Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

O TOXO

Ano bisesto, promete e non dá. A ver como vai a cousa?
Por mor de ter o ano 366 días, hoxe comeza a primavera. Ven anunciada polo alecrín, a floriña amarela a xeito de bolboreta con peluxe, tamén chamada chorima. O alecrín é a flor do toxo, a nosa matogueira máis enxebre e ramalluda. É unha planta da mesma familia que as lentellas. Pode chegar ata os dous metros de altura, formando parte de toxeiras, piornedos, uceiras ou dos sotos das carballeiras. Críase en chairas e abas das terras sen cal, aguantándose en chans pobres e secos que non sexan sombrizos. Porén hai que ter coidado, xa que ten alto risco de incendio, pois acende como a gasolina.
Non pensedes que son todos iguais. Existen 3 clases: o toxo gateño (ulex nanis), o máis pequeno de todos; o toxo femia (ulex galli), chega ao metro de altura e bota flores a mediados do verán; e o toxo arnal (ulex europeaus), o máis grande e que florea na primavera.
Ten pólas cor verde escuro, con estrías ao longo moi marcadas, sen follas e con espiñas longas e recias. O froito é unha vaíña ovada, cor cinza, que contén sementes pardas que se liberan cando a estala no verán.
A utilización do toxo no agro galego vén de lonxe. Os usos tradicionais eran para forraxe do gando, para queimar nos fornos de pan ou para facer estrume que despois converteríase en esterco. Como todas as leguminosas, estes matos aportan nitróxeno ao solo e así mellorábanse as terras de labor nos períodos de barbeito. Para iso púñase o toxo en estibadas, ao final do verán, queimábanse as matas secas e estendíanse as cinzas nos terreos para fertilizar e sementar centeo. Unha vez recollida a colleita deixábase medrar de novo a toxeira.
As sementes pulverizadas, dis que teñen sona como insecticida contra as pulgas. E, de hai pouco, descubriuse que del se pode obter un combustible natural (biodiésel).
Eu sempre pensei que se o toxo non medrara en Galicia e o trouxeran, que sei eu? do Xapón, o teriamos no xardín como unha planta ornamental, coma os bonsais.
Desgraciadamente a transformación de amplas superficies de toxeiras en eucaliptais, o uso de fertilizantes inorgánicos, a desaparición da gandería extensiva, a creación de infraestruturas para coches e instalacións de enerxía eólica, a minería no subsolo e o descoñecemento actual da importancia do toxo están a perder definitivamente este tipo de sistema produtivo, máis sostible co medio ambiente que as actuais plantacións forestais.
Comentarios (5) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 20-03-2012 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
5 Comentario(s)
1 Ola Pepe, estás por volverme a miña nenez. Cando eu era mais novo, xa choveu, teño ido con meu pai ao monte, coller a braña. Faciamos ghabelas ben ighadiñas e logo cargabamos un carriño de braña. O uso habitual era para a corte das vacas, antes de que estas foran de cemento,
e tamén para plantar as patacas. Primeiro abriamos o rego, braña no fondo, espanábamos e logo un pouco esterco, patacas, abono e pechar o rego e empezar outro. O de estendelo para botar o trigo, por onde eu son, queimaban na roza. Unha vez segado, queimaban os cañotos, e logo dábanlle a volta ao terrón.#blgtk08# Isto a min xa non me tocou, e menos mal, non creo que eu poidera coa picaraña, iso xa era traballo de homes, non de cativos.
O toxo femia era moi bo para pisalo para os cabalos, comiano que daba gusto velos. Había que mazar nel ata que quedara case como unha pasta verdosa para que o comeran mellor e non lles picara tanto.
E a parte desas tres razas que ti nombras, habia outra que lle chamabamos toxo cabrón (ulex cabris) moito picaba, sempre íamos caer nalgún cando xogabamos ás agachadas. Madre que o fixo! Eran outros tempos.
Bon artículo Pepe.
Un saúdo
Comentario por Espinete (20-03-2012 14:17)
2 Ai Pepe, vai ter razón Espinete no que dí de volver á nenez,pois eu que son de Ferrol,lémbrome de subir de nena, o luns de pascua á ermida de Ch#blgtk08#amorro, como manda a tradición, e baixar picada dos toxos. Habían de ser os "ulex cabris" encabuxados por ter que aguantar a tanta xente,seguro.
Comentario por Gelo Paz (20-03-2012 16:26)
3 ay pepe cantos recordos!non e que a min me tocara facer ningun deses traballos,pero lembro a meu pai nos seus ultimos anos cando xa non tiñamos carro indo ó monte a buscar un "feixe de molime"que lle chaman por aquí o lombo para estrar a corte ainda sendo xa de cemento;él que sempre tivo cabalos,falaba tamen do pio de picar o tox#blgtk08#o.miña nai tamen conta que ian o monte comunal "ós cadabos"que eran os toxos despois de que pasara o lume por eles,para encender o forno pa cocer o pan.eu tamen penso que se viñeran doutros sitios apreciariamolo mais,tamen coñezo xente que si o ten coma planta ornamental,hasta sei de quen o levou para suiza nunha maceta
Comentario por loly (20-03-2012 20:02)
4 Boas a tod@s;eiquí un monicreque que fuxiu do baúl e colgou os fíos por un intre.O meu propósito é representar unha función sátira,sendo contrapunto a outras artes escénicas.
O TOXO;para mín é unha planta fermosa,a cal representa a nosa terra,con diversas propiedades recoñecidas e outras por descubrir...
Non quero facer "un hipergaleguismo" co toxo... pero xunto coa palabra morriña definen a personalidade galega,algúns máis toxos e menos morriñentos ,outros máis morriñentos e menos toxos... xa saben como acadamos os galegos os beneficio#blgtk08#s...
Escoitei pronunciar a palabra toxo en franceses,alemáns,ingleses e sempre me evocaban a Galicia.
Por certo... visitei unha floristería en Vigo que tiñan bonsais de toxo,espectaculares!!!
Menuda actuación me deu o toxo... púxose no lugar que lle correspondía... pero cando vai sair ao escenario a ESTRUGA??.
A estruga é símbolo do concello de Ortigueira;figura na raíz da toponimia,tamén forma parte no escudo e como non... en outros fermosos lugares do concello.
Espero non causar urticaria coa miña función...
Comentario por Monicreque (22-03-2012 11:06)
5 non podo imaxinar cousa mais fermosa que o amarelo mar de alecrins que se ve po los montes #blgtk08#da nosa terra cando chega dona primaveira o amarelo e a cor do sol o amarelo e a cor da vida
Comentario por polizona (01-04-2012 18:37)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0