Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

O MARIÑEIRO DE ESPASANTE

Contaba unha veciña que houbo nesta casa hai anos, Dora de Espasante, unha das historias máis fermosas que eu nunca tivera escoitado. A ela contáralla o seu avó e a este o seu, polo que non sei moi ben cando ocorreu.
Foi no Porto de Espasante que había un mariñeiro, traballador coma poucos pero que nos últimos tempos non tiña boas mareas. Largara onde largara non enchía o aparello como os máis.
Nunha tarde cálida de verán, saíu ao mar na súa lancha coa brisa dándolle na cara. De súpeto, o ceo cubriuse de nubes pedresas que non tardaron en descargar os seus bandullos. A chuvia era mesta e non deixaba ver rumbo polo que o mariñeiro procurou non se afastar da costa. Amainando a treboada, entre a loaira, comezou a escoitar ao lonxe e de xeito feble unha voz doce e cadenciosa que cantaba. O mariñeiro agarrou os remos e vogou con tódalas súas forzas ata o canto. Puido ver unha das rochas do Picón arrodeada de peixes e, sentada nela, unha serea a peitear o seu longo cabelo de acibeche. Tiña o corpo branco e arredondado coma a escuma das ondas do mar. Do vao arriba ofrecía os seus peitos ao sol e do embigo abaixo unha cola cuberta de prateadas escamas. Fitou para el dende os profundos ollos azuis e o mariñeiro quedou engaiolado; nunca máis dela se separou. Peixe non lle volveu faltar nin uns brazos agarimosos que o apertasen.
No Porto ninguén soubo que pasara. O mariñeiro nunca volveu. A súa lancha atopouse escachada nos cantís de Loiba.
A partires daquel día disque apareceron dúas rochas novas no Picón. Hai quen xura que son o mariñeiro e a serea que nas cálidas loairas de verán pódense ver sentados a entoar a súa cantiga:
Mariñeiro de Espasante
cando saias faenar
cóidate ben das sereas
que estean a alucar.
Non confíes mariñeiro,
nestes intres de loaira
poida que algunha serea
veña te roubar a alma
.
Comentarios (3) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 08-08-2012 14:20
# Ligazón permanente a este artigo
3 Comentario(s)
1 Como me gustan estas historias, Pepe!. Hei de ir polo Picón a ollar detidamente esas rochas e, se cadra, aínda ve#blgtk08#xo algo do que contas. A imaxinación ao poder e que non se perda!!.Unha aperta de verán.


Comentario por Gelo Paz (09-08-2012 13:45)
2 Fermosa serea, Pepe. Por e#blgtk08#la sucaría tódolos mares.
Comentario por Ara (10-08-2012 23:05)
3 Ola Pepe: Cando entro no blog, que o fago de vez en cando,recordo as historias que escoitei de neno, antes de que chegara a TV e "as novas tecnoloxías", que tamén estan ben, pero creo que non teñen o encanto destas historias.

Por certo que sempre quedo "abraiado" pola can#blgtk08#tidade de datos que aportan os artigos (construcción do Ferrocarril,onde aparecen os tramos e as datas de imnauguración, por exemplo.

Felicidades polo blog.
Aqui tamén somos mariñeiros, de terra adentro, eso si.

Un saúdo dende O Barco de Valdeorras.
Comentario por Manuel Fernández Casas (23-10-2012 13:12)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal