 Relato presentado por D. Manuel Vázquez usuario do Centro de Día do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no Corgo.
No mes de setembro íamos ás patacas, apañabámolas co sacho e ca man para o cesto, despois botabámolas no carro e na casa nun montón. Máis ou menos 12 ou 14 carros delas... Todo isto acontecía en Carteira (Palas de Reis).
Un ano estabamos toda a familia e amigos na leira, nun momento da mañá apareceu unha vella no camiño, chamábanlle a Petenesa de Carteira, esta muller era moi coñecida. Era una muller peculiar. Cando ía o río lava-la roupa cantaba:
?Camisa dun cabrón
moito coio e pouco xabón
e patarán tristrás?.
Ben, o caso é que parou e empezou axudarnos a apañar as patacas. Ao chegar o mediodía miña nai foi polo xantar a casa pa aforrar o camiño de ir e vir. Máis tarde durmimos a sesta, ben, descansamos o xantar. A Petenesa quedouse durmida, e eu que era un demo, fixen unha trasgueada.... ateille ao pescozo dun can unha corda, a mesma, ateina á perna da veciña Petenesa... Aiii!!! cando o can se decata e bota a correr, a señora berrando, todos espertaron sobresaltados e miña nai.... miña nai detrás miña pa zouparme no lombo!!!! |