Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

AS NOITES DE TOBÍAS
Mirade do que se vai enterar un a estas alturas. Seica é coñecida, entre os etnógrafos, a continencia conxugal durante un período subseguinte ao matrimonio como ?Noite de Tobías? ou as ?Tres noites de Tobías? e que toma o seu fundamento da tradición bíblica, a cal, na historia do matrimonio do xove Tobías coa súa curmá Sara, relata como o arcanxo Rafael, ao ordearlle que a obteña en nupcias e ser obxectado polo mancebo de que morreran polo demo sete maridos anteriores, dílle que para evitar esta desdita entre coa esposa en continencia e non faga senón pregar a Deus en unión a ela durante tres días, ao cabo dos cales non só fuxirá o esprito infernal, senón que Tobías será admitido no seo dos santos patriarcas e recibirá a benzón do Señor a fin de que teña fillos vigorosos. E así mesmiño fixeron. Un conto traído de Caldea, reflexo dunha práctica pagana antiga que a Igrexa quixo cristianizar.
Pois ben, nalgúns lugares de Galicia tamén existía o costume ou propósito de gardar castidade inmediatamente despois de celebrado o rito matrimonial durante un ou varios días. En Mondoñedo, mentres a noiva pasa a noite de vodas coa madriña, o noivo pásaa acompañado do padriño da ceremonia; en Celanova, os noivos recóllense nas súas respectivas casas e viven separados un do outro durante os oito ou quince días seguintes á celebración das nupcias; en Boiro, os noivos que non fan viaxe de vodas, permanecen durante tres días cada cal na súa casa sen se xuntaren. No concello de Cervantes (Lugo), no 1.968, logo de observar seis vodas recolleron que a ceremonia celebrábase cunha grande aparatosidade e durante a primeira noite prolongábase a cea ata altas horas da madrugada na casa do noivo, tras a cal este deitábase co padriño e a noiva coa madriña. Ao día seguinte marchaban as persoas convidadas e entón, o noivo convidaba, esa segunda noite, a cear tamén na súa casa a todos os que na aldea quedaran sen convidar. Os noivos non se deitaban xuntos ata a terceira noite.
Co paso do tempo hai costumes coma esta que se van perdendo. Déixaas ire!! Pois no tempo da mocedá é ben sabido que os folgos son outros e fillos dos fiadeiros, da silveira, do vento ou da Feira da Toca sempre houbo, ou do palleiro que nacían nove meses despois da seitura e non por iso deixaron de ser xente de ben nen había que agardar á noite de vodas. O que si, que daban moito que falar tantos rituais e tanto botar contas para cadrar a idade dos nenos/as, que aínda lembra a señora Avelina, de 100 anos e algo, para dar conta da importancia da transmisión oral e do saber popular e de como chegou aos nosos días:
?Marzo, marzolo e o mes que non vén solo, son tres
Abril, abrilete e o mes que se mete, son seis
San Juan e san Juanás, e o mes que nace o rapás, son nove
?.
Na foto, podedes ver un camisón de hai 82 anos, da noite de vodas de Isabel, que nos prestou a súa irmá Pilar (nora de Lola Sanjurjo), alfaias do noso pequeno museo que amosamos con agarimo a quen se achega a visitarnos. Moitas grazas Pilar e familia pola vosa contínua colaboración, de parte de todas as persoas maiores e do persoal da casa.

Comentarios (3) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 15-03-2013 13:50
# Ligazón permanente a este artigo
3 Comentario(s)
1 Bueno, que historia, se o mozo ou a moza non tiñan claro#blgtk08# a inclinación sexual, ao deitarse co padriño, en fin...
Comentario por Belén (15-03-2013 17:07)
2 Menos mal, Pepe, que estas cousiñas non se mantiveron no tempo.
Tal evolucionamos!!.Algo tan natural como é a sexualidade de cadaquén non pode ser un tabú. Agora temos, tamén, moita máis información.
Quero aproveitar para deixar recollida#blgtk08# a idea aprendida de Avelina de cómo han durmir os recén casados (que poida que garde certa relación ao que dís no teu artigo)e que dí así:
o 1º día cara pra cara,
o 2º día cú pra cú,
e o 3º que troughen eu e que trougheches tú?.
Comentario por Gelo Paz (18-03-2013 13:42)
3 Tamén antes, os mozos do lugar acostumaban ir á casa dos noivos a cantarlle na porta. O noivo debía saír e c#blgtk08#onvidalos a pan, queixo e viño para que deixaran de cantar e poder voltar para a cama.Iso todo xa non se fai
Comentario por Manolo Polo (19-03-2013 14:00)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0