal dun home era un peso.
A mota ninguén sabe que moeda era pero tiña pouco valor e sempre se falaba dela en positivo; a miña avoa cando me quería dar unhas moedas sempre me dicía "ven neniño que che vou dar unhas motas". Pero cando quería falar en negativo, dicía que non lle quedaba nin un patacón. O patacón era unha moeda de cobre de dez céntimos; dúas perras chicas facían un patacón, dous patacóns e unha perra chica facían un real e catro reais eran unha peseta. Esperemos que esta crise non nos deixe sen patacón.
Para poder lembrar todas estas moedas e algunha máis inauguraremos na nosa casa mañá 1 de febreiro ás 16:00 horas a exposición ?Dez anos sen peseta?. Veremos tamén fotografías e obxectos antigos dos oficios cos que gañabamos cartos e de feiras, tendas e tabernas onde os gastabamos. Queda todo o mundo convidado a pasar pola Residencia de Ortigueira ata o día 29 de febreiro e disfrutar das nosas acordanzas.
Comentarios (3) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 31-01-2012 19:30
# Ligazón permanente a este artigo
REMEDIOS PARA O CATARRO
Antigamente só se chamaba ao médico para cousas graves pois a sabedoría popular tiña remedios para curar os males máis comúns. Estas menciñas populares foron transmitidas de xeración en xeración e non é ben que se perdan.
Neste tempo, o máis frío do ano, é habitual que collamos catarro e para el temos varios e probados remedios.
Loliña de Couzadoiro propón que fagamos ponche feito con caña, leite e unha xema de ovo que se tomará ben quente antes de se ir á cama para quitar o trancazo; hai quen lle carga máis ao leite e quen á caña, para gustos.
Lola de Devesos fervía unto no viño tinto e unha vez temperado débese tomar varias veces ao día (ben non sabe, pero fai suar).
Na casa de Andrés facían un xarope do seguinte xeito: nun pouco de auga cocían unha cebola, unha folla de loureiro, un pouco de limón e mel, durante unha hora; despois coábase e gardábase nun tarro de cristal. Hai que tomalo a culleradas.
A nai de Baudilio facía unha infusión de ourego maduro e seco ao sol (para conservalo pódese meter nun tarro de cristal) que se tomaba pola noite.
Isabelita do Forno dinos que son moi bos os vapores de eucalipto. Farémolos coas follas do eucalipto cando xa é árbore (pois as follas do arbusto son tóxicas) ben fervidas. Coa pota fumeando imos para o cuarto, pechamos a porta e tomamos os vapores.
Angustias do Gaio comentou que co sebo de carneiro quentado nunha tixola podemos mollar un trapo e poñelo no peito, o máis quente posible, ata que arrefríe.
Moitas veces co catarro temos dor de gorxa, de oídos, de ollos ou no lombo. Para as molestias da gorxa o máis habitual é tomar o mel a culleradas, tamén había quen usaba unto (hai que coller a tona de unto mollado en aceite e colocala na gorxa tantas veces como faga falla), ou zume de limón con azucre (debemos asar os limóns no forno, despois espremer o zume e engadir azucre; hai que tomalo varias veces ao día), pero o remedio máis curioso é a infusión de chantada (férvese con auga unha herba coñecida como chantada e déixase macerar para facer gargarexos con ela).
Para a dor dos ollos é ben coñecido o uso de infusión de manzanilla ou de romeu, ben coada para lavar os ollos, pero é máis curioso o remedio con fariña de millo, hai que amasar unha pouca en auga fría, envolvela nun trapo limpo e poñela directamente nos ollos; non cura pero alivia a dor.
Para a dor dos oídos faise un remedio con aceite de oliva e unha poliña de ruda, quéntase pouco a pouco nunha tixela ata que a ruda solte un líquido que poña o aceite de cor amarela, logo empápase en algodón e ponse no oído.
María de Lucho dinos que para a dor no lombo utilizábase ruda fervida en auga cun pouco aceite; móllase un pano e frégase con el a zona que doe.
Escoitei nunha ocasión que, no caso de febre, ao doente hai que pasarlle ortigas polo lombo para logo refregarlle a zona con alcohol... Adoece, pero disque é eficaz. Este remedio non o probei, se alguén o proba é ben que nos deixe un comentario de se foi eficaz.
Comentarios (4) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 30-01-2012 10:48
# Ligazón permanente a este artigo
PENÉLOPE É UN PARRULO ASUBIÓN

Conta a antiga mitoloxía grega que Penélope era filla de Icario, o rei de Esparta, e a esposa de Ulises, o rei de Ítaca. Era unha muller coas ideas moi claras e unha grande paciencia. O seu home marchou á guerra de Troia e botou máis de 20 anos fóra da casa. Neste tempo a fermosa Penélope tivo proposicións de moitos pretendentes que rexeitou, xa que ela non dubidaba que Ulises regresaría con ela e o seu fillo Telémaco. Un exemplo de fidelidade!
Pero, que terá que ver un parrulo con Penélope? Pois parece ser que o nome científico desta ave, Anas Penelope, se lle puxo pola súa conduta sexual. Tódolos parrulos teñen unhas relacións promiscuas, é dicir non están coa mesma femia todo o ano e moito menos toda a vida. Mais o parrulo asubión parece que lle garda máis fidelidade á súa parella que o resto; antigamente críase que era monógamo, pero agora se sabe que mantén a súa fidelidade so ata o final do período de incubación, dende finais do outono ata o inicio da primavera. Non dura tanto como a espera de Penélope por Ulises?
Despois é a femia a que se ocupa do coidado dos pitos que permanecen con ela ata que se valen por si mesmos. Vaia?, nisto xa ten máis similitudes coa nosa protagonista.
O caso é que este parrulo abunda na ría de Ortigueira nos fríos invernos, chegando a contabilizarse este mes case mil individuos. Podemos atopalo en lagoas, esteiros, marismas, costas? e cando fai o niño estará en augas doces e abertas, con vexetación de fondo pero non moita en superficie. Ide cuns bos prismáticos pola enseada de Mera e poderedes observalos sen dificultade.
Para recoñecelos debedes buscar un parrulo que mide entre 45 e 51 cm. e pesa de 450 a 850 g., non é dos máis grandes. Ten a cabeza arredondada e o peteiro curto de cor azul agrisada. A plumaxe dos machos tira a encarnada na cabeza e pescozo, castaña rosada no peito e as ás agrisadas e bordeadas de branco. A femia ten cores pardas e máis apagadas que o macho, precisamente para non chamar a atención no niño. Camiña con facilidade e cando voa dá fortes axadas, pero polo día buscádeo durmindo xunto cun gran grupo de compañeiros, xa que é un ave gregaria. Fai vida nocturna, que é cando sae a comer plantas e bichiños acuáticos. Se poñedes ben o oído, escoitaredes os berros da femia e o asubío do macho.
Na nosa comunidade non aniñan, xa que só veñen de invernada. Pero en países máis ao norte fan un pequeno oco no chan da marisma e o cobren de herbas e follas. Alí a femia pode pór sobre 8 ou 9 ovos que choca durante uns 25 días. Os pitiños teñen a pluma cor sepia con listas.
A ría de Ortigueira é un dos humidais de Galicia máis destacados tanto por número total de aves como por número de especies. As aves son censadas dende hai máis de 25 anos pola Sociedade Galega de Historia Natural, para estudar a súa bioloxía e hábitat, as rutas migratorias, os factores medioambientais que inflúen na súa pervivenza?
En Ortigueira hai unha sensibilización con respecto ás aves coas que convivimos ou que nos visitan, que se ve reflectida na asociación ornitolóxica Calidris, cuxo enlace podedes ver neste blog. Fernando Pereiras prestounos esta foto tan fermosa e tamén podedes ver o enlace ao seu blog.
Comentarios (2) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 27-01-2012 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
PROBA A POÑERTE NO MEU LUGAR

Este ano 2.012 é o ano do envellecemento activo. Moitas veces as persoas maiores debemos facer fronte a algún tipo de discapacidade, que non é un problema individual senón que transcende a nivel social. As nosas aldeas, vilas e cidades deben ser lugares para poder vivir as nosas xentes, con ou sen discapacidade, xa que todos de xeito temporal ou definitivamente pasaremos por esta situación nalgún intre das nosas vidas: cando temos dificultades de mobilidade (por unha escordadura, por unha fractura, por enfermidades dexenerativas?), cando levamos o carriño da compra ou mesmo cando levamos o carriño do bebé.
No marco do conxunto de Proxectos Comunitarios que leva a cabo o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, en máis de trinta concellos de Galicia, dende o noso centro desenvolvemos en Ortigueira o proxecto Proba a poñerte no meu lugar en colaboración con ASPANEPS. Esta asociación, con máis de 30 anos de experiencia ás súas costas traballando con menores con problemas psicosociais, realiza dende hai varios anos un proxecto de concienciación sobre a situación das persoas con algún tipo de discapacidade denominado Ponte no meu lugar. Do mesmo xeito, o noso obxectivo é a concienciación pública dos atrancos que cada día debe solventar una persoa con discapacidade física e/ou sensorial polos espazos públicos.
Este venres frío e húmido xuntámonos na praza de Isabel II un grupo de usuarios de ASPANEPS acompañados de Xavi Picos, o educador social; corenta rapaces e rapazas das dúas clases de 3º de E.S.O. co profesor de Educación Física, Carlos Legarreta; e un grupo de maiores da nosa casa con varios tripulantes e a nosa educadora social, Gelo Paz. Alí os rapaces e rapazas do Instituto puideron poñerse por un ratiño no lugar dunha persoa con dificultades usando un simulador de idade e diversas axudas técnicas. Probaron a desprazarse pola Vila e acceder ao concello sen visión (con antefaces), con dificultades de visión e de mobilidade (con gafas cun lente velado e cintas suxeitando as pernas), con dificultades de mobilidade e de motricidade fina (con andadores e cinta na man que impedía que a puidesen pechar), con grande dificultade na mobilidade (en cadeira de rodas), con dificultades para realizar as actividades básicas da vida diaria (con corpiño e luvas e axudándose de abotoador, pinza e calzador).
Coa axuda de Legarreta, conseguimos que o concelleiro de obras e alcalde accidental, Nino Quintiana, probara o simulador de idade. Camiñou pola Vila e accedeu ata o concello, amosándose sensible cos problemas da discapacidade e en especial cos do envellecemento.
Esperemos que esta sensibilidade se traduza en comprensión cando vemos as dificultades que presentamos as persoas maiores e en máis accesibilidade nas nosas rúas e edificios públicos.
Polo de agora, deixámosvos unha galería de imaxes para que poidades ver a actividade realizada.
Comentarios (4) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 23-01-2012 15:34
# Ligazón permanente a este artigo
O ALTAR DA SAGRADA FAMILIA

En Couzadoiro conservamos tradicións que se perden no tempo e ninguén sabe como comezaron. Unha delas é o altar móbil coa imaxe da Sagrada Familia. Non é esta unha peza da Igrexa, senón que depende totalmente da parroquia, da freguesía. É un fermoso altar cunha capeliña que se pecha para seren transportado como unha maleta. Antigamente estaba feito dunha madeira moi torneada pero ía moi gastada e vella; José Dovale (que se chama coma min pero non somos parentes) ofreceuse para levalo a Ferrol e facerlle a caixa nova, non é tan repenicada pero a madeira está boa.
No altar está representada a familia de Xesús, sendo este un neno xa escatulido. É un baixorrelevo policromado, encaixado nun relicario en madeira de castiñeiro sinxelamente gravado e cos bordes da parte superior floreados. Sobre o fondo nacarado destacan as figuras de Xosé, con tres das súas flores na man, María e o Neno, con túnica branca enfeitada con fitas douradas, no peito a representación do seu corazón e sentado sobre un trono encarnado e dourado, cunha cruz no respaldo e un crismón na alfombra verde que cubre os chanzos.
A tradición manda que o altar vaia de casa en casa por toda a parroquia. É acollido en cada fogar durante 24 horas poñéndoo nun lugar preferente da casa, a sala ou a cociña as máis das veces, e acendéndolle unha vela. Faise este rito de continuo; antigamente non chegaban os días do ano para percorrer todas as casas, pero hoxe en día pode quedar máis dun día en cada casa. Cando o veciño ou veciña que lle toca chega a outra casa co altar adóitase dicir Ave María purísima e quen recibe ten que responder Sen pecado concibida. Cando hai velorio nunha casa vaise buscar a imaxe para poñela na cabeceira do cadaleito.
Esta tradición mantense viva non só en Couzadoiro, tamén noutras parroquias de Ortigueira, en Cariño, en Cedeira... Unha imaxe do Carmen é acollida nas casas de Cuíña, a do Rosario na Vila e en San Claudio, a falta de un, teñen tres: o da Sagrada Familia, o da Milagrosa e o de San Felicísimo (este cun peto para pór esmola que se lle entrega a uns freires); na igrexa hai un taboleiro indicando o percorrido de cada un dos altares e a orde que se debe seguir. Unha das tripulantes, Patri, contounos que nunha parroquia de Arzúa, de onde é súa nai, había o mesmo costume.
Non sei se esta modalidade de culto está estendida por toda Galicia, xa me contaredes...
Parece que algo similar ocorría na antiga Roma onde existían os lares. Eran deidades de culto doméstico que coidaban da casa familiar, representadas con pequenas figuriñas. Púñanse cerca da porta principal ou na cociña, en altares chamados lararia (de aí a nosa palabra lareira) iluminados polo lume que debía permanecer aceso. Na celebración do ritual non interviña ningún sacerdote, senón que era o pai de familia quen o realizaba, ensinando á familia as oracións, himnos e cerimonias.
As nosas crenzas son públicas pero tamén teñen o seu lado máis íntimo, que ten un sentido máis tenro e sinxelo.
Comentarios (4) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 19-01-2012 17:18
# Ligazón permanente a este artigo
CARTILLAS DE RACIONAMENTO

É ben ter amigos, son quen te axudan na vida e ás veces te agasallan como ocorreu con Anselmo o fillo do taberneiro de Couzadoiro quen se achegou a visitarme coa súa dona, Julia, hai unhas semanas e me trouxo unha cartilla de racionamento e uns selos que tiña no faiado. Lembranzas doutros tempos.
Os anos corenta, en especial 1.941, foron os anos da fame. A guerra e o illamento internacional deixaron un país en ruínas onde non había que comer. Para controlar a distribución dos poucos produtos básicos alimenticios e de primeira necesidade existentes e asignar unha cantidade a cada persoa, o goberno estableceu as cartillas de racionamento en maio do 39. Ata se creou unha tarxeta de fumador. Eran un talonario formado por varios cupóns onde constaba a cantidade e tipo de produto; primeiro foron familiares e a partir do 43 xa eran de carácter persoal. Habíaas de primeira, segunda e terceira categoría, en función do nivel social, o estado de saúde e o tipo de traballo do cabeza de familia. As de primeira categoría eran para funcionarios; en Couzadoiro non había ningún agás o mestre. A poboación estaba dividida en varios grupos para establecer as racións: os homes tiñan a ración tipo, as mulleres o 80%, nenos e nenas ata 14 anos 60% e os maiores de 60 anos o 80%.
Os produtos só se podían mercar en establecementos suxeitos a control administrativo, aínda que nas aldeas subministraban as poucas tabernas existentes, unha ou dúas como máximo. Os funcionarios que os controlaban eran os de abastos. Cando chegaban ás aldeas a xente agochaba os sacos de fariña e trigo e levaban o gando ao monte para que non o requisaran. Nas aldeas sobrevivíase co que se plantaba na horta: verzas, patacas, fabas, maínzo, e pouco máis; os poucos animais que se podían ter: algunha galiña, un porco ou unha vaquiña de onde se obtiñan uns poucos ovos, leite e a proba da carne.
O peor era na Vila. Alí si que había fame negra. Non había cartos pero tampouco que mercar para comer. Coa cartilla íase por aquel pan negro do racionamento, feito con máis farelo e varreduras do forno que fariña. Daban tamén un cuarto litro de aceite, cen gramos de azucre, cen de garavanzos, un quilo de patacas e dous centos de xabrón. Co racionamento deberían dar tamén un folleto dos pratos que se podían cociñan con estes alimentos? Mais as mulleres aguzaron as súas mentes para poder dar de comer ás súas familias: tortilla sen ovos, guisos de patacas con loureiro, fritos sen aceite, caldo coa verdura de tempada?
Ir da Vila ás aldeas mercar as poucas cousas que podían ?sobrar? da colleita familiar era unha odisea. Había que evitar os fielatos, unhas pequenas garitas situadas nas principais vías, nas que se apostaban os gardas de consumo, os consumeros, coa finalidade de controlar e cobrar tributos por todas aquelas mercadorías que entraban nas vilas, calquera que fora o seu destino: a comercialización nun mercado, o aprovisionamento dos establecementos ou as dádivas a familiares e amigos. Aínda recordo un deles que estaba no que hoxe é o Cuco: de fielato a prostíbulo.
Só había uns poucos afortunados que podían recorrer ao estraperlo, palabra que provén da unión dos apelidos de dous famosos estafadores, Strauss e Perlowitz, quen case botan abaixo a II República. O estraperlo era o comercio ilegal de artigos intervidos polo Estado ou suxeitos a taxa. Esta práctica marcou as diferenzas sociais e políticas na posguerra.
Hai 60 nos que desapareceron estas cartillas e esperemos que nunca volvan eses tempos.
Comentarios (8) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 16-01-2012 11:24
# Ligazón permanente a este artigo
ISAAC DÍAZ PARDO

O 5 de xaneiro finou unha xeración mexida entre saloucos de guerra, fame e emigración que loitou ata o final por defender con dignidade o seu, o noso.
En 1.920 nacía en Compostela, na que noutro tempo fora casa da Tumbona (casa de malvivir), un meniño, Isaac. Aquí comeza a súa vida que el definiu coma ?unha sucesión de fracasos?. Era neto dun ortigueirés de pro, Germán Díaz Teijeiro, e fillo do gran escenógrafo galego Camilo Díaz Baliño cuxa truncada vida deu para pintar, escribir, deseñar carrozas, realizar cartaces e ser membro activo das Irmandades da Fala.
Cando Isaac recén cumpre os 16 anos o seu pai é fusilado e el ten que vivir agochado na Coruña durante un tempo; a súa nai, Antonia Pardo, rota pola dor fina dous anos despois.
No ano 1.939 foi estudar Belas Artes a Madrid. Mais a súa vocación non era a pintura e fundou con outros socios a fábrica de Cerámicas do Castro en Sada. Sempre en contacto cos intelectuais galegos na emigración, en 1.963, xunto con Luís Seoane, constituíu o Laboratorio de Formas, entidade promotora da posta en funcionamento da Cerámica de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, as Edicións do Castro, o Seminario de Estudos Galegos, o Instituto Galego de Información, etc.
Isaac foi un intelectual galeguista que seguiu a estela truncada do seu pai. Noventa e un anos de fracasos que non foron máis que acertos para a Nosa Terra.
Hai uns anos a ferrolá Rosa Méndez Fonte adicoulle un fermoso poema que reproducimos:
A ombros de Camilo xa tentabas navegar;
Galicia na cuberta, nidio Norte a proa.
Sorteaches nas rompentes ó anano alquilapatrias
e ós corsarios ben mantidos de sospeitosas voces.
Mariñeiro de luz, no pulso a escota,
trazaches rumbos que nos levan ós inicios.
E aínda hoxe,
ós nosos ombros, vas rachando tempestades
namentres recitamos ladaíñas insomnes:
Isaac, home de empresa ?endexamais de présa-
de circulares formas combativas.
Isaac, universo de ollos grandes,
impulso da memoria rescatada.
Isaac, compoñedor de soños,
bruxo no lenzo, nos trazos e nas ciencias.
Isaac, océano de cores
e roda que capea marexadas.
Isaac, de paso e nome curto,
de longas singraduras.
Isaac, dos catro ventos forza,
e da tenrura labarada.
Isaac, nas mareas lenes e nas cubertadas,
fiando na heterodoxia libre de puntas.
Isaac, no rumbo Estrela Polar,
es baliza de mareantes parvos.
Esquerda a sotavento,
sextante de axustada verba;
Isaac, dende o Ferrol dos Traballadores
te percibo:
Grande Mestre da Arte,
Cabaleiro de Galicia
e Señor de Sargadelos.

En Boisaca permanecera para sempre o norte dos que temos vocación de recuperar a nosa memoria e póla en valor.
Comentarios (3) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 10-01-2012 17:47
# Ligazón permanente a este artigo
TRES PEREGRINOS VEÑEN TRAS DUNHA ESTRELA...

A historia dos Reis Magos ten máis de 2.000 anos de antigüidade, case 20 séculos máis que a de Papá Noël pois esta, tal e coma hoxe a coñecemos, existe dende finais do século XIX, afianzada pola empresa Coca-Cola?
Os Reis chegan tódolos anos ás aldeas, vilas e cidades nun desfile de carrozas celebrado no serán do 5 de xaneiro. A primeira cabalgata de reis de Galicia desenvolveuse en 1.909 na cidade da Coruña e partires desta foron xurdindo en todos os recantos. Nun inicio, estaban organizadas por institucións benéficas e recreativas para acudir aos centros de beneficencia, como hospicios e asilos. Pasada a guerra xa saíron ás rúas e se fixaron como costume, organizadas polo Fronte de Xuventudes e, tras o fin da dictadura, polos concellos.
Os Reis Magos de Oriente cos seus paxes chegaron onte a Ortigueira; un ano máis, coas súas carrozas cargadas de caramelos para botarlles aos nenos e nenas que se achegaron a recibilos. Entraron na Vila pola Lagarea, chegaron ata a redonda pola Estrada Xeral e iniciaron o percorrido polas rúas, principiándoo pola recentemente inaugurada na honra de don José e rematándoo no Cantón. Fixeron unha paradiña no adro da parroquia, onde estaba situado o tradicional nacemento vivinte, para recibir as peticions dos picariños e picariñas que agardaban ilusionados coas súas cartas e cariñas de frío: Silvia, Nerea, Sara, Ana, Aroa, Damián, Eloi, Sofía e por algures tamén se viu a Candela, Lucía, Anxo, Guillermo, Laura, Matías, Gabi...
A xente miúda marchou cedo para a cama e de seguro houberon atopar fermosos agasallos á mañá seguinte, pois me consta son ben boíños; de tales nais e pais, tales fillas e fillos.
Despois dunha noite máxica, hoxe os Reis Magos entregaron aos pequenos e pequenas, como é costume, o cartucho: un paquetiño con lambetadas (caramelos, gominolas, piruletas, regaliz...) e unha mandarina, o agasallo tradicional. A continuación, os Reis e o seu séquito ao completo subiron ata a nosa casa para achegarnos tamén un cartucho e así endozarnos o día. Agradecémosllo e agardamos a súa visita o ano que ven.
Tamén recibimos a visita de Carmiña de Novás e a súa familia (non faltan nigún ano á cita) cun bonito e práctico agasallo. O noso agradecemento vaia por diante sempre para eles tamén.
Nós continuaremos sendo coma un cachiño de pan... como ata o de agora.
Comentarios (1) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 06-01-2012 15:52
# Ligazón permanente a este artigo
MANUELES E CANTOS DE REIS
Seguen as festas e, como o mellor xeito de celebralas é botando cantares e sacando puntos, continuamos con cantigas da música tradicional.
Para principiar o ano, na festividade de San Manuel, cantaremos uns Manueles, destinados a felicitar os que estaban de santo. Un grupo de rapaces encontrábase para facer un percorrido pola parroquia indo ás casas dos Manueles improvisar ou con cantares tradicionais onde a cambio eran invitados a unha copa de coñac. A palleta ía ben mollada para cantar algo así como:
Ai Maruxiña, Maruxa,
Maruxiña do caravel,
se queres un mozo bonito
cásate cun Manuel.
Baila Manuel, baila,
baila e agárrate a ela,
se non queres que fuxa
polo camiño da portela.

Para rematar o ciclo de Nadal, esta noite temos que ir botar os cantos de reises como se facía antigamente. Chegada a noite, tras rematar as faenas, encontrábase o grupo de mozos da parroquia (as mozas non estaba ben visto que saíran da casa con noite) alumeados por fachuzos ou candís. Comezaban a troula xa polas corredoiras, cantando e acompañados do son dalgún instrumento (gaita, bombo...) e así ían polos lugares. Adoitaban ir no grupo outros rapaces que non cantaban pero facían troula derredor ou bailaban ranchos: danzas de arcos, de fitas ou de paus. Cando chegaban á eira dunha casa, petaban á porta, se os da casa estaban ergueitos abrían a porta se xa estaban na cama escoitaban dende as ventás. Os mozos comezaban co saúdo ou petición de licencia para cantar:
Licencia pido señores
se vostedes ma queren dar
para cantar estes reises
que imos escomezar.

O amo da casa aceptaba a petición dicindo "podedes" e os mozos, divididos en dous grupos, comezaban a cantar cada grupo unha estrofa. As cantigas dirixíanse ás persoas da casa para pedirlles o aguinaldo (cartos, viño ou calquera cousa de comer) deste xeito:
Desexamos os reises
anque sexan poucos:
un touciño enteiro
e metade do outro.
Aquí hai mociñas
que gastan chaqueta
e que nos han dar
a cada un súa peseta.
Aquí hai mociños
que gastan sombreiro,
e que nos han dar
un pesiño enteiro.
Desexamos os reises
se nolos han dar,
que somos de lonxe
e hai moito que andar.

Ás veces os mozos eran invitados a entrar na casa para botar unha copa de caña ou comer algo arrimados ao lume da lareira; noutras entregábase o aguinaldo ao representante do grupo quen o ía xuntando na faldriqueira para facer o xantar de Reis. Tras recibilo botábase a cantiga de aguinaldo ou resposta final que dicía así:
Queden con Deus señores
ata o ano que volvamos.
Se é que non volvemos
no ceo nos vexamos.

Cando non recibían ningún agasallo remataban cunha cantiga coma esta:
Cantámosche os reises
guedellos de cabra.
Cantámosche os reises
e non nos deches nada.
Somos os reises do quiquiriquí,
se non nos dás nada
cagámosche aquí.

Nos tempos de antes a vida era máis comunal que agora e iso áchase de menos.
Comentarios (1) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 05-01-2012 19:13
# Ligazón permanente a este artigo
O APALPADOR
Dende os tempos de Maricastaña, camiña pola serra do Courel un home grande coma un día sen pan, un xigante amigo de todos: novo ou vello, pobre ou rico, da montaña ou da costa, da aldea ou da vila. Non fai distincións. O pelo é rubio, a barba longa, os ollos con chispas de bos sentimentos e as mans coma pas de enfornar. Viste diario unha camisa de cadros, chaqueta de cor, pantalón de pana, boina na cabeza e uns zocos, para se meter polo medio dos soutos e das fragas. Cando chove pon un saco de cochocho. Nunca ten frío porque sempre anda a traballar.
Vive nas montañas, entre cumios nevados, ríos cantareiros e fragas de carballos e castiñeiros. Durante o ano, come xabarís, ovos de paxaros, mel das abellas, noces e abelás que apaña...
Por oficio, é carboeiro. De verán, recolle uces e toxos que estean sequiños e os pica ben. Logo amorea os cachos de menor a maior nus buratos no chan e prende o lume para que arda de dentro para fóra, sen deixar saír o lume, tapando todo con terrón. Cando o carbón está logrado, o mete en sacos e o garda para o inverno. Deste xeito anda o día enteiro, cun saquete ao lombo para alimentar os lumes da veciñanza.
Pero ten outro oficio que lle cadra máis e polo que se coñece mellor. Este home é o Apalpador. A noite de fin de ano para ano novo, un día de renovación, de novos desexos e de unión das persoas coa natureza, vai esparexendo castañas polo mundo adiante.
Para poder repartilas, no outono abanea os castiñeiros cunha taloura e así tira os ourizos, sácalles as castañas e méteas en sacos. Despois ponas na gran caniza da súa lareira a secar e afumar. E, por fin, fai o bandoxo, quita os picóns e deixa sen puxa as boas castañas. Quen o vira batendo cos sacos había pensar que toleara. Non toleou, non, que para ter boas castañas todo o ano, cómpre facer a bulla. Por forza teñen que ser as mellores castañas de Galicia e disque tamén son máxicas, pois dan chegado a tódolos nenos e nenas galegos.
Na derradeira noite do ano, comeza a súa andaina o vello carboeiro. Antes de saír coceu unha bola de pantrigo feita coa derradeira gavela da colleita. Así vaise alimentando polos camiños. Leva ao lombo un gran saco cheíño de castañas e algunha cousa máis. É un home moi curioso, para ir polas casas pon unhas zapatillas de pano a cadros, así non mete boureo e non mancha os cuartos quentiños de nenos e nenas. Entra mainamente para apalpar as súas barriguiñas. Se non lle pareceron ben mantidas, porque son mal comedores, cala, pero déixalles unha presa de castañas. Se as atopa cheas di: ?Así. Así esteas todo o ano? e tamén deixa unha presa de castañas e algún agasallo máis feito por el coa punta da navalla: buxainas, tirataques, diábolos, ioiós, zoadeiras, matracas, canas, andacamiños, bailaretes, carracas, asubíos, chifres, frautas, xilófonos, muíños, carretiñas, trens, barquiños, colares, animaliños, bonecas, monicreques, cabaliños para se abanear... e non sei cantas cousas máis.
Para tranquilizar aos picariños e picariñas, bulideiros pola inquedanza da chegada do Apalpador, as nais e pais poden aprender esta cantiga:
Vaite logo, miña meniña
marcha agora para a camiña
que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña.
Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.
Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e ha vir o Apalpador
cunha maga de castañas.
Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.

Baixou o Apalpador esta noite das montañas galegas e seguirá a facelo mentres o mundo teña ilusión...
Aquí vai este conto contado e quen non levante o cu, quedaralle pegado.
Comentarios (3) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 01-01-2012 05:40
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0