Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

O ALTAR DA SAGRADA FAMILIA

En Couzadoiro conservamos tradicións que se perden no tempo e ninguén sabe como comezaron. Unha delas é o altar móbil coa imaxe da Sagrada Familia. Non é esta unha peza da Igrexa, senón que depende totalmente da parroquia, da freguesía. É un fermoso altar cunha capeliña que se pecha para seren transportado como unha maleta. Antigamente estaba feito dunha madeira moi torneada pero ía moi gastada e vella; José Dovale (que se chama coma min pero non somos parentes) ofreceuse para levalo a Ferrol e facerlle a caixa nova, non é tan repenicada pero a madeira está boa.
No altar está representada a familia de Xesús, sendo este un neno xa escatulido. É un baixorrelevo policromado, encaixado nun relicario en madeira de castiñeiro sinxelamente gravado e cos bordes da parte superior floreados. Sobre o fondo nacarado destacan as figuras de Xosé, con tres das súas flores na man, María e o Neno, con túnica branca enfeitada con fitas douradas, no peito a representación do seu corazón e sentado sobre un trono encarnado e dourado, cunha cruz no respaldo e un crismón na alfombra verde que cubre os chanzos.
A tradición manda que o altar vaia de casa en casa por toda a parroquia. É acollido en cada fogar durante 24 horas poñéndoo nun lugar preferente da casa, a sala ou a cociña as máis das veces, e acendéndolle unha vela. Faise este rito de continuo; antigamente non chegaban os días do ano para percorrer todas as casas, pero hoxe en día pode quedar máis dun día en cada casa. Cando o veciño ou veciña que lle toca chega a outra casa co altar adóitase dicir Ave María purísima e quen recibe ten que responder Sen pecado concibida. Cando hai velorio nunha casa vaise buscar a imaxe para poñela na cabeceira do cadaleito.
Esta tradición mantense viva non só en Couzadoiro, tamén noutras parroquias de Ortigueira, en Cariño, en Cedeira... Unha imaxe do Carmen é acollida nas casas de Cuíña, a do Rosario na Vila e en San Claudio, a falta de un, teñen tres: o da Sagrada Familia, o da Milagrosa e o de San Felicísimo (este cun peto para pór esmola que se lle entrega a uns freires); na igrexa hai un taboleiro indicando o percorrido de cada un dos altares e a orde que se debe seguir. Unha das tripulantes, Patri, contounos que nunha parroquia de Arzúa, de onde é súa nai, había o mesmo costume.
Non sei se esta modalidade de culto está estendida por toda Galicia, xa me contaredes...
Parece que algo similar ocorría na antiga Roma onde existían os lares. Eran deidades de culto doméstico que coidaban da casa familiar, representadas con pequenas figuriñas. Púñanse cerca da porta principal ou na cociña, en altares chamados lararia (de aí a nosa palabra lareira) iluminados polo lume que debía permanecer aceso. Na celebración do ritual non interviña ningún sacerdote, senón que era o pai de familia quen o realizaba, ensinando á familia as oracións, himnos e cerimonias.
As nosas crenzas son públicas pero tamén teñen o seu lado máis íntimo, que ten un sentido máis tenro e sinxelo.
Comentarios (4) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 19-01-2012 17:18
# Ligazón permanente a este artigo
4 Comentario(s)
1 Patrón,qué recordos!! lémbro que a min mandábanme levar a San Felicisimo, e desde dónde eu vivo ata o correo (que non é que sexa lonxe)pero a mín parecíame eteeer#blgtk08#no o viaxe...oxe a verdade non me disgustaría seguir a tradicción,pero no séu momento non é que lle tivese moita devoción o Santiño.Espero que no mo teña enconta.
Comentario por Lolita (21-01-2012 13:13)
2 Que ben Pepe que ansines os tesouros que temos en Couzadoiro. Este lugar tan fermoso, temos #blgtk08#que facer no verán unha romería e convidar os tripulantes a unha sardiñada. Que che parece?
Comentario por Beleln (27-01-2012 10:44)
3 Si é posible, gustaríame coñecer si os Pardo de la Peña que no séc#blgtk08#ulo XVII vivían en San Cristóbal de Couzadoiro, habitaban no pazo.
Comentario por Manuel Eugenio García Barreiro (14-02-2015 11:07)
4 En Moaña aínda continúa a tradición dos altares mobiles con imaxes da Sagrada Familia e da Inmaculada, enriba dun peto onde se deixan esmolas en cada casa que percorren. Perdeuse a costume, que#blgtk08# lembro da miña infancia, de xuntar a totalidade dos altares mobiles da parroquia, na data do 8 de decembro, e poñelos dentro da igrexa parroquial custodiando a imaxe da Inmaculada Concepción.
Comentario por Manuel Eugenio García Barreiro (14-02-2015 11:20)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0