 Todos os anos polo mes de maio, dende 2008, celébrase a Festa Interxeracional dos maios en Ortigueira, como proposta de actividade comunitaria na que participan diversas entidades da Vila. A idea de realizala partíu do noso centro de maiores e axiña foi moi ben recibida, pois supoñía a primeira vez que se levaba a cabo algo así.
Dende o comezo, participaron na organización da festa o CEIP José Mª Lage, o IES de Ortigueira, a Escola Infantil Galiña Azul, a Escola infantil Patucos, a Asocicación Aspromor e o CAPM de Ortigueira e colaboraron o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a Escola de Gaitas de Ortigueira e O Concello de Ortigueira, así como varias tendas de productos do agro e floristerías da zona.
Cada ano escóllese unha temática para a festa dos maios e elabórase unha alfombra floral sobre ela, carteis alusivos feitos por usuarixs das entidades e estructuras florais típicas. A praza de Isabel II, onde estaba o antigo mercado, énchese de flores, cores, música tradicional e persoas de todas as idades ( de 0 a 101 anos sería nesta edición) para celebrar o mes de maio e os froitos que a terra nos dá. Nas últimas edicións e ao coincidir a data de celebración co Día das Letras Galegas, o tema a escoller estaba relacionado co autor ou autora homenaxeada.
Mais, este ano 2020, dada a situación de confinamento polo coronavirus, houbo que anular a festa, sen renegar dela, polo que na residencia de maiores decidimos celebrala igualmente.
Nos concellos de Ferrol e Narón, da comarca de Ferrolterra, celebran tamén a festa dos maios cada ano. En Ferrol decidiron poñelos na xanela, en Narón no balcón e nós, ?no Ortegal, os maios no tendal?. Agardamos poder voltar á rúa nas vindeiras edicións e mentras, deixámosvos unha foto do tendal coa tea pintada e a estructura do maio que fixeron con material de refugallo e papeis de cores, as persoas maiores da casa, do que deron conta na TVG.
|