Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

EMPANADA DE BERBERECHOS DE RAMONA

Imos ler o que lembra Ramona da Magdalena dunha das receitas de cociña que ela adoitaba facer hai anos.
Na Ría de Ortigueira, cando eu era nova, había de todo para quen quixera ilo coller.
Eu baixaba á ribeira, na Lagarea, a apañar berberechos, longueiróns, ameixas e mexillóns. Nos furados das pedras da ponte da Lagarea habíache congro; érache bo para facer en caldeirada, cunhas pataquiñas e un rustrido. Por Laxás, segundo ías non facías máis que pisar os cangrexos. Habíaos a montóns e tamén me sabían. Eran cangrexos verdes que ao cocer quedaban encarnados pola barriga.
Había moita cantidade de berberechos. Aínda que colleras un saco deles non se perdían. Comíase todo, pola fame e máis porque daquela non había neveira, nin conxelador para gardar a comida. O caso é que quedar non quedaban, non tiveras medo! Teño ido a apañar os berberechos e mesmo na praia comelos así, crus. Se non, voltaba para a casa, lavábaos e cocíaos.
A empanada de berberechos si que estaba boa!!
Para facela facían falla os berberechos; a cantidade era a ollo segundo o grandor da empanada. Para o rustrido botabamos nunha tixola aceite, cebola e pemento ou azafrán. A masa facíase con auga, un chisco de sal, formento e fariña de trigo. Porque haber había trigo que viña nunhas sacas grandes. De onde viña? De fóra. Quen sabe! Do inferno! Andaba unha muller cun corpazo bárbaro carretando para as tendas, levando unha saca grandísima ás costas...
Primeiro de nada, había que amasar e deixar que levedara a masa. Despois cocíanse os berberechos ata que abriran e sacábanse da casca. Nunha tixola fritíase o prebe: un pouquiño aceite, cebola picada, pemento doce ou azafrán, válenche o mesmo.
Estirábase a masa, ben estiradiña e púñase nunha bandexa. Cacharros non había tantos como agora e sempre se facía na mesma bandexa. Logo cubríase a masa co rustrido e os berberechos cocidos repartidos por riba. Por último, había que poñerlle a tapa de masa enriba, revirándolle a beira, e ao forno.
Parece que aínda me vén o sabor á boca. Agora non se fan as empanadas coma as de antes. Comíache un cachiño de boa gana?
Pois haberá que facela, Ramoniña!
Comentarios (0) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 19-07-2012 15:21
# Ligazón permanente a este artigo
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0