
A xente que sobe por vez primeira ás oficinas municipais de Ortigueira saúda instintivamente a quen permanece máis horas no concello, sen ser parte do persoal. É o vello Rilo, o mellor gaiteiro galego de hai 120 anos, inmortalizado nunha escultura.
Don Manuel Rilo Pardo naceu en Betanzos na primeira metade do século XIX. Ferreiro por profesión, labrego e gandeiro por subsistencia e gaiteiro por sentimento.
Tiña habilidade, facía de buxo o roncón e o punteiro da súa gaita, e tiña habelencia, era un bo narrador e copleiro, facendo rir a esgallo a quen o escoitaba.
Para recoñecelo había que buscar un home pequenote pero rexo, cunhas anchas patillas que lle ocupaban tódalas fazulas. Sorría picaramente cos ollos e os beizos.
Vestía calzón, chaqueta e monteira, coma os gaiteiros dalgún día, e tocaba ao xeito tradicional, sen filigranas nin variacións, muiñeiras, alboradas e alalás. Tocou en festas patronais e romarías, en fiadas e vodas, en foliadas e seráns, sen darlle folgo á gaita máis que para mollar a palleta.
Era unha época na que proliferaban os certames de gaiteiros por cidades e vilas con premios gorentosos, dos que o Rilo de Betanzos gañou alomenos 27. O máis importante conseguiuno polas festas do apóstolo en Compostela, no ano 1.893. Tocou unha peza da súa autoría, a Muiñeira de Piadela. Gañou a astronómica cifra de 100 pesetas e o simbólico título de Mellor Gaiteiro de Galicia.
En 1.906 Rilo foi o gaiteiro nas festas da patroa de Ortigueira, a súa derradeira actuación pública. Poucos meses máis tarde finou en Oza dos Ríos.
De vagariño a súa lembranza foi esmorecendo.
Os gaiteiros están presentes en moitos contos. Como aquel que contou o meu veciño Andrés, dun que faleceu e pedira que o soterraran coa súa gaita. Non collía ben na caixa e houbo que poñerlla no medio das pernas. Cando o levaban para o camposanto ía a súa viúva atrás laiándose: ai, meu homiño, que te fuches para non volver e que soíña quedo. Ai co ben que o temos pasado co que levas entre as pernas?
Aquí en Ortigueira é famoso o conto de Chumín de Céltigos, que unha noite de luar, volvendo dunha festa por carreiros pechados de bouza, topou cun lobo. Co medo que colleu premeu o fol da gaita e o son do roncón arredou ao animal. Por se acaso, Chumín non deixou de tocar a gaita ata chegar á casa. Hai quen di que o lobo ouveaba ao son da música, o caso é que non o volveu ver.
O gaiteiro é a encarnación da festa galega e Andrés ten ido a moitas. Co bo humor e retranca que o caracteriza e cos contos que sabe, dá gloria parolar con el dos tempos mozos e de tantas ?ghatadas? coma ten feito. Poñamos en valor todo o que nos é propio e nos distingue coma galegos e galegas, escoitando as voces de quen aínda o lembra tal cal foi. Viva a memoria colectiva da nosa xente maior!!.
Lembroume Andrés, que cada vez que suba ao concello lle dea recordos ao grande gaiteiro Rilo da súa parte, e así farei con todo o respecto. |
1 |
Que as gaitas non deixen nunca de soar, Pepe!.Direille á miña sobriña Aldara, que tamén é gaiteira, que aprenda a tocar a muiñeira de Piadela en honra a Rilo. Aquí deixo este fermoso soneto que escribíu o cronista oficial de Betanzos, Vales Villamarín, adicado Ao vello Rilo:
Naceu ?según é fama- aturuxando
e facéndolle chiscos á parteira.
Ensinoulles aos merlos a muiñeira
cando de pequerrecho iba co gando. #blgtk08# />
Foi un don Xoan Tenorio, namorando,
e un Marcial de calzón e de monteira,
e contaba no adral e na lareira
historias da ?facción? e o rei Fernando.
Sabía de memoria o Ciprianillo,
libraba da tirís e o garrotillo,
conxuraba os meigallos e o tronante?
e nas romaxes deste chan saudoso
como gaiteiro enxebre e fachendoso,
non lle puxo ningun nunca o pé diante.
Un saúdo |
|
|
Comentario por Gelo Paz (31-08-2012 14:15) |
|