Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

CHUMÍN DE CÉLTEGOS
Ramón Armada Teixeiro naceu un 14 de setembro de 1.858 en Ortigueira. Con 16 anos embarcou cara Bos Aires de onde voltaría tres anos despois, tras gañar a lotaría e con morriña espesa. Porén con 20 anos marcha á Habana. Alí casa, ten os seus fillos, intégrase totalmente no ambiente intelectual e ocupa cargos de relevancia no Centro Galego e nos ámbitos da educación e o xornalismo. Tras o Desastre do 98 volve temporalmente á súa vila natal. Continúa coa súa labor xornalística e literaria e ocupa a praza de Secretario-Contador do Concello de Ortigueira, da cal dimite por mor do caciquismo imperante. Hai 100 anos faría unhas reveladoras manifestacións sobre a clase política imperante: “En Galicia non hai só caciques, hai cipas, isto é, caciques de caciques e o seu poder é considerable”. Este problema influíu para retornar a Cuba en 1.909 (coa outra morriña), onde permaneceu até a súa morte o 1 de xullo de 1.920.
Armada Teixeiro foi un escritor popular no seu tempo, aínda que tivo máis sona polo seu labor social, cultural e xornalístico. Escribiu numerosos artigos na prensa da época e varios ensaios sobre a educación popular. Asinaba cos seus apelidos (Armada Teijeiro ou Teixeiro) e con diversos pseudónimos: Chumín de Céltegos, Chumín, Ch., Céltegos ou Amador Marán (anagrama do seu nome e primeiro apelido). Publica dúas obras teatrais que teñen como tema principal a emigración: a zarzuela Non máis emigración! (coa música de Felisindo Rego), primeira obra en galego representada fóra de Galicia, e o monólogo Mexamorno en Viveiro. Publicou tamén os poemarios Caldo de Grelos, Aturuxos, Milicroques e a compilación destes tres no volume titulado Da terriña (onde Aturuxos cambia o nome polo de Alalás). Curros Enríquez, amigo persoal do autor, prologou Aturuxos e diría que “resaltan entre as condicións artísticas de Armada as súas condicións de poeta descritivo... segue a evocación da terra lonxana... e denuncia do caciquismo e do malvivir dos nosos labregos... e un mellor fluír da lingua”. O tamén amigo e colaborador Manuel Lugrís Freire dixo que “era o verbo ardido, entusiasta, elocuente que decote mantiña nas almas as inmorrentes arelas patrióticas”.
A súa grande obra, xunta Manuel Lugrís Freire, é a fundación, o 5 de xuño de 1.885, de A Gaita Gallega, a primeira publicación alén mar integramente en galego. Co subtítulo de “Repenica muiñeiras, fandangos e alboradas unha vez ao mes”, seguía a estela de O Tío Marcos da Portela, primeiro xornal en galego editado en Galicia. Hai que recoñecer o grande esforzo para sacar adiante un proxecto de posta en valor da lingua, como signo de identidade, nunha época na que o galego na escrita non era utilizado, non tiña unha normativa e contaba con grandes atrancos por parte da poboación (os de clase humilde non sabían en moitos casos ler e os de clase máis podente renegaban da lingua nai). Na Gaita Gallega emprégase o galego como lingua veicular, dignificándoa e poñéndoa en igualdade de condicións coas demais. Dise na Tocata 5ª que a lingua é “a patria mesma, as tradicións, o xenio, todo o que lle quedaba (a Galicia) da súa vella grandeza”. Ademais representa unha reivindicación da cultura galega, tanto por parte dos editores como pola dos colaboradores. A súa andaina durou de xeito independente ata decembro de 1.887 e os seis derradeiros números como suplemento de El Eco de Galicia.
Armada participou na fundación da Real Academia Galega, en setembro de 1.905, sendo o número 2 dos primeiros 40 integrantes. Para cando a súa homenaxe un 17 de maio?
Comentarios (2) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 02-03-2012 14:20
# Ligazón permanente a este artigo
2 Comentario(s)
1 Pepe, canta xente interesante naceu aquí! Temos que ler na casa algún d#blgtk08#os seus escritos lembrando casos e cousas de Ortigueira e máis lugares.
Comentario por Ara (02-03-2012 22:52)
2 Boas a tod@s;eiquí un monicreque que fuxiu do baúl e colgou os fíos por un intre.O meu propósito é representar unha función sátira,sendo contrapunto a outras artes escénicas.
Lendo os guións publicados,ós críticos ,pódese percibir un ente galeguista.
Eu agradezo aos múltiples persoeiros(coñecidos ou non) que loitaron,defenderon,criaron unha lingua galega oficial.
Grazas aos "persoeiros" o galego non quedou relegado a unha lingua "sumerxida","de andar polo eido","clandestina"...e infinitos #blgtk08#adxetivos que catalogan o galego como lingua de segunda categoría.
"Persoeiros" que nunca lles importou ir contra corrente,ser mofa de colegas por non seguir as tendencias da época.Estes deuses,arquitectos,nais,pais da nosa lingua galega sen dúbida mostraranse agradecidos polos eloxios,loas aos seus logros;sempre que sexan sen ánimo de lucro.
Esperemos que o ente galeguista non sexa efímero...
Por certo utilizo un pseudónimo porque teño claro os protagonistas,non por outros motivos.Saúdos
Comentario por Monicreque (03-03-2012 16:08)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal