Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

A PROCESIÓN DA CARIDADE DO COBRE

Bo día á xente da casa grande! Este foi o recibimento que unha veciña da Vila nos deu pouco antes de entrar onte na igrexa para escoitar a misa crioula na honra da Caridade do Cobre. Aurora do Sixto, a cubana, estaba desexando que chegara este momento dende hai uns días, pois é moita a devoción que sinte pola patroa de Cuba. Eu ía drado por retratarme coa virxe e mandarlle a foto aos meus parentes en Miami e tamén porque dá xenio escoitar o Kyrie coa portentosa voz de Agustín o boticario e o resto de compoñentes da Coral.
A Caridade, en Ortigueira, considérase patroa de tódolos emigrantes e loce arroupada por bandeiras de moitas nacionalidades traídas por orteganos que foron traballar polo mundo adiante. María e Lucho que traballaron boa parte da súa vida en Torquay, na Riviera inglesa, sentaron en primeira fila xunta o alcalde e as demais autoridades. Foi a misa de presentación de Javier, o novo diácono, quen presidiu a procesión con patente fervor. O intre máis emocionante foi cando a banda tocou o himno galego ante a porta da igrexa e ao rematar entrou a Caridade do Cobre entre aplausos.
Fixemos vida social e saudamos a familiares, amizades e xente da veciñanza, entre outros a Sara a enfermeira que saíu na banda tocando o saxofón; a Chus, a sobriña de Lita, moi atenta e amable; a Elvira que sempre será da casa e a Girón, o alcalde, que se achegou para desexarnos unhas boas festas da Patroa.
Por alí andaron dous periodistas do programa Vaia troula da televisión de Galicia. Se cadra o domingo saímos na tele.
Xantamos tarde, como todo o mundo nos días da Patroa. Despois, festa rachada. Tocou a música ata caer de cu. Botaron unhas pezas Benigna das Pontigas, Andrés de Pantín, José de Horizón, Isabelita do Forno, Fina de Caranza, Mari de Rosario? ata Carmen de Luaces. Constantina non bailou pero trouleou sentada.
De merenda houbo a típica torta de Ortigueira de infindo grosor, capa sobre capa: base follada, cabelo de anxo, pasta melosa de améndoas e cubrición de froitas confeitadas e améndoas fileteadas. Di dela o noso Manolo de Benigna que é a torta barroca por excelencia, tanto no seu continente como no seu contido, antiga e vigorosa. Abofé que un anaquiño mantén para o día. Podedes ver a receita desta torta e outras moitas no blog deste fantástico periodista e mellor amigo, cuxo enlace tendes ao voso dispor na nosa sección na rede.
Seguimos de festa!
Comentarios (0) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 31-07-2012 22:40
# Ligazón permanente a este artigo
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0