
Hoxe é Xoves Santo. Conmemórase a derradeira cea de Xesús cos seus discípulos antes de ser levado á cruz, coincidindo coa pesáh (a pascua xudía), o paso da escravitude á liberdade. Era unha cea ritual na que, por orde divina, cada familia asaba un año sen defecto e un bolo de pan ácimo (sen formento).
Nesta cea Xesús, sabedor de que ía morrer, pediulles aos seus compañeiros que se amasen uns a outros e que repetiran a celebración na súa memoria, pois o pan sería o seu corpo e o viño o seu sangue. Esta é a orixe da Misa cristiá.
Do mesmo xeito que o domingo de Ramos levabamos á igrexa ramallos de oliva ou de loureiro para bendicir, antigamente o día de Xoves santo levábanse uns boliños de pan ácimo. Durante o ofertorio había unha procesión de persoas levando os panes ata o altar onde eran bendicidos polo cura e nalgúns lugares tamén eran incensados. Coas ofrendas sobre o altar facíase a oración conxunta e quedaban consagradas.
Na eucaristía o cura ofrecía á freguesía anaquiños dos bolos mollados en viño, xa corpo en sangue do Señor.
Nalgúns lugares levábanse boliños pequenos que, unha vez rematada a misa, recollíanse e púñanselles aos pícaros e pícaras pendurados do pescozo para a súa protección.
Só se cocía pan ácimo unha vez ao ano, pois, aínda que se aguanta moito tempo, esfaragúllase todo e non presta comelo. O resto do ano facíase pan con formento, un cacho de masa gardado da última fornada. O pan era a base da alimentación. Amasábase e cocíase na casa, nunhas polo home e noutras pola muller, dependendo de que tivera mellor man. Esta tradición é a que nos trouxo a que o pan galego sexa o mellor; non sei se o de Cea, o de Carral ou o de Neda; calquera deles. Cando alguén de fóra nos visita sempre leva bo recordo da comida, pero en especial do pan.
Eu aínda me lembro cando se cocía na casa e un rabaño de pícaros se arremuiñaba diante do forno esperando a que saíra a bola da portela, unha bola pequena que se cocía antes que os bolos e que miña nai repartía entre os fillos. Aquel recendo a pan fresco, o son do pan ao romper e o sabor que enchía a boca toda nunca se poderá borrar da miña acordanza.
Bendito sexa o pan! |