Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

ESFOLLA COA VECIÑANZA DE INSUA

O que máis gusto me dá do patrón é poder invitar á xente á casa, comer un bocado do que haxa, botar unhas risas e unha parola e se cadra tamén unha peza.
Onte tivemos de invitada á veciñanza de Insua que tan ben nos recibira na súa parroquia hai unhas semanas.
Pola mañá puxémonos a adornar a casa. Baleiramos uns calabazotes e lles fixemos caras simpáticas ou de medo. Deron que facer pero pagou a pena.
Pola tarde veu case toda a xente que coñeceramos en Insua, devolvernos a visita. Ensinámoslles un pouco a casa e a exposición na que son parte protagonista, xa que nela están presentes as fotos que fixemos o día da fiada. Chamáronlles moito a atención os traxes antigos e as máquinas de fiar. Atopáronse con xente coñecida que había tempo que non vían.
Pero non todo había ser parolar. Tiñamos pendente unha esfolla de máis de cen quilos de maínzo do país. Non houbo que ensinar a ninguén a esfollar. Todo o mundo recordaba como se fai un traballo que comezaron a facer sendo moi nenos, algunha con cinco anos como dicía a señora Josefa. Tamén se fixeron restras como a de Graciela ou a da nosa Lola de Ramón.
Entre pluma e pluma, houbo tempo para comer unha mazá asada que tamén estamos no tempo delas. A maciñeira do noso xardín está cargadiña dunhas ben coloradiñas.
Viñeron dous fogueteiros, Pedro de Mera e máis Luís o xenro do Peitudo, armar festa e que se sentira en toda a redonda. Na casa grande celebramos o patrón por todo o alto.
E despois das tracas, baile. Deume moita ledicia ver bailar de novo a Benigna das Pontigas. Todos tiñamos as fazulas coloradiñas, polo baile e pola calor da xente.
Cando marchaban os nosos invitados, había quen dicía que lle parecera pouco maínzo e que o ano que vén haberá que traer un camión de Insua. Por nós non hai problema. Quedades invitados para o próximo patrón e a casa está aberta para calquera día.
Comentarios (3) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 16-11-2012 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
3 Comentario(s)
1 Grazas á veciñanza de Insua por tan boa tard#blgtk08#e que pasamos. Grazas Luz polo teu esforzo.
Comentario por Ara (19-11-2012 12:29)
2 Houbo quen contou que a primeira muller que atopaba unha espiga raíña ou rei na esfolla había de pagar a merenda e o primeiro home pagaría a caña, pero había tanto maínzo que houbo raíñas espesas polo que decidimos facer a merenda todos e todas a unha e con boas mazás da nos#blgtk08#a colleita, que non se diga!.A caña non fixo falta que xa os ánimos estaban quentes ¡Mira que dicir, Pepe, que era pouco maínzo, mi madriña!Faltounos botar a nós o maínzo na horta e esfollalo tamén. Para o ano que vén probamos,con cabazas polo medio e se cadra, fabas tamén.
Comentario por Gelo Paz (19-11-2012 22:36)
3 Oes, Pepe. Habemos de ter que ir facendo un caba#blgtk08#ciño de varas para meter o maínzo o ano que vén.
Comentario por Ara (20-11-2012 09:27)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0