Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

REMEDIOS PARA O CATARRO
Antigamente só se chamaba ao médico para cousas graves pois a sabedoría popular tiña remedios para curar os males máis comúns. Estas menciñas populares foron transmitidas de xeración en xeración e non é ben que se perdan.
Neste tempo, o máis frío do ano, é habitual que collamos catarro e para el temos varios e probados remedios.
Loliña de Couzadoiro propón que fagamos ponche feito con caña, leite e unha xema de ovo que se tomará ben quente antes de se ir á cama para quitar o trancazo; hai quen lle carga máis ao leite e quen á caña, para gustos.
Lola de Devesos fervía unto no viño tinto e unha vez temperado débese tomar varias veces ao día (ben non sabe, pero fai suar).
Na casa de Andrés facían un xarope do seguinte xeito: nun pouco de auga cocían unha cebola, unha folla de loureiro, un pouco de limón e mel, durante unha hora; despois coábase e gardábase nun tarro de cristal. Hai que tomalo a culleradas.
A nai de Baudilio facía unha infusión de ourego maduro e seco ao sol (para conservalo pódese meter nun tarro de cristal) que se tomaba pola noite.
Isabelita do Forno dinos que son moi bos os vapores de eucalipto. Farémolos coas follas do eucalipto cando xa é árbore (pois as follas do arbusto son tóxicas) ben fervidas. Coa pota fumeando imos para o cuarto, pechamos a porta e tomamos os vapores.
Angustias do Gaio comentou que co sebo de carneiro quentado nunha tixola podemos mollar un trapo e poñelo no peito, o máis quente posible, ata que arrefríe.
Moitas veces co catarro temos dor de gorxa, de oídos, de ollos ou no lombo. Para as molestias da gorxa o máis habitual é tomar o mel a culleradas, tamén había quen usaba unto (hai que coller a tona de unto mollado en aceite e colocala na gorxa tantas veces como faga falla), ou zume de limón con azucre (debemos asar os limóns no forno, despois espremer o zume e engadir azucre; hai que tomalo varias veces ao día), pero o remedio máis curioso é a infusión de chantada (férvese con auga unha herba coñecida como chantada e déixase macerar para facer gargarexos con ela).
Para a dor dos ollos é ben coñecido o uso de infusión de manzanilla ou de romeu, ben coada para lavar os ollos, pero é máis curioso o remedio con fariña de millo, hai que amasar unha pouca en auga fría, envolvela nun trapo limpo e poñela directamente nos ollos; non cura pero alivia a dor.
Para a dor dos oídos faise un remedio con aceite de oliva e unha poliña de ruda, quéntase pouco a pouco nunha tixela ata que a ruda solte un líquido que poña o aceite de cor amarela, logo empápase en algodón e ponse no oído.
María de Lucho dinos que para a dor no lombo utilizábase ruda fervida en auga cun pouco aceite; móllase un pano e frégase con el a zona que doe.
Escoitei nunha ocasión que, no caso de febre, ao doente hai que pasarlle ortigas polo lombo para logo refregarlle a zona con alcohol... Adoece, pero disque é eficaz. Este remedio non o probei, se alguén o proba é ben que nos deixe un comentario de se foi eficaz.
Comentarios (4) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 30-01-2012 10:48
# Ligazón permanente a este artigo
4 Comentario(s)
1 Para o catarro eu sempre fervín un pouco leite con dous dedos de coñac. O dos dous dedos depende da man de cada un, pero a mellor medida é que se cando o estas tomando se che pecha o ollo dreito, entón ten a medida xusta. Todo isto ben quente e á cama a durmir. E para non coller catarro en todo o ano, tomaremos diariamente "en ayunas" un tazón de auga quente, e se o estómago o aguanta, botarémoslle unha cucharadiña de mel, non hai catarro que te atope. Para a febre, fregas de leite frío polas costas. Para o colesterol alto, unha cucharadiña de aceite de o#blgtk08#liva virxe "en ayunas", á volta dun mes, xa podes comer carne outra vez. Por se te colle o sol cavando as patacas ou traballando fóra, pola noite, antes de irse a cama, un pano doblado na cabeza e un vaso de auga fría boca abaixo, deixar escorrer toda a auga e ao outro día como unha rosa. Para a afonía, cocer unha cebola en leite e tomala durante dous días, ao terceiro canturreas que dá gloria oírte.
E para o cansancio e a desgana, nada mellor que irse para a cama, a esperar a que che veña a ansia.
Un saúdo Pepe. Moito adeprendo contigo oh!.
Comentario por Un pescador abatido (30-01-2012 23:26)
2 Oes Pepe, este pescador abatido xa case vale a pena que se adique a menciñeiro con tantos remedios que sabe. Éche coma un libro aberto.Haino que convidar a vir ao centro a contar as súas receitas e máis tamén algún contiño, que tod#blgtk08#o se sabe!.A por troitas acompañarémolo outro día a ver se dan para unha convidada para toda a Casa. Pescador,xa sabes, as portas están abertas e un montón de oídos para adeprender. A parola está asegurada, as troitas xa se verá!!
Comentario por Gelo Paz (01-02-2012 21:49)
3 ... bueno, de receitas e contos o mellor non hai problema, pero o das troitas... como espered#blgtk08#es a comer as que eu pille, o da fame negra a ser un conto o lado da miña fartura en troitas.
Comentario por Un pescador abatido (02-02-2012 14:21)
4 Vou tomar nota dos remedios para o catarro pero penso que vou rexeitar o#blgtk08# de pasar as ortigas polo lombo, deixareino de última alternativa, jeje
Comentario por Laura Liz (06-02-2012 13:44)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal