 Existen muíños en Galicia dende a prehistoria. Os máis antigos eran de man e requirían un gran esforzo humano. Tempo andando, na Idade Media aplicouse a tecnoloxía á produción de fariña, dando lugar aos muíños de auga ou aceas. Galicia, o país dos mil ríos, tiña capacidade para construír aceas en calquera lugar. Pola miña parroquia pasa o río Baleo e na súa beira había moitos muíños dos que quedan as súas pegadas.
Pero non tódalas aceas son iguais. Dependendo da roda poden ser de rodicio (horizontal) ou de bruia (vertical). Segundo o xeito de chegar a auga poden ser de canle (nos ríos con bo caudal) ou de cubo (onde se almacenaba auga para aumentar a presión). Os muíños de Couzadoiro adoitaban ser de rodicio e de cubo.
O edificio do muíño pode ser unha caseta que cubre a peza de moer, como case todos en Couzadoiro que acostumaban ter unha pedra albeira e outra mourenza, ou pode ser unha construción que albergue ata cinco pezas e incluso pode ser muíño e vivenda á vez como os que lles chamaban muíños de Eladio, que tiña tres pedras, dúas mourenzas e unha albeira.
Atendendo á súa propiedade podían ser muíños de maquía, nos que o dono era o muiñeiro e levaba unha parte da moenda en pago, en Couzadoiro case todos eran así: o do Carrexo, o de Requeixo, o do Cobelo e o de Baxás. Tamén había muíños de parceiros, que pertencían a varios veciños que se xuntaran para construílo e que tiñan dereito de uso por partes ou quendas e obriga de mantelo en bo estado, así eran o de Cenzo, o de Cernadiñas e o das Mestas. Por último podían ser muíños de herdeiros, iguais que os de parceiros, pero no canto de veciños eran membros da mesma familia que adquiriran o muíño por herdanza, así era o de Leopoldo, de uso propio e para os fillos.
Na acea, de abaixo para riba, podemos ver varios elementos. Na parte traseira está o inferno, a cavidade onde está o rodicio, cun oco para o billote (o lugar por onde sae a auga que fai xirar a roda), e na parte dianteira ten un ou varios ocos de saída de auga. O tremiñado é onde se fai a moenda e está dividido en dúas partes: unha co piso de madeira, pedra ou terra, e outra con esteos de granito que soportan o pé e da moa. A roda pon en movemento a peza de moer e pode ser de rodicio ou de bruia. A peza de moer ten a moega (caixa de madeira onde se bota o gran) e a quenlla (canle pola que o gran vai parar ao ollo da moa). A moa é unha roda de pedra circular que se move sobre o pé, que é outra gran roda de pedra pero fixa. Cando a moa xira escacha o gran ata convertelo en fariña que cae no farneiro. As pedras de moer podían ser albeiras, para trigo ou centeo, ou mourenzas, para o maínzo. Encastado no muro do edificio, xunta a porta, adoitaba haber un sillar de granito sobresaíndo medio metro, era o pousadoiro dos sacos de gran.
O muíño sobre todo era un lugar de relación social como amosan moitas cantigas:
O muíño non é muíño,
que é capela dos solteiros,
se encontrades a casados
botádeos polos regueiros.
Fun esta noite ao muíño
cun fato de mozas novas,
elas todas en camisa,
e eu no medio en cirolas.
|