Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

ESCAPADA
Se tivera que imaxinar os nomes da parella protagonista dunha traxedia romántica, non os atoparía mellores que os de Gloria e Amando, tanto pola súa sonoridade como polas sensacións que provocan. Ela, rebuldeira e fermosa, amante da música e da lectura. El, un músico de boa planta, gaioso e enfoutado. Xente nova. Poñamos que viviran nunha aldea calquera, Cuíña, nun tempo no que a xente pasaba a vida a sementar, a segar e a mallar, indo á fonte e ao muíño, en fiadas e en esfollas. Traballaban, falaban, rían, moceaban...
A Vida sería interrompida pola Guerra. Galicia quedaría asediada nun bando, o dos alzados. En Ortigueira, o tenente da garda civil, Lobo Navascués, arrebataría a alcaldía a don Alfredo Rebollar o 21 de xullo do 36. Non habería batallas, pero anubraríanse as facianas e un profundo terror asomaría por tódolos recunchos. Represión, detencións, paseos, mortes. Toda Galicia era un cárcere.
Moitos mozos comprometidos coa República botaríanse ao monte para se agochar: os escapados. Pensarían estar uns días, pero correu o tempo máis da conta. Os irmáns Neira, José e Amandino, escaparían xunta outros mozos da veciñanza, por non seren alistados no bando nacional. Andarían ao pairo pola Panda, a Ramallosa, o Casón e os cotos de Moeche: o Ventoeiro, a Amosa, a Pena da Cabra... O goberno nacional declarounos en rebeldía. Só se achegarían ás aldeas por alimentos. Gloria, na fonte, entre xestas, silveiras e penedos, agocharía un bolo de pan de boroa, ou ovos, ou unha pela de manteiga, ou azucre; o que podía, nun tempo no que a fame era a protagonista. Sempre acompañaría a mantenza cunha aloumiñante carta para o seu Amandino e recollería a que el lle deixara. Devecerían por se ver; os seus encontros serían poucos e efémeros, nos que o doce e cálido lume dos seus peitos era un.
Os soldados falanxistas, apostados na Devesana, terían a Gloria vixiada, polos seus amores con Amandino. Un día daríanlle o alto no camiño. Rexistraríana. Atoparíanlle un neto de leite fresco e tinta. A explicación non lles cadraría. Levaríana presa. No cárcere, Gloria calaría o seu saber e defendería o seu amor; a pesar de ser golpeada e ameazada de morte, non descubriría o acubillo do mozo e os seus compañeiros.
Porén, os falanxistas, á espreita do grupo Neira, acabaríano asediando en Montemeao o primeiro día do mes de San Xoán do 39. Os irmáns Neira, xunta Pichel, Tizón, o Trancas, o Noi, Evaristo, os irmáns Franco Lamela... defenderíanse a tiros. No balbordo José e os demais lograrían pórse a salvo, pero Amandino caería, malferido. Antes de morrer, comería o retrato e as cartas da moza, para que non as tocasen outras mans. A súa partida de defunción poñería que morreu aos 26 anos por fractura de cranio a causa dun disparo de arma de fogo. Morrería por defender a Vida.
Gloria sabería da perda de Amandino estando no cárcere. A súa existencia quedaría fendida pola dor. Non esquecería xamais ao mozo de seu.
O grupo de Neira continuaría a loita sendo a partida mellor organizada de Galicia. José non aceptaría ningún control externo sabendo mandar aos seus homes. Desaparecería no 42 sen ter claro se ferido nunha rifa con algún camarada por diferenzas ideolóxicas e trasladado a Francia, se morto nun enfrontamento coa Garda Civil, se asasinado por orde da dirección comunista do exterior (que non aceptaba que o grupo Neira actuase pola súa conta).
Rematada a guerra, Gloria lograría marchar a Francia. Ao cabo dos anos regresaría á súa terra, coa súa xente. Sempre acharía en falta a Amandino.
Esta historia, que se antolla inventada, fóichevos ben certa. A propia Gloria a contaba con agarimo e dor cando viviu nesta casa antes de morrer.
Comentarios (6) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 13-06-2012 13:59
# Ligazón permanente a este artigo
6 Comentario(s)
1 Que historia tan fermosa, de amor por riba de todas as cousas, pero tan triste á vez. Os anos da guerra tiveron que ser terribles, só de ler o texto pónseme a pel de galiña.
Grazas Pepe por compartila e dala a coñecer,eu non #blgtk08#tiña idea dela.
Mágoa de non ter coñecido a Gloria e poder parolar con ela.
Alégrome de que esteas mellor e que todo vaia vento en popa coma o teu blogue que por motivos de saúde tivo unha pequena paradiña. Unha aperta
Comentario por Gelo Paz (14-06-2012 17:37)
2 Benvido de novo á rede D.Pepe,nas miñas enchentas de internet faltábanlle algo...,o postre;que o acadaba eiquí.É unha ledicia que prosiga navegando e xa se atope con folgos para izar velas.Sería mágoa que non prosiga mermando as follas en branco do caderno de bitácora,e nos relate toda a información dos tripulantes que pernoitan nos camarotes.Saúdos(xa sabe sen ornamentacións).
Boas a tod@s;eiquí un monicreque que fuxiu do baúl e colgou os fíos por un intre.O meu propósito é representar unha función sátira,sendo contrapunto a outras artes escénicas.
Velaí un xeito espectacular de retomar a navegación!!,cunha vivencia romantica(nada que envexar ás telenovelas ...);na que se reflexa o amor,a personalidade galega,hístoria de Galicia,e a lealdade(hoxe en día un tesouro,que a gardamos baixo chave#blgtk08#).
Tiven sorte de asistir como público a relatos dunha veciña sabia que nos transmitía historias e nós pagabamoslle cás facianas abraidas.Contounos historias semellantes ao artigo publicado,aderezadas de datos que non se atopan nos libros....Datos coma a existencia de túneles que comunicaban parroquias,pedras máxicas que se atopan no monte dos Pinidos (a maxia era que aparecían cartas en clave...).O meu bisavó contoume "un fuxitivo da guerra polo verán aparecía vestido de "bañeira"na praia para poder ver aos fillos e a muller,nós sabiamolo pero non deciamos nada,logo pola noitiña ía remando ás illas Sisargas.
Non cabe dúbida que o sentimento á hora de relatar este tipo de historias é inesquecible...
Por certo... case me rila a couza a miña madeira de monicreque,tanto tempo no baúl...
Comentario por Monicreque (14-06-2012 22:10)
3 Achábate de menos na rede, Pepe. Supoño que mellorado despois dunhas xornadas a sotavento... Alédome ben!
Traes unha fermosa historia das que acollen un feitizo especi#blgtk08#al. Téñolle escoitado a Isabelita do Forno, que coñeceu á propia Gloria, lembranzas dela, dunha SEÑORA, así con maiúsculas.
Canta xente grande viviu e vive nesta casa!
Comentario por Ara (17-06-2012 21:08)
4 Benvid@s,canto vos botei en falta!!,xa pensaba que o barco fora á deriva.....é unha broma.alegrome moito que x#blgtk08#a esteñas mellor pepe con animos pra nos contar historias tan fermosas coma ésta,un saudo

Comentario por loly (17-06-2012 22:17)
5 Benvido de novo Patròn, alegrome moito de que volvas a navegar por estes mares e sacaras o barco a flote despois dun tempo no dique seco, reparandose, bueno espero que sigas con moit#blgtk08#os animos e seguir esta travesia con historias coma esta, bonita de verdade, desas que cando as les non se che esquencen, saudos a todos os tripulantes despois desta breve parada,,,
Comentario por sonia (18-06-2012 22:58)
6 Hola Pepe,
a historia de Amandino e José foi moi importante na miña infancia, xa que a sua irmá Florinda, a miña avoa, nunca esqueceu a sua loita pola liberdade e soubo transmitirnos o respeito pola sua memoria. Aínda así, non sabía nada de Gloria e agora, anos despois da morte da miña avoa, gosta#blgtk08#ríame saber dela e poder completar esa parte da frustrada historia familiar.
Gostaríame moito coñecelo e falar sobre esto que tanto influiu na miña maneira de velo mundo, aínda que non chegase a coñecer personalmente a ningún dos protagonistas desta historia.
Un saludo,

Paula
Comentario por Paula (22-07-2015 19:59)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0