Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

ATANISCANDO NO OUTONO 1º PREMIO CAT. ADULTO
Relato presentado polos profesionais e usuarios do Centro de Día do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en Carballo.

PRÓLOGO

Quizais non soubésemos explicar o que pensabamos nese mesmo intre, no cal, Antón entrou pola porta, sen embargo, o brillo que se desprendía dos nosos ollos, amosaba a gran ledicia que estabamos a sentir? Ninguén contaba con el, e á vez, no fondo do noso ser, todos criamos que Antón volvería.

?

A Antón non lle gustaba que eu lle chamase polo nome de pila, pois el dicía que eses non eran os modais para un rapaz da miña idade e, de ter que cambiarlle o nome, el prefería ser chamado ?o gran xefe?. Así lle soen dicir aos indios que saen nas películas que máis lle gustan a Antón, sen embargo, os meus irmáns, chámanlle avó.
Eu son Xan, e teño dez anos, a pesar de que todo o mundo me di que xa son un home ?vello?, e ademais, que son moi espabilado, eu creo que son un rapaz coma os outros, que me gusta xogar e andar a meter os pes nas pozas.
Vivimos nunha aldea chamada Artes, que pertence a Carballo. Na casa estamos os meus irmáns, Pedro e Luís, que son máis pequenos ca min; os papás e o avó Antón.

?

Estaba desexando que tocase a campá que marcaba o final do día na escola, así que, tan pronto sentín aquel ruído infernal, saín escopeteado polo corredor, con moitas ganas de chegar á casa, pois Antón prometérame que hoxe iríamos na procura de castañas.
Antón sempre sae a camiñar arredor da casa, polo monte que está cheo de piñeiros e castiñeiros. Nesta época, no outono, recollemos cantas castañas podemos, para comelas na xuntanza veciñal que se fai polo magosto. Este ano, apenas había ourizos cheos, pois xa se apresuraran os demais en baleiralos. Aínda así, sempre quedaba un pequeno castiñeiro escondido entre varias silveiras, que nós coñeciamos ben. Eu ía case todos os días e subía ó castaño, así arrapañaba todas as castañas que podía. Cando chegabamos á casa, meus irmás máis eu, axudabámoslle a miña nai, a ataniscar as castañas coa boca? porque así o facía Antón? pero á mamá non lle gustaba nada, porque dicía que non ía gañar para arranxarnos os dentes, sen embargo, Antón, non tiña ese problema, pois os seus, eran postizos.

A XUNTANZA

Na miña casa, todos esperabamos que chegase o día da xuntanza veciñal. Nese día, na aldea, celebramos a festa do San Martiño e a do Magosto. A Antón gústalle moito esta celebración, e aínda máis, arranxar todos os preparativos? sobre todo, dende que morreu a avoa, pois así el está entretido e acompañado dos veciños. Eu tamén os acompaño mentres andan a esfollar no millo e matan nos porcos? así foi como aprendín a construír unha cabana con follas de espigas e troncos. Axudoume Antón, pois el de pequeno tamén tiña unha, na que se escondía cando seu pai se poñía rabudo.
Antón conta sempre, que agora, Artes é no único lugar de todos os da volta, onde se conserva esta tradición; xa que antigamente, se reunían os veciños e entre todos xuntaban moita comida e bebida, sobre todo, castañas, chourizos e viño. Así, o día 11 de Novembro, toda a parroquia desfrutaba dun día de leria e de ledicia... e como di o veciño Andrés: ?Polo San Simón, proba o viño e polo San Martiño, o porquiño?.
Eu desfrutaba moito desta festa, porque aprendía moitos contos e historias que dicían os maiores do lugar, entre eles Antón, e aínda así, el escoitaba sempre atento a todos os demais e cando tornabamos para a casa oíaselle comentar... ?Un vai morrendo e vai aprendendo?.
Miña nai, Amelia, era a primeira en presentarse na xuntanza cunha gran pota chea de castañas. Ela preparábaas como o facía a miña avoa, unhas cocíaas con anís e nébedas, e outras asábaas, nunha tixola vella furada, na lareira. A verdade é que calquera delas estaban ben boas. E para acompañalas, Antón asaba as espigas do millo no lume, que parecían churros. Pero iso non quedaba aí, os outros veciños, entre eles, a tía Angustia, levaban os chourizos e as morcillas que fixeran da matanza. Tamén touciño con pementos, e o que máis me sabía, a tortilla de sangue? Con toda esta comilona, pasabamos o día no campo e eu sentía como os máis vellos andaban a rexoubar uns dos outros, pero tamén contaban historias de cando eran rapaces, do traballo que pasaban indo ao xornal, ou tendo que esfollar o millo, cortalo e gardalo nos palleiros ou hórreos. Unha das veces eu faleilles do Samaín, de como nos tempos de agora, os rapaces nos disfrazamos de meigas e mortos viventes, para recordar ese ritual que realizaban os antigos celtas, incluso lles ensinei cabazas decoradas; pero creo que non lles fixo moita graza, pois Antón ten dito que o da ?Santa Compaña? era a imaxinación e as alucinacións do tempo da fame.
Cara ó final da xuntanza, os maiores xa non conversaban, cantaban. Nunha desas, a tía Angustia aproveitou para irse queixar ó que vendía as verzas na praza os xoves e domingos de feira en Carballo, pero Luciano non soubo ou non quixo atender ó que dicía o conto
?Non chas quero, non chas quero,
nabizas do teu nabal,
non chas quero, non chas quero,
que me poden facer mal
?.

Eu, ao final da festa, agarro unhas poucas castañas e con elas fago colares que logo lle regalo ás veciñas. Así tamén se acordan de me regalar algo polo día do San Xoán.

?

A xuntanza deste ano, fíxosenos un pouco longa, xa que Antón desapareceu por arte de maxia. Todos os veciños nos axudaron a buscalo pola aldea e polos arredores, pero non aparecía. Cando xa críamos que nunca o volveríamos ver, el mesmo se presentou na porta da casa, con bágoas nos ollos e con feridas nos xeonllos.
Miña nai estaba moi asustada e agarrouse a el coma unha lapa. Namentres, bisbáballe ao oído, e eu escoitei aquilo que ela dixo, e que nese mesmo intre, me fixo ver aquilo que eu viña negando:
?Meu pai querido, meu pai amado, mentres eu viva hei de axudalo, e polos despistes, non se preocupe, porque faremos que cada día, nunca sexa esquecido. E cando xa non me coñeza nin saiba quen son, seguirei ao seu carón, ensinareille o camiño de regreso ao seu corazón?.
Comentarios (2) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 18-11-2013 15:38
# Ligazón permanente a este artigo
2 Comentario(s)
1 Que bonito, un bi#blgtk08#quiño para todos.
Comentario por Belén (23-11-2013 13:18)
2 Grazas por colaborar tanto a profesionais como a usuarios/as#blgtk08# do Centro de Día de Carballo. Parabéns polo fermoso relato.
Comentario por Ara (25-11-2013 13:06)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0