
Hoxe recibimos a visita, co gaio da exposición que temos no centro “Dez anos sen peseta”, dun grupo de alumnas e alumnos do IES de Ortigueira, xunta as súas profesoras de Historia (Clara) e de Inglés (Pilar). Sempre dá gusto recibir xente nova, parece que carga de enerxía a quen está ao seu arredor.
A verdade é que este é un grupo ben xeitoso, con interese por aprender e por coñecer ás persoas maiores. Con elas e con eles falamos das moedas antigas do século XIX, das da ditadura franquista, das derradeiras do rei Xoán Carlos I… As que máis lles chamaron a atención foron as conmemorativas do mundial de fútbol do ano 1.982. Pero tamén houbo tempo para falar das feiras, das tabernas, dos anos da fame, das peixeiras, dos zoqueiros, das carozas e das lambetadas de antes (que non tiveron moito éxito).
Rapaces e rapazas que trouxeron ledicia a esta casa coas súas chanzas e ocorrencias, coas súas preguntas e comentarios e coa acordanza dos seus avós e avoas.
Coñeceron á nosa Avelina de San Adrián, cada día máis preto do seu centenario. Lola de Freires contoulles o que se podía mercar para unha semana cunha peseta nos anos corenta na taberna da Penela (un cuarterón de aceite a real, un patacón de arroz, unha mota de xabrón, un chico de pementón, o resto en fariña de centeo e aló vai a peseta). Isabelita do forno faloulles da tenda do Chiquito fronte ao que agora é o Galaripos, onde ela ía mercar as lambetadas (caramelos e refrescos que non había máis). Saturnino recordou a romana que tiña seu pai na casa para pesar os becerros e que algúns rapaces e rapazas coñecían de velas na casa dos avós. Angustias comentou que as Canteiras, unhas peixeiras de Cariño, viñan na lancha ata o embarcadoiro de Cabalar e despois a pé ata a Vila descalciñas para vender o seu peixe (chicharro, sardiña e parrocha). María de Couzadoiro contou que cando tiña 13 ou 14 anos (a idade da nosa visita) no tempo da froita traía na cabeza un cesto cheo dela durante 9 quilómetros para vendelo na Vila. Lucho, o seu home, falou de cando facía zocas de bidueiro e de ameneiro e que as vendía por encarga. Paco de San Adrián explicoulles que aos seus 14 anos traballaba na madeira, primeiro carrexando nela e despois coa serra; algúns dos rapaces tamén comentaron que tiñan utilizado a motoserra coa supervisión dos seus pais. Aurorita de San Claudio lembrou a súa viaxe ata España da súa Habana natal no barco Orinoco, xa que seus pais eran emigrantes retornados.
O grupo pediu que lles ensináramos a nosa casa, pois era a primeira vez que viñan, e con gusto o fixemos. Saben que quedan convidadas e convidados a voltar cando queiran e, en especial, ao aniversario de Avelina en xuño, pois non tódolos anos se poden cumprir 100. |