Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

XURXIÑO, O INGLÉS

Emprestounos un libriño o noso don José, ?A biblia en España: ou viaxes, aventuras e prisións dun inglés na procura de difundir as Escrituras pola Península?. É un libro de viaxes que conta as andainas do pastor protestante George Borrow (a quen chamaban don Xurxiño o inglés) polos camiños de España hai 175 anos. O libro está traducido ao castelán con prólogo e tradución de Manuel Azaña. Póñovos a parte na que conta o seu paso por Ortigueira, mantendo con cursiva as palabras que aparecen en francés ou galego no orixinal e entre corchetes as miñas suposicións.
Dous ou tres días levaba eu en Ferrol agardando a Antonio e non acababa de chegar; á fin, estando eu alucando a rúa entre lusco e fusco, vino vir, levando pola corda o noso único cabalo. Contoume que a unhas tres leguas da Coruña, o cabalo, sufocado pola calor e polas moscas, caera ao chan cunha especie de ataque, do que só reanimara a forza de sangrías, razón pola que tivo que parar un día mais no camiño. O cabalo estaba, abofé, moi feble; tiña un estertor que de principio me asustou; pero dinlle unhas menciñas e aos poucos días pareceu que mellorara dabondo para continuar a viaxe.
Partimos así de Ferrol, despois de alugar una besta para min e de axustar un guía que nos levase a Ribadeo, a vinte leguas de Ferrol, nos confíns de Asturias. O día, á primeira, estivo despexado; pero antes de chegar a Novales [Pontenoval?], a tres leguas de camiño, escureceuse o ceo e caeu a néboa, acompañada de chuvisca. O país que atravesabamos era moi pintoresco. Sobre das dúas da tarde enxergamos entre a néboa, á nosa esquerda, Santa Marta, pequena cidade de pescadores, cunha fermosa badía. Seguindo ao longo dos cumios dunha cadea de montañas, entramos nun castañal que parecía inacabable; a chuvia continuaba, repenicando sen parar nas anchas follas verdes.
- Xa empezan as chuvias do outono- dixo o guía-. Moito se van mollar vostedes, meus amos, antes chegar a Oviedo.
- Estivo vostede algunha vez en Oviedo?- preguntei.
- Non; só cheguei ata Ribadeo e para iso nada máis que unha vez. Falando con franqueza, non sei como nos apañaremos cando cheguemos aos campeiros que hai preto de aquí; de noite e con chuvia será moi difícil atopar o camiño. Quixera estar xa de volta en Ferrol porque este camiño, o pero de Galicia por moitas razóns, non me gusta; pero onde vai a besta do meu amo teño que ir eu tamén: tal é a nosa vida dos guías.
Encollín os ombreiros cando recibín estas novas, pouco agradables de verdade e din a calada por resposta.
Por fin, cando caeu a noite, saímos do bosque e ao pouco baixamos a un profundo val, ao pé de elevadas montañas.
- Onde estamos agora?- preguntei ao guía, no intre que no fondo do val cruzabamos por unha rudimentaria ponte un regato ruidoso e escumante, medrado polas chuvias.
- No val de Coisa Doiro [Couzadoiro]- respondeu-; a miña opinión é que pasemos aquí a noite para non aventurarnos nos montes por onde pasa o camiño de Viveiro, porque entrar neles e perdernos vai ser todo un e entón, adeus! morremos todos.
- Hai algún pobo por aquí preto?
- Si, señor; o pobo está fronte a nós e nun instantiño chegaremos a el.
Ao pouco entramos nunha aldea que se erguía, entre árbores altísimas, á entrada do desfiladeiro.
Antonio apeouse, entrou en dúas ou tres chozas e volveu de seguida, dicindo:
- Non podemos quedarnos aquí, mon maître, sen que nos coma a miseria; mellor estaremos entre eses outeiros. Non hai lume nin luz nestas chozas e a chuvia cala os teitos.
O guía, porén, negouse a continuar.
- Coa luz do día custarame traballo atopar o camiño- berrou malhumorado-; peor será de noite, coa treboada e a brétima.
Mercamos un pouco de viño e de pan de maínzo nunha das chozas e, mentres comiamos, Antonio dixo:
- Mon maître, o mellor que podemos facer nesta situación é axustar a calquera deste pobo para que nos leve por esas montañas a Viveiro. Aquí non hai camas, e se nos botamos na palla cos vestidos mollados, colleremos unha terciana galega. O guía que traemos non vale para nada; imos buscar un que o substitúa.
Sen agardar resposta guindou a codia de broa que estaba comendo e desapareceu. Andou camiño, como despois souben, até a choza do alcalde e pediu, no nome da raíña, un guía para o embaixador grego, que se perdera no camiño de Asturias. Volveu aos dez minutos na compaña da autoridade local, quen, con gran sorpresa pola miña parte, me fixo unha profunda reverencia e parou coa cabeza descuberta baixo a chuvia.
- A súa excelencia- exclamou Antonio- precisa dun guía para ir a Viveiro. As persoas da nosa clase non están obrigadas a pagar os servizos que necesiten; porén, a súa excelencia é de entrañas compasivas e dará gustoso tres pesetas a calquera persoa competente que o acompañe a Viveiro e todo o pan e o viño que queira comer e beber ao chegar.
- A súa excelencia será servida- respondeu o alcalde-. Porén, como o camiño é longo e difícil e na montaña hai moita brétima, paréceme que, ademais do pan e do viño, a súa excelencia non debe ofrecer menos de catro pesetas ao guía que o leve a Viveiro e non coñezo ningún mellor que o meu xenro, Juanito.
- Concedido, señor alcalde- repliquei eu-. Traia vostede o guía e a peseta de aumento sairá tamén a relucir no momento oportuno.
Non tardou en aparecer Juanito cun farol na man. Saímos ao punto. Os dous guías comezaron a falar en galego.
Comentarios (1) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 28-09-2012 12:48
# Ligazón permanente a este artigo
1 Comentario(s)
1 Grazas a don José por prestarnos un libro que é un documento da vida en Galicia no século XIX, aínda que moi subxecti#blgtk08#vo. Hai unha versión en galego editada por Xerais e traducida por Salvador García-Bodaño: "Viaxe por Galicia, 1.837".
Comentario por Ara (04-10-2012 12:54)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0