Dende os tempos de Maricastaña, camiña pola serra do Courel un home grande coma un día sen pan, un xigante amigo de todos: novo ou vello, pobre ou rico, da montaña ou da costa, da aldea ou da vila. Non fai distincións. O pelo é rubio, a barba longa, os ollos con chispas de bos sentimentos e as mans coma pas de enfornar. Viste diario unha camisa de cadros, chaqueta de cor, pantalón de pana, boina na cabeza e uns zocos, para se meter polo medio dos soutos e das fragas. Cando chove pon un saco de cochocho. Nunca ten frío porque sempre anda a traballar.
Vive nas montañas, entre cumios nevados, ríos cantareiros e fragas de carballos e castiñeiros. Durante o ano, come xabarís, ovos de paxaros, mel das abellas, noces e abelás que apaña...
Por oficio, é carboeiro. De verán, recolle uces e toxos que estean sequiños e os pica ben. Logo amorea os cachos de menor a maior nus buratos no chan e prende o lume para que arda de dentro para fóra, sen deixar saír o lume, tapando todo con terrón. Cando o carbón está logrado, o mete en sacos e o garda para o inverno. Deste xeito anda o día enteiro, cun saquete ao lombo para alimentar os lumes da veciñanza.
Pero ten outro oficio que lle cadra máis e polo que se coñece mellor. Este home é o Apalpador. A noite de fin de ano para ano novo, un día de renovación, de novos desexos e de unión das persoas coa natureza, vai esparexendo castañas polo mundo adiante.
Para poder repartilas, no outono abanea os castiñeiros cunha taloura e así tira os ourizos, sácalles as castañas e méteas en sacos. Despois ponas na gran caniza da súa lareira a secar e afumar. E, por fin, fai o bandoxo, quita os picóns e deixa sen puxa as boas castañas. Quen o vira batendo cos sacos había pensar que toleara. Non toleou, non, que para ter boas castañas todo o ano, cómpre facer a bulla. Por forza teñen que ser as mellores castañas de Galicia e disque tamén son máxicas, pois dan chegado a tódolos nenos e nenas galegos.
Na derradeira noite do ano, comeza a súa andaina o vello carboeiro. Antes de saír coceu unha bola de pantrigo feita coa derradeira gavela da colleita. Así vaise alimentando polos camiños. Leva ao lombo un gran saco cheíño de castañas e algunha cousa máis. É un home moi curioso, para ir polas casas pon unhas zapatillas de pano a cadros, así non mete boureo e non mancha os cuartos quentiños de nenos e nenas. Entra mainamente para apalpar as súas barriguiñas. Se non lle pareceron ben mantidas, porque son mal comedores, cala, pero déixalles unha presa de castañas. Se as atopa cheas di: ?Así. Así esteas todo o ano? e tamén deixa unha presa de castañas e algún agasallo máis feito por el coa punta da navalla: buxainas, tirataques, diábolos, ioiós, zoadeiras, matracas, canas, andacamiños, bailaretes, carracas, asubíos, chifres, frautas, xilófonos, muíños, carretiñas, trens, barquiños, colares, animaliños, bonecas, monicreques, cabaliños para se abanear... e non sei cantas cousas máis.
Para tranquilizar aos picariños e picariñas, bulideiros pola inquedanza da chegada do Apalpador, as nais e pais poden aprender esta cantiga:
Vaite logo, miña meniña
marcha agora para a camiña
que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña.
Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.
Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e ha vir o Apalpador
cunha maga de castañas.
Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.
Baixou o Apalpador esta noite das montañas galegas e seguirá a facelo mentres o mundo teña ilusión...
Aquí vai este conto contado e quen non levante o cu, quedaralle pegado.