Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

CASA PEGA ULTRAMARINOS

A taberna poñía na parede en letras verdes, agrisadas polo tempo, xunto a unha lata cadradiña co debuxo dunha chea de bonecos recortables que dicía Los quince hermanos e un moderno anuncio de Mirinda, como unha gran tapa de botella,
C A S A
P E G A
ULTRAMARINOS
Tiña dúas entradas, a das mulleres que daba á tenda e a dos homes que daba ao bar. Eu ía á tenda con miña nai dende picariña. Era unha tenducha pequena chea de caixas de froita á carón, a carne salgada e as caixas de peixe nun mesado, unha vella neveira abarrotada e un mostrador no que Xovita, a dona, se debruzaba mentras miña nai lle pedía e o resto das clientas se desesperaba. A verdade é que era un pouco sérvete ti mesma, máis por desganzada que por moderna. Tiña máis espazo Xovita dentro do mostrador que quen ía mercar. Alí podías atopar dende un paquete de café ata unhas guarachas do 39. Sen esquecer a roda, como a dun carro do país, chantada á carón e apoiada no saco das patacas, chea de sardiñas lañadas, colocadiñas en derredor do centro como se fose unha roda de prata. A min aquel tabal sempre me atrapaba como se fose un burato negro no universo estelar, incluso cando apareceu a boneca Micaela que cantaba soa e que regalaban a quen xuntara os puntos do deterxente Omo. Do teito penduraban, ademais das ristras de chourizos, unhas tiras dunha cor que algún día fora amarela, graxentas e pegañentas pingaradas, cada vez máis, de negro por mor da chea de moscas que había.
Xovita non era moi limpa nin moi amable, pero era a única taberneira en toda a parroquia. A pobre andaba metade do tempo acatarrada; sacaba o pano, engurrado polo uso, do medio das tetas, sacodíao ben derriba do mostrador ou do que cadrara, miraba para riba, deixábado caer no fociño con finuría e sonábase (despois o pano voltaba para o seu sitio). Á miña tía Tiluca, o día que foi buscar uns sobres de azafrán e unas pilas para o arradio, pois lle gustaba escoitar a novela, díxolle moi recachada: E que máis?. Nada. Pois, para comparme iso só, excusabas vir.
Da tenda ao bar, pasábase por dentro do mostrador; alí a barra era enorme, de lado a lado. Había tamén tres mesas: a da entrada, onde sempre estaba sentado Serafín da Xunqueira, un homiño cun cigarro, tan porcallán que ninguén se sentaba con el; a da ventá, que sempre estaba baleira; e a do fondo, onde se tiraba a partida e onde podías atopar a Faustino, o dono, coma Xan da Riola, coa camisa de fóra, e coa súa taza de clarete. Botaba unha piscolada de cada vez da billa daquel bocoi cor viño tinto; no día ventilaba ben dous litros. Os homes arrimábanse ao mostrador trepando o serrín do chan que o absorbía todo. Ao fondo había unha porta que daba a un mexadoiro, un burato no chan onde os home debían atinar, con máis ou menos puntería, por diante ou por atrás. Eu lembro a Faustino, no verán, coa música de Manolo Escobar nun vello xiradiscos (no me gusta que a los toros te pongas la minifalda...), abrindo a ventá e berrando: Helaaao, al riico helaaao!
A taberna tiña detrás do mostrador do bar un van cunhas tiras de cores penduradas que a separaba da vivenda: dous cuartos e unha cociña, nos que facían vida; no patio había un escusado e unha bodega.
Gardaba o conxunto un can atado no patio. Un can grande, mouro e malo como a tiña, trabáralle á filla nun brazo. O día que se ceibou da cadea e andivo pola vila, todos voamos para a casa ata que Faustino, o único que era capaz del, o encadeou de novo.
A taberna poidérase construír porque o matrimonio estivera uns anos en Venecuela facendo uns poucos cartos. E de alí trouxeran unha filla e o seu castelán, do que metían unhas cantas zocas ao longo do día. Aos pícaros da aldea gustábanos preguntarlle á filla como se chamaba pois sempre respostaba sen cambiar o sonsonete: María Gabriela Pega Gómez, para servir a Dios y a usted.
Faustino e Xovita levábanse coma o can e o gato. El zoupaba naquela mullerona as máis das noites, incluso cando ela estaba preñada de Nemesio, o fillo pequeno. A Nemesio sempre lle faltou unha primavera ou lle sobrou unha xota. Xa non lle aprenderon a dicir o sonsonete co seu nome; ás veces dicíache que se chamaba Carrunta, pois sabía que nós iamos rir, anque non sei de onde sacara aquel nome. O caso é que cos pícaros da taberna nunca nos aburriamos.
Un día que Xovita tiña un ollo fúnebre por un moquete que lle mandara Faustino, pois disque a zalapastrana non taballaba nen a metade ca el, meu pai veu comentando que o chocalleiro de Serafín da Xunqueira soltara unha das súas coplas:
Ás mulleres que son boas
Deus lles dea boa fortuna,
sarna con dor de moas,
ortigas pola cintura.
O ceo che dea paciencia
con esa túa muller
que non fai o que lle mandas
nin tampouco o que debe facer
.
A miña nai saltou toda alporizada e espetoulle: Oíches, chufas e peidos non costan diñeiro! Non vexo eu que el sexa moito millor ca ela, todo o día bebendo e botando a partida. Non a vou defender; nin é limpa, nin traballadora. Pero como era Xovita sabíao Faustino antes de se casar, que non enganou a ninguén; se non lle conviña que a deixara quedar. Casou con ela? agora que apande, que ten unha filla e camiño doutro, que lles facía tanta falta coma un can na misa. Levantarlle a man nunca! A Xovita máis lle valera coller a pequena e marchar para Venezuela de novo. Por certo, eu tamén che sei coplas coma Serafín:
Teño polainas de buxo,
tarrañolas de burel
para darlle ao taberneiro
porque tundou á muller;
para estar cun ruín home
máis lle valera correr
.
Meu pai non volveu facer comentarios sobre a leña da taberna, pero Xovita só se librou das malleiras cando Faustino morreu dunha cirrose hepática, poucos meses despois do nacemento de Nemesio.
Eran outros tempos...
Comentarios (0) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 25-11-2012 03:08
# Ligazón permanente a este artigo
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0