Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

DEZ ANOS SEN PESETA
Estamos a trinta e unha e, tras a costa de xaneiro, haberá quen estea sen branca. Pensándoo ben, sen branca estamos todos, porque a branca era unha moeda da Idade Media. Dende aquela ata hoxe aínda levamos coñecidas unhas cantas.
Moitos achamos de menos a peseta porque en euros (ouros, eiros, ou como raio se chamen) non hai quen conte, a pesares de que este mes hai 10 anos que os temos no peto. A peseta era vella coñecida aínda que a súa vida non chegou aos 150 anos. Había moedas de unha, de cinco, de vinte e cinco, de cincuenta, de cen (de aí que os comercios do baratillo se chamen ?todo a cen? -pesetas-). Nós a que queriamos de verdade era a pesetiña ou rubia; comezouse a chamarlle así na II República por ter acuñada unha imaxe feminina no metal dourado, como a que vemos na imaxe.
Antigamente existían moedas de menos valor ca peseta como as de 50 e de 10 céntimos; coñecíanse popularmente como perra gorda e perra chica. Os nomes se lles deran a finais do século XIX ás moedas de menor valor: 5 e 10 céntimos; eran de cobre cun león (símbolo do imperio español) no seu reverso, desgastábanse con facilidade e a finais do século XIX coa caída do imperio a xente deu en dicir que máis que un león o que había na moeda semellaba unha cadela (perra en castelán) e por iso o nome, que ?herdaron? os 10 e 50 céntimos a mediados do século XX.
Outra das moedas de menor valor era o real que empezou a circular por España no século XIV. No XX equivalía a un cuarto de peseta e tiña unha moeda moi curiosa cun furado no medio cun valor de dous realiños. Antigamente, na feira todo se compraba ou vendía en reais, dende un quilo de fabas a unha vaca. A principios do pasado século comprábase unha parella de bois por ?mil e un?, isto era mil reais e un peso (255 pesetas) e aínda se escoita a expresión de que algo caro ?custa os mil e un?. Mais co tempo os reais perderon valor e a expresión mudou e dise aquilo de que ?non vale nin catro reás?.
Ultimamente en Galicia gustounos máis contar en pesos, a moeda equivalente a 5 pesetas. Téñenme contado que a finais dos corenta o xornal dun home era un peso.
A mota ninguén sabe que moeda era pero tiña pouco valor e sempre se falaba dela en positivo; a miña avoa cando me quería dar unhas moedas sempre me dicía "ven neniño que che vou dar unhas motas". Pero cando quería falar en negativo, dicía que non lle quedaba nin un patacón. O patacón era unha moeda de cobre de dez céntimos; dúas perras chicas facían un patacón, dous patacóns e unha perra chica facían un real e catro reais eran unha peseta. Esperemos que esta crise non nos deixe sen patacón.
Para poder lembrar todas estas moedas e algunha máis inauguraremos na nosa casa mañá 1 de febreiro ás 16:00 horas a exposición ?Dez anos sen peseta?. Veremos tamén fotografías e obxectos antigos dos oficios cos que gañabamos cartos e de feiras, tendas e tabernas onde os gastabamos. Queda todo o mundo convidado a pasar pola Residencia de Ortigueira ata o día 29 de febreiro e disfrutar das nosas acordanzas.
Comentarios (3) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 31-01-2012 19:30
# Ligazón permanente a este artigo
3 Comentario(s)
1 Pepe, é ben de agradecer o empréstamo de tantos tesouros particulares sen os cales non poderiamos ver #blgtk08#parte da historia da economía galega do século XX. Coidaremos deles como se nos fose a vida no empeño.
Comentario por Ara (01-02-2012 21:11)
2 Canto saber!, Pepe. Encantoume a inauguración da exposición. Aínda pasamos un bo cacho falando das zocas de bidueiro que facía e vendía Lucho en Couzadoiro; das carozas que apañaba Ramona coa súa irmá Isabel para ilas vender ás escaleiras da igrexa; do pan negro da ración do que falaba María Socorro;dos 19 pesos que gañaba o pai de Carmen Rey,por facer un traxe de home;do Orinoco, o barco que trouxo da Habana a Aurora e as 8 pesetas que lle valeu a viaxe; dos xatos que ía vender Lombao na feira de Lugo; da tenda do Chiquito, na Vila, que vendía lambonadas e da font#blgtk08#e que estaba ao lado, que comentou Matilde; ou do pan máis caro que vendían no forno de Isabel,a cinco pesetas con 15 céntimos;das perras chicas, dos reais, dos billetes de 100 pesetas, entre outras moitas cousas. Acordanzas doutros tempos, de fame negra e racionamento, de non ter un patacón pero dos que, ao lembralos, quedámonos co positivo. As lembranzas da vosa nenez compartida.Parabéns a todos os maiores e ás vosas familias pola implicación nesta exposición,a todo o persoal e a todas as persoas que contribuiron a facela realidade.Graciñas por todo. Unha aperta
Comentario por Gelo Paz (01-02-2012 22:12)
3 Cantas vivencias Pepiño,!que sorte temos de que as compartades connosco! Recomendo a todo o mundo#blgtk08# que nos faigan unha visita e vexan esta exposición que está feita con tanto agarimo.!!Parabéns¡¡
Comentario por Laura Liz (06-02-2012 13:38)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0