
Conta a antiga mitoloxía grega que Penélope era filla de Icario, o rei de Esparta, e a esposa de Ulises, o rei de Ítaca. Era unha muller coas ideas moi claras e unha grande paciencia. O seu home marchou á guerra de Troia e botou máis de 20 anos fóra da casa. Neste tempo a fermosa Penélope tivo proposicións de moitos pretendentes que rexeitou, xa que ela non dubidaba que Ulises regresaría con ela e o seu fillo Telémaco. Un exemplo de fidelidade!
Pero, que terá que ver un parrulo con Penélope? Pois parece ser que o nome científico desta ave, Anas Penelope, se lle puxo pola súa conduta sexual. Tódolos parrulos teñen unhas relacións promiscuas, é dicir non están coa mesma femia todo o ano e moito menos toda a vida. Mais o parrulo asubión parece que lle garda máis fidelidade á súa parella que o resto; antigamente críase que era monógamo, pero agora se sabe que mantén a súa fidelidade so ata o final do período de incubación, dende finais do outono ata o inicio da primavera. Non dura tanto como a espera de Penélope por Ulises?
Despois é a femia a que se ocupa do coidado dos pitos que permanecen con ela ata que se valen por si mesmos. Vaia?, nisto xa ten máis similitudes coa nosa protagonista.
O caso é que este parrulo abunda na ría de Ortigueira nos fríos invernos, chegando a contabilizarse este mes case mil individuos. Podemos atopalo en lagoas, esteiros, marismas, costas? e cando fai o niño estará en augas doces e abertas, con vexetación de fondo pero non moita en superficie. Ide cuns bos prismáticos pola enseada de Mera e poderedes observalos sen dificultade.
Para recoñecelos debedes buscar un parrulo que mide entre 45 e 51 cm. e pesa de 450 a 850 g., non é dos máis grandes. Ten a cabeza arredondada e o peteiro curto de cor azul agrisada. A plumaxe dos machos tira a encarnada na cabeza e pescozo, castaña rosada no peito e as ás agrisadas e bordeadas de branco. A femia ten cores pardas e máis apagadas que o macho, precisamente para non chamar a atención no niño. Camiña con facilidade e cando voa dá fortes axadas, pero polo día buscádeo durmindo xunto cun gran grupo de compañeiros, xa que é un ave gregaria. Fai vida nocturna, que é cando sae a comer plantas e bichiños acuáticos. Se poñedes ben o oído, escoitaredes os berros da femia e o asubío do macho.
Na nosa comunidade non aniñan, xa que só veñen de invernada. Pero en países máis ao norte fan un pequeno oco no chan da marisma e o cobren de herbas e follas. Alí a femia pode pór sobre 8 ou 9 ovos que choca durante uns 25 días. Os pitiños teñen a pluma cor sepia con listas.
A ría de Ortigueira é un dos humidais de Galicia máis destacados tanto por número total de aves como por número de especies. As aves son censadas dende hai máis de 25 anos pola Sociedade Galega de Historia Natural, para estudar a súa bioloxía e hábitat, as rutas migratorias, os factores medioambientais que inflúen na súa pervivenza?
En Ortigueira hai unha sensibilización con respecto ás aves coas que convivimos ou que nos visitan, que se ve reflectida na asociación ornitolóxica Calidris, cuxo enlace podedes ver neste blog. Fernando Pereiras prestounos esta foto tan fermosa e tamén podedes ver o enlace ao seu blog. |