Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

O QUEIXO

O queixo é un alimento moi antigo, anterior á historia escrita.
Eu recordo que antigamente en tódalas casas se facía queixo. En Galicia o leite máis utilizado é o da vaca pois temos moi bos pastos e excelentes vacas. Para facelos, primeiro fervíase o leite con sal, deixábase arrefriar e cando estaba morno botábaselle a auga de callar. Agora cómprase na farmacia, pero algún día callábase cun cacho do estómago dun becerro. Cando o leite estaba callado, cortábase en cachiños para quitar o soro, ata facer unha pasta grumosa. Púñase a pasta nun molde de vimbios furado, apertándoa ben para que decorrera o soro que aínda lle quedara e tapábase cun pano de liño. Así de fácil e así de natural. O malo destes queixos era que non se aguantaban moito tempo sen pórse acedos, pero como a fame era moita tampouco duraban o suficiente.
Hoxe en día, en Galicia hai catro tipos de queixo con denominación de orixe:
O queixo do Cebreiro é o que ten forma de pucha de cociñeiro. Faise con leite de vaca ó que se lle pode engadir un pouco de cabra. Disto sae unha pasta granulosa coa codia fina e un sabor lixeiramente acedo e picante. Os peregrinos a Compostela encargáronse dende vello de dalo a coñecer e hai textos que din que o rei Carlos III agasallaba á corte portuguesa con este saboroso queixo.
O queixo de Arzúa-Ulloa é o que ten forma de lentella grande. Faise só con leite de vaca e dá unha pasta branda, manteigosa e sen ollos, coa codia amarela. O máis curado e máis rico é coñecido como queixo da nabiza por estar realizado no tempo dos nabos.
O queixo de Tetilla xa vos podedes dar unha idea da forma que ten. É un queixo histórico, orixinario do centro de Galicia. Ten a codia amarela e a súa pasta é branda, manteigosa e con poucos ollos.
O queixo de San Simón da Costa é o que ten forma de teta de cabra (longa e apuntada). Procede da zona de Vilalba. A súa codia é dura, algo graxenta e de cor amarela ocre polo tempo de afumado que lle dá o sabor especial. A pasta é firme e con poucos ollos.
Outro queixo (sen denominación de orixe) é o de Pao Santo. Os monxes dun mosteiro preto de Cuntis atoparon nos documentos vellos a fórmula do queixo do século XVIII na que se usaba un pao para remover o leite callado. Está feito con leite de vaca. A codia, dura, é de cor amarela igual que a pasta. É moi manteigoso e de sabor suave.
En Galicia temos queixos de formas moi singulares e sabores con personalidade.

Do queixo non che me queixo,
que o queixo ben che me sabe;
quéixome de quen o vende,
que non mo deixa de balde.
Comentarios (0) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 27-11-2013 10:30
# Ligazón permanente a este artigo
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0