O 5 de xaneiro finou unha xeración mexida entre saloucos de guerra, fame e emigración que loitou ata o final por defender con dignidade o seu, o noso.
En 1.920 nacía en Compostela, na que noutro tempo fora casa da Tumbona (casa de malvivir), un meniño, Isaac. Aquí comeza a súa vida que el definiu coma ?unha sucesión de fracasos?. Era neto dun ortigueirés de pro, Germán Díaz Teijeiro, e fillo do gran escenógrafo galego Camilo Díaz Baliño cuxa truncada vida deu para pintar, escribir, deseñar carrozas, realizar cartaces e ser membro activo das Irmandades da Fala.
Cando Isaac recén cumpre os 16 anos o seu pai é fusilado e el ten que vivir agochado na Coruña durante un tempo; a súa nai, Antonia Pardo, rota pola dor fina dous anos despois.
No ano 1.939 foi estudar Belas Artes a Madrid. Mais a súa vocación non era a pintura e fundou con outros socios a fábrica de Cerámicas do Castro en Sada. Sempre en contacto cos intelectuais galegos na emigración, en 1.963, xunto con Luís Seoane, constituíu o Laboratorio de Formas, entidade promotora da posta en funcionamento da Cerámica de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, as Edicións do Castro, o Seminario de Estudos Galegos, o Instituto Galego de Información, etc.
Isaac foi un intelectual galeguista que seguiu a estela truncada do seu pai.
Noventa e un anos de fracasos que non foron máis que acertos para a Nosa Terra.
Hai uns anos a ferrolá Rosa Méndez Fonte adicoulle un fermoso poema que reproducimos:
A ombros de Camilo xa tentabas navegar;
Galicia na cuberta, nidio Norte a proa.
Sorteaches nas rompentes ó anano alquilapatrias
e ós corsarios ben mantidos de sospeitosas voces.
Mariñeiro de luz, no pulso a escota,
trazaches rumbos que nos levan ós inicios.
E aínda hoxe,
ós nosos ombros, vas rachando tempestades
namentres recitamos ladaíñas insomnes:
Isaac, home de empresa ?endexamais de présa-
de circulares formas combativas.
Isaac, universo de ollos grandes,
impulso da memoria rescatada.
Isaac, compoñedor de soños,
bruxo no lenzo, nos trazos e nas ciencias.
Isaac, océano de cores
e roda que capea marexadas.
Isaac, de paso e nome curto,
de longas singraduras.
Isaac, dos catro ventos forza,
e da tenrura labarada.
Isaac, nas mareas lenes e nas cubertadas,
fiando na heterodoxia libre de puntas.
Isaac, no rumbo Estrela Polar,
es baliza de mareantes parvos.
Esquerda a sotavento,
sextante de axustada verba;
Isaac, dende o Ferrol dos Traballadores
te percibo:
Grande Mestre da Arte,
Cabaleiro de Galicia
e Señor de Sargadelos.
En Boisaca permanecera para sempre o norte dos que temos vocación de recuperar a nosa memoria e póla en valor.