Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

CEN ANOS DA DEVESANA

Na aldea de San Sebastián de Devesos, no mesmo lugar do Igrexario e fronte ao templo, érguese un edificio que foi escolar e hoxe cumpre 100 anos. A súa veciñanza pode gabarse da súa historia e non debe esquecela.
A principios do século XX, o sistema educativo en España era obsoleto e deficiente. Para paliar este problema, os emigrantes en Cuba, que se decataran das dificultades de seren analfabetos, fundan e manteñen de xeito desinteresado ata once escolas indianas nas diferentes parroquias de Ortigueira.
No ano 1.907, un grupo de obreiros do tabaco naturais de Devesos, constituíron na Habana a Sociedade de Instrución e Recreo a Devesana e doaron xenerosamente boa parte dos seus ingresos para sufragar o edificio da Escola Laica. Ademais da directiva en Cuba, había outra en Ortigueira formada por José Carrodeguas Pena, José Saavedra Luaces e Vicente Sueiras, quen xestionaban a manchea de cartos que enviaban de alén mar para o sostemento do centro.
A Devesana tivo un sistema de ensino moderno co que se pretendía a consecución de personalidades libres e autónomas para a construción dunha sociedade igualitaria. Tivo mestres como Rafael Fernández Casas, quen ensinaba en galego, programaba os contidos das clases, pedía aos seus alumnos que expuxeran as súas ideas a través de redaccións e debates, facía intercambios con outras escolas de indianos...
Os plans de estudo laicos motivaron en gran medida que a Devesana chocara coa intransixencia política e relixiosa, encabezada polo párroco de Devesos. Nos anos 20, tras unha festa de Entroido, apareceu rompida unha vella cruz de madeira podre que penduraba na igrexa. O cura denunciou do estrago aos responsables da escola e, de paso, de celebrar bailes deshonestos e orxiásticos no salón de clases. A raíz deste incidente o Gobernador Civil ordenou o peche da escola. A directiva e o mestre foron defendidos de balde polos avogados Leandro Pita Romero e Santiago Casares Quiroga quen conseguiron retirar as acusacións, mais non levantar a orde de clausura do escolar.
Houbo que esperar ata a II República, na que se lle deu un gran pulo á instrución no medio rural, para a reapertura da Devesana. Por desgraza, non durou. O 18 de xullo de 1.936 comezou a Guerra Civil. Eran entón directivos da sociedade Leandro Martínez Insua e Miguel Sueiras Chao, quen temerosos de seren perseguidos, decidiron queimar co maior segredo os libros de rexistro e tódolos documentos para evitar represalias.
Os falanxistas consideraban aos mestres ?envelenadores da alma popular?, segundo unha orde da Comisión de Cultura do Goberno de Burgos, presidida por José María Pemán, o que xustificou a queima da biblioteca e de varios manuscritos de Rafael Fernández Casas. Neste contexto de represión, calquera denuncia podía ser aceptada, aínda cando os seus fundamentos fosen do máis peregrino. Así un garda civil denunciou aos dirixentes da Devesana por agravios contra a España cristiá promovendo bailes nudistas, veladas inmorais, lecturas disolventes, campañas perniciosas e matrimonios civís. A denuncia provocou o novo peche da escola e a súa ocupación polos alzados para utilizala como cuartel militar primeiro e da Garda Civil despois.
Durante longos anos, a historia da Devesana caeu no esquecemento. Hai un tempo a veciñanza cedeulle o edificio ao concello de Ortigueira para a súa restauración e actualmente acolle o centro social da parroquia.
Serva a Devesana como exemplo do medo que durante séculos tiveron os grupos de poder á educación do pobo.
Comentarios (4) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 24-03-2012 10:36
# Ligazón permanente a este artigo
4 Comentario(s)
1 Admirable a historia deste escolar que semella a historia da educación en España. Pero máis admirable aínda foi a actitude de toda esa xente qu#blgtk08#e marchou da súa terra para facerse un futuro e non esqueceu a quen quedaba na aldea sen posibilidades de mellora. Deron todo a cambio de nada.
Comentario por Ara (25-03-2012 10:39)
2 Boas a tod@s;eiquí un monicreque que fuxiu do baúl e colgou os fíos por un intre.O meu propósito é representar unha función sátira,sendo contrapunto a outras artes escénicas.
Na idade media coñecían que a clave do poder está na sabedoría,educación,coñecementos culturais...;é decir un sistema educativo igualitario para todo ser humano,por razóns obvias non o aplicaban...
Para min aplicando as matemáticas,dito sistema educativo igualitario ofrece un resultado do producto da diver#blgtk08#sidade que non adoita interesar...
Escoitando a persoas sabias,mencionan que antigamente para acadar unha carreira barallábase as seguintes opcións:
Encomendarte a Deus.
"Ter sorte" de nacer nunha familia adiñeirada.
Ter un mecenas.
O caso da Devesana e moitos outros foron as raíces do sistema educativo igualitario,aínda que certos persoeiros trataran de soterralo.Non cabe dúbida algunha que os precursores da Devesana foron MECENAS do sistema educativo.GRAZAS
Comentario por Monicreque (26-03-2012 11:15)
3 eu ata teño bailado na devesana no entroido e mais no dia de san jose do vran que#blgtk08# e o patron de devesos tamen a noite de san xoan menudos recordos de esos bailes
Comentario por polizona (01-04-2012 11:15)
4 preciosa historia de nuestros antepasados,muchos trabajos pasaron y cuanta generosidad hab#blgtk08#ia, debiamos de aprender mucho, grasias a toda esa gente que lucho por lo nuestro.
Comentario por jose ramon (22-04-2013 01:31)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0