Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

GRAN CINE DE ORTIGUEIRA
En Ortigueira tódalas rúas teñen dous nomes: o oficial e o coñecido pola xente. No comezo dunha das ruelas máis estreitas da Vila, case esquinado coa Estrada Xeral, atopamos un edificio singular que lle dá nome popular a esta rúa, ?a dos Polos?.
Antonio Tenreiro Rodríguez foi o arquitecto que proxectou esta edificación, rematada en 1.940 e destinada a Gran Cine. Tenreiro foi un dos principais arquitectos galegos do século XX e a súa obra máis senlleira é a sé central do Banco Pastor. En 1.930 é nomeado arquitecto municipal da Coruña e en 1.937 é suspendido do seu cargo pola súa militancia republicana. Isto supuxo un atranco na súa carreira, tendo incluso que asinar o seu socio, Peregrín Estellés, algunha das súas obras como esta que nos ocupa.
Este é un valioso exemplo da primeira arquitectura moderna galega cos efectos plásticos dun edificio situado na confluencia de dúas vías principais (algo que se perdeu por unha construción posterior). Racha coa arquitectura ortegana anterior, arrincando da fachada as tradicionais galerías e empregando outros materiais como o formigón e o tixolo recebado. Con todo, o edificio ten un aire mariñeiro que o integra na contorna.
A súa planta é sinxela e o alzado consta de baixo e dous andares con solucións racionalistas á vienesa na súa fachada: no primeiro andar ábrense catro grandes vans sen apenas ornamento e no andar máis elevado os vans son máis pequenos e están situados nun grande volume voado e curvado. Remata a esquina dereita unha torre de corpo voado con catro caras iguais que se eleva en volumes escalados, rompendo a marcada horizontalidade da fachada e cunha función exterior de reclamo publicitario.
O cine deu en chamarse Cine Fojo porque o levaba esta coñecida familia. Tempo andando alugáronllo a Pepe de Pancho, de Senra. O primeiro taquilleiro foi Vicente Baamonde, o curmán de Isabelita do Forno, e cando este marchou para Dinamarca quedou no sitio o irmán desta, Pepe. Había sesións os martes, xoves, sábados e domingos, e sempre estaba cheo. Os domingos a xente xa ía coller as entradas (abaixo máis baratas que arriba) despois de misa para a sesión das cinco, das oito ou das once.
Aquí foi onde Luísa viu as películas de Sarita Montiel, moi de moda nos anos 50 e moi atrevidas para a época. Isabelita do Forno tamén as viu pois a levaba a súa nai a quen lle gustaba moito o cuplé. Di Isabelita que a película que máis pegada lle deixou é unha que fun ver coas miñas amigas, El Padrino, por Marlon Brando.
A partir dos anos 70, o Gran Cine esmoreceu e, como moitos outros, cambiou de actividade (algúns correron peor sorte e foron derribados para construír bancos, supermercados ou comercios de baratillo). Hoxe alberga a moblería dos Irmáns Polo.
Comentarios (2) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 10-07-2012 12:59
# Ligazón permanente a este artigo
2 Comentario(s)
1 Que mágoa Pepe que desaparezan tantos cines como había. Agora éche un desembolso poder ir ver unha película ao cine e nos tempos que cor#blgtk08#ren...
Lola Piñón contoume anécdotas de cando ía coas súas amigas,ás agachadas.Dílle que que che conte!!.Un saúdo dende Caranza.
Comentario por Gelo Paz (16-07-2012 12:37)
2 Moitas cousas se perden. Eu non recordo o Gran Cine de Ortigueira pero seguro que era semellante a aquelas salas ferrolás onde eu ía de rapaciña ver Supermán ou a Guerra das Galaxias. Recordo o Capitol, o Cinema, o#blgtk08# Avenida, o Rena, o Madrid-París... Toda a carteleira púñase na entrada do Teatro Jofre (que tamén funcionaba como cine) e alí nos xuntabamos para ver onde ir. O cine perdeu certo encanto ao perder estes escearios.
Comentario por Ara (19-07-2012 15:31)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0