Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

BÉVERAS E MIGUELIÑOS

Hai uns meses Isabelita do Forno decidiu traer unha figueira para a casa, pois achaba de menos a que houbo hai uns anos no xardín.
Na antiga Grecia, cando se fundaba unha cidade, plantábase unha figueira entre a ágora e o foro para sinalar o lugar onde se xuntarían os anciáns. Nós tamén temos a figueira plantada nun lugar de xuntanza de persoas maiores: o patio do comedor. Non é a Figueira do Meco pero para nós é unha árbore senlleira.
Nun principio non sabiamos se prendería, pero aí está. Xa ten unha pila de figuiños que non debemos arrincar, pois xa nos avisaron moito que se se lle quitan os primeiros despois seca o pau.
Aínda que as figueiras proceden de Asia aclimatáronse ben a Galicia. Non son delicadas, pódense ver xermolos ou pés medrando en vellos muros ou entre as rochas, como no arribón tras o Porto de Espasante.
Posiblemente a figueira fora o primeiro caso coñecido de agricultura na humanidade. Pero non hai que pensar que a figueira dá froito. De feito os figos son sicóns, onde están gardadas as flores da árbore, e dos que nacerán os froitos, que son as pebidas que atopamos dentro do figo.
As figueiras adoitan ter figos dúas veces no ano. No verán saen as béveras e a finais de setembro os migueliños, máis pequenos pero moito máis saborosos. Aos paxaros tamén lles saben polo que haberá que tomar precaucións.
Da figueira axou un merlo
con béveras no peteiro.
Escusa volver por outras
heinas comer eu primeiro.
Antigamente consideraban que os figos era a mellor menciña para se recuperar dunha enfermidade longa e que mantiñan ás persoas maiores con boa saúde e facéndolles parecer máis novas. Se por iso é, o ano que vén darémonos unha enchente.
Outra cousa moi importante que dá a figueira é sombra. Quen non botou unha soneca no verán despois do xantar debaixo dunha figueira, non sabe o que son os praceres desta vida. O arrecendo que teñen garante doces soños. Probade e veredes.
Comentarios (1) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 29-08-2012 15:13
# Ligazón permanente a este artigo
1 Comentario(s)
1 Para que esta figueira dea sombra vai haber que esperar un pou#blgtk08#co, pero Constantina debe estar a gusto polo sorriso que ten.
Comentario por Ara (29-08-2012 20:07)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0