Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

A CASA DA VELA

Nós temos un barco moi pacífico e hospitalario, pero nos mares sempre houbo de todo.
Os piratas atacaron as nosas costas dende a Idade Media, primeiro viquingos e normandos e lles seguiron ingleses, holandeses, franceses e ata bérberes. Saqueaban as vilas levando todo o que consideraban de valor. Piratas, bucaneiros, filibusteiros e corsarios parecían todos iguais: arrasaban, mataban e roubaban. Mais non era así. Os corsarios tiñan patente do goberno do seu país para exercer a piratería a cambio dunha parte das ganancias. Un dos piratas máis famosos que chegaron ás nosas costas foi o inglés Francis Drake a quen a súa raíña lle concedeu un título nobiliario polos servizos prestados á Coroa inglesa.
Os barcos piratas adoitaban ser naves lixeiras, rápidas e ben armadas para conseguir abordaxes doadas, e tamén de quilla baixa para poderse achegar á costa con facilidade. Non era estraño ver goletas, balandras ou bergantíns abordando outros barcos, poida que coas as súas adegas cheas de tesouros procedentes das guerras de Flandes.
Tamén nestas augas ocorreu un episodio da historia moderna, a Batalla de Cabo Ortegal. O 4 de novembro de 1.805, desenvólvese a derradeira acción da campaña de Trafalgar, na que un barco francés, aliado de España e capitaneado por Pierre Dumanoir foi capturado preto das costas de Ortigueira polo capitán inglés Richard Strachan.
Cando os barcos piratas vían a nosa costa entre Punta Candieira e Estaca de Bares non deixaban de temer un posible naufraxio. A zona é de moito vento do sudoeste rolando ao norte, con choiva e pouca visibilidade, que provoca forte marusía. Ademais as augas próximas á costa están cheas de cons que en marea alta son invisibles. Esta era a nosa protección natural. Pero non chegaba.
Por iso, en tempos do rei Carlos III, foron levantadas unhas pequenas casetas ao longo de toda a costa galega, no alto dos cantís. Hoxe aínda se poden ver algunhas. A súa construción é sinxela: catro paredes duns tres metros por dous, de cachote e algunha sillaría de granito nas esquinas; cuberta do mesmo cachote, a dúas augas por fóra e en bóveda no interior; unha porta, algún ventanuco e un lar no interior para facer lume. Nelas apostábanse sentinelas que mediante sinais de fume se comunicaban con outros postos. A estratéxica panorámica que contemplaban era fundamental para artellar a defensa.
No Porto de Espasante, na Punta dos Prados, atopamos unha destas construcións, a Casa da Vela. No ano 1.703 o párroco de San Xoán pediu protección ante os ataques piratas de ingleses e holandeses. Construíuse a garita a mediados dese século e contou cunha dotación militar. Dende ela, en días claros, pódense albiscar outras dúas edificacións similares a Vixía da Herbeira, na Serra da Capelada, e a Garita de Vares, no alto de Maeda, xa case agochada tras os eucaliptais.
A visión do horizonte onde se confunde ceo e mar dános a medida da natureza.
Comentarios (1) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 29-08-2012 15:29
# Ligazón permanente a este artigo
1 Comentario(s)
1 moi instuctivo o relato ¿que o escribiu,peman#blgtk08#?digo po la boa descripcion do tempo!
Comentario por loly (29-08-2012 16:58)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0