Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

A PRAZA DA GHAIA
Xa non acordan os máis vellos de Cariño a Vicente Armada. Un mariñeiro do Porto que tiña por costume xurar dicindo: un raio dios me coma! Prendía na fala a dicir o erre e máis semellaba un ghe, polo que o raio soaba ghaio. Quedoulle de alcume. Mais se o Ghaio tivo sona, a súa neta supéralle.
As galegas de porto de mar adoitan ser fortes e as de Cariño non habían ser excepción. Será por ter que tirar para adiante coa casa cando os seus homes andan ao mar, por non traballar só na casa senón tamén fóra dela ou porque o vento mareiro lles confire a súa bravura.
Nos anos vinte do século pasado naceu na Pedra unha nena que, por ser neta de quen era, chámanlle Angustias do Ghaio. Traballadora como poucas. Dende ben pequena axudaba á súa nai limpando na casa da mestra Dna. María Rivas Pardo. De portadeira, na praia de Cariño, semellaba un argaciño, desenvasando as lanchas do peixe para levalo á fábrica nun paxe de dúas asas.
Con trece anos, un ano antes de empezar a guerra, foi para a Fábrica de Conservas e Salgaduras de José Santiago Abella. Traballaban a sardiña, o chicharro e o bocarte, tamén facían escabeche con chicharriño, chicharro mediano, sardiña e parrocha. As latas encarnadas levaban un Santiago co seu cabalo branco. Tamén se vendía a morca, unha graxa amarela que soltan os bocartes e os arenques cando se prensan e cheira moitísimo. Metíana en bidóns de ferro e a levaba un viaxante para fóra. Disque a usaban os curtidores.
Os amos dábanlle á súa nai as cabezas do peixe para aboar os terreos do maínzo e as patacas; de chicharro que aguantaban mellor. E máis o aceite, como se fora unha das traballadoras da fábrica, que llelo daban polo San Antonio e pola Nosa Señora, segundo gañaba el; se ía todo ben, tamén lles daba polo Nadal.
Alí había traballo dabondo, pero na fábrica non estaba case nada. Ía á horta que tiñan ao lado da tenda dos Pumares, na casa, onde plantaba patacas do cedo, garavanzos verdes (chícharos), coles, por se quería facer caldo de verdura, e maínzo, por culpa das fabas que subían polo medio del. Tamén había cocos, parecidos ás fabas de color, pero encarnados todos e cunhas raíñas brancas; moi guapos para facer fabada e así.
Cando casou, marchou a vivir ao porto. O seu home, Manolo do Chareto, e o Manco carretaron as pedras do Peiral e os Amenedos construíron a súa casa de planta alta. Tivo unha nena que lle morreu aos dous meses e un neno que se criou para ben. Alí viviu moitos anos.
Cando fixeron o paseo marítimo, Angustias e o seu home cederon parte dos seus terreos para facer unha praza ao pé da súa casa. O nome? Non ten, pero preguntade pola Praza da Ghaia e todo o mundo vos saberá dicir.
Muller aguerrida e forte. Todo un carácter.
Comentarios (1) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 28-11-2013 11:48
# Ligazón permanente a este artigo
1 Comentario(s)
1 Angustias, unha gran muller #blgtk08#coma poucas. Un bico forte.
Comentario por Belén (30-11-2013 13:04)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0