Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

O MERCADO DA VILA

Eu teño recordo do mercado da Vila de toda a vida.
Hai constancia que dende 1.861 se facía o mercado tódolos domingos e xoves do mes na praza de Isabel II. Tras derrubar o cárcere que alí había en 1.857, levantouse un alpendre catro anos despois para poder facer o comercio a cuberto. En 1.917 foi reconstruído e hoxe podémolo ver con dúas filas de cinco columnas sen elementos decorativos, co teito de madeira nas vigas e nas cimbras e cuberto de tella cha. Mais este mercado xa non é utilizado.
Cando se derrubou o antigo cárcere da praza, construíuse outro no peirao en 1.856 de estilo neoclásico e proxectado por Faustino Domínguez. Un edificio con cantería nas partes máis nobres (esquinas, pilastras, cornixa e balcón) e cachotería nos muros, de forma cúbica moi sinxela e vans distribuídos regularmente. De novo unha cadea, tempo andando, dedicouse a mercado de abastos, desta vez con apertura diaria. Alí é onde podemos atopar a carnicería, a peixería, a froitería? Porén, onde se celebra o mercado semanal cada xoves é na explanada da Alameda sita fronte ao edificio. Segue a ser este un mercado tradicional, no que se poñen postos produtos do agro, de roupa, calzado, sementes, plantas e outras argalladas. O que non hai é gando.
Nós baixamos ao mercado, os xoves que vai bo tempo, por pasear e, vamos dicilo, tamén por comer o chocolate con churros, que como di un amigo meu é terapéutico. Non hai mellores churriños que os do posto do mercado da Vila, dunha parella da parte de Viveiro. Mercamos uns poucos e os levamos para o local social onde nos preparan un chocolate que sabe a gloria.
No mercado sempre vemos a alguén coñecido, pois é o lugar de xuntanza das xentes das parroquias. Atopamos moitas veces a familiares, a veciños e veciñas da nosa aldea, a traballadoras da casa... Parolamos un cacho, contamos as novas e escoitamos outras, preguntamos pola xente que hai moito que non vemos? A quen vemos moitas veces é a Loli de Mera e a súa nai, Lola do Gaiteiro, coas que disfrutamos na súa compaña e nos teñen invitado aos churros.
Hoxe como chove, (moita falla facía!), non puidemos ir aos churros, así mandei recado que foran por uns poucos e papámolos no almorzo como está mandado. Bo proveito!
Comentarios (1) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 19-04-2012 12:35
# Ligazón permanente a este artigo
1 Comentario(s)
1 Pepe, que non se perdan os bós costumes como o de ir comer os churros á Vila e parolar coa veciñanza.É máis que terapéuti#blgtk08#co, é socializador, é saudable, natural e axuda a eliminar barreiras.Que sigan os paseos de chiculate!!.Un saúdo
Comentario por Gelo Paz (20-04-2012 10:57)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0