
A historia dos Reis Magos ten máis de 2.000 anos de antigüidade, case 20 séculos máis que a de Papá Noël pois esta, tal e coma hoxe a coñecemos, existe dende finais do século XIX, afianzada pola empresa Coca-Cola?
Os Reis chegan tódolos anos ás aldeas, vilas e cidades nun desfile de carrozas celebrado no serán do 5 de xaneiro. A primeira cabalgata de reis de Galicia desenvolveuse en 1.909 na cidade da Coruña e partires desta foron xurdindo en todos os recantos. Nun inicio, estaban organizadas por institucións benéficas e recreativas para acudir aos centros de beneficencia, como hospicios e asilos. Pasada a guerra xa saíron ás rúas e se fixaron como costume, organizadas polo Fronte de Xuventudes e, tras o fin da dictadura, polos concellos.
Os Reis Magos de Oriente cos seus paxes chegaron onte a Ortigueira; un ano máis, coas súas carrozas cargadas de caramelos para botarlles aos nenos e nenas que se achegaron a recibilos. Entraron na Vila pola Lagarea, chegaron ata a redonda pola Estrada Xeral e iniciaron o percorrido polas rúas, principiándoo pola recentemente inaugurada na honra de don José e rematándoo no Cantón. Fixeron unha paradiña no adro da parroquia, onde estaba situado o tradicional nacemento vivinte, para recibir as peticions dos picariños e picariñas que agardaban ilusionados coas súas cartas e cariñas de frío: Silvia, Nerea, Sara, Ana, Aroa, Damián, Eloi, Sofía e por algures tamén se viu a Candela, Lucía, Anxo, Guillermo, Laura, Matías, Gabi...
A xente miúda marchou cedo para a cama e de seguro houberon atopar fermosos agasallos á mañá seguinte, pois me consta son ben boíños; de tales nais e pais, tales fillas e fillos.
Despois dunha noite máxica, hoxe os Reis Magos entregaron aos pequenos e pequenas, como é costume, o cartucho: un paquetiño con lambetadas (caramelos, gominolas, piruletas, regaliz...) e unha mandarina, o agasallo tradicional. A continuación, os Reis e o seu séquito ao completo subiron ata a nosa casa para achegarnos tamén un cartucho e así endozarnos o día. Agradecémosllo e agardamos a súa visita o ano que ven.
Tamén recibimos a visita de Carmiña de Novás e a súa familia (non faltan nigún ano á cita) cun bonito e práctico agasallo. O noso agradecemento vaia por diante sempre para eles tamén.
Nós continuaremos sendo coma un cachiño de pan... como ata o de agora. |