Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

A LENDA DO DRAGÓN DA BARRA
No principio do mundo, cando tódalas terras estaban unidas, dis que o Ortegal caía polo medio de Panxea. Naquel tempo abundaban os dragóns, gardiáns de tesouros e sabedoría. Mais non tardou moito en apoderarse deles a cobiza, que lles impedía pensar noutra cousa que non fora conseguir ouro e pedras preciosas. Loitaron uns con outros en batallas tan bestiais que, ao bater entre eles romperon o chan, entrando a auga do mar no medio do territorio firme. Non debeu ser doada a separación de terras, pois aínda hoxe se poden ver os anacos da rotura, como os Aguillóns, o Picón ou a barra, unha ampla lingua de area que se atopa fronte ás praias de San Martiño e Cabalar. Deste xeito, os dragóns convertéronse na encarnación do mal.
Parece ser que un destes bichos vivía soterrado baixo a area da barra, alimentándose de ameixas, berberechos e navallas. Saía do seu furado, agochándose nas marismas, para ver de facerse con algún tesouro, sen importarlle a quen facía mal. Cando alguén o ollaba de lonxe non podía facer outra cousa que fuxir, xa que era un monstro enorme e horrendo. Tiña aterrorizada á xente da Vila.
Tal foi que a veciñanza se xuntou para acordar como se habían ceibar daquela ameaza constante. Decidiron que só o ceo os podería salvar de tan grande perigo e así pedíronlle a Santa Marta que os liberase do monstro. A santa, compadecida, baixou á terra para axudarlles.
Hai xente que di que a patroa chegou á beira do mar e conseguiu vencer ao dragón en feroz loita e matalo. Outros contan que o bicho se bateu en retirada ante unhas gotiñas de auga bendita que lle lanzou a santa. Aínda que os máis escépticos cren que a venerable Marta non puido atopalo porque o dragón se agochou entre os xuncais da lagoa.
O caso é que agora, nas noites de lúa chea, aparecen as súas pegadas na praia de Cabalar. Xa di a copla:

A xente da Vila
que diga o que queira,
pero eu vin o bicho
choupando na tremoeira.
Comentarios (3) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 22-03-2012 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
3 Comentario(s)
1 Boas a tod@s;eiquí un monicreque que fuxiu do baúl e colgou os fíos por un intre.O meu propósito é representar unha función sátira,sendo contrapunto a outras artes escénicas.
Publicouse o 30/05/10 un artigo na Voz de Galicia na que se fai referencia á lenda,o autor do artigo(Ramón Loureiro) conxuga,de xeito espectacular,a lenda do dragón de Ortigueira cunha etapa da vida de Cunqueiro.
Fermosa lenda!!!,aínda que ten múltiples variantes... será que cada "trobador" dalle un ritmo único...
Arestora son eu o "trobador" para un principiño.Paseando pola praia da man do principiño conteille a existencia do dragón,seguindo o argumento no que o dragón esta vivo.Díxenlle que o dragón está agochado na illa de S.Vicente,pois no subsolo (debaixo da illa) está cheo de galerías e cavernas e que soamente os nosos ancestros druídas coñecen as entradas segredas.As #blgtk08#cavernas atópanse cheíñas de tesouros,que o dragón foi recaudando por desexos de druídas e naufraxios de barcos viquingos que en tempos antigos vivían na illa.Cando lle escoites aos maiores decir que a barra emite o seu peculiar son,lembra que é o dragón:
É o seu bandullo ,que roxe de fame!!.Esa noite sairá e collerá unha enchenta de percebes,ameixas,berberechos,mexillóns...
Tamén pode ser porque trata de redimir o pecado da cobiza,avisa aos barcos con valiosas mercadorías do perigo da nosa costa,evitando un naufraxio.
Toda esta historia aflorou cando atopamos na praia unha escama do dragón;semellaba unha cuncha calcárea dunha xiba.A escama era branquiña,pois o lúar troca a cor natural do dragón para camuflarse na branquiña area.
Menuda actuación me deu o dragón...pero a mellor actuación é visitar o pais da FANTASÍA da man do meu sobriño.
Comentario por Monicreque (22-03-2012 19:47)
2 Canta tradición literaria agocha Ortigueira! Fermosas lendas que non deben caer no esquecemento. Debemos facer coma Monicreque, seguir contándoas á xe#blgtk08#nte miúda para que perduren, porque o importante é a historia. Se cada trobador a vai enriquecendo, mellor que mellor (como diría unha coñecida miña).
Comentario por Ara (23-03-2012 08:28)
3 Pepe, danme ganas de ir buscar coa miña nena unha escama de dragón á praia. Se cadra topámonos c#blgtk08#o Monicreque e o seu sobriño e compartimos imaxinación que nos tempos que corren fai boa falla.
Comentario por Gelo Paz (24-03-2012 11:32)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0