Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

O BATÁN DE PONTENOVAL

Moito me teño recordado daquelas mantas de cando eu era un picariño que só polo que pesaban xa che sacaban o frío. Facían falla dez quilos de lá de ovella para tecer unha manta.
Primeiro había que lavala e poñela a secar nunha sebe de mirtos ou de buxo. Cando estaba enxoita, cardábase coas cardas de púas de arame e quedaba estiradiña e solta. Ca lá facíanse flocos para poñelos na roca. Á noitiña xuntabámonos un lote dos da parroquia para facer as fiadas. Cada muller coa súa roca e o seu fuso transformaba o floco nun novelo de fío mentres se contaban contos, se cantaba e se bailaba. Moi ben se ten pasado nas fiadas.
Os novelos levábanse ás tecedoras quen confeccionaban as mantas nos seus teares artesáns. Ás veces tamén tinguían algún novelo para facer listas no tecido. Estas mantas inicialmente podían ter catro metros de ancho pero o tecido era lixeiro e aberto; para entupilo e que tivera maior capacidade para quentar, levábase a abatanar.
O batán era unha máquina téxtil de madeira de carballo cun sistema hidráulico, como os muíños. A maquinaria era impulsada pola forza do río que facía mover a roda. Esta poñía en marcha os mazos que, ao se moveren alternativamente pola acción da auga, batían no tecido para entupilo. Outro canal do batán levaba auga ata unha cuba para manter molladas as mantas mentres durase o proceso para que así non se desgastasen polo roce. Ademais de entupir a lá, o batán lavaba, desengraxaba e retiraba o pelo da manta menos fixado para evitar a súa caída posterior. O proceso duraba en torno a trinta horas, nas que a manta quedaba en pouco máis de metro e medio. Tras secarse quedaba lista para o seu uso.
O batán funcionaba uns meses ao ano dependendo do caudal do río e de que o tempo valese para secar as mantas. E tampouco se facían mantas tan a miúdo pois levaban moita lá e moito traballo.
Os cambios na industria no século pasado puxeron fin a un negocio do que se viviu durante máis de mil anos. En Pontenoval, na parroquia de Mera de Riba, aínda perduran uns muíños de batán, hoxe reconvertidos en casa de turismo rural.
Comentarios (0) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 30-06-2014 09:36
# Ligazón permanente a este artigo
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0