
Sempre é un pracer ir visitar o belén que hai na igrexa parroquial. Pola sona e a fermosura do nacemento e polo ratiño compartido con don José, quen tivo a deferencia de vir abrir a parroquia para amosarnos un escenario á altura das circunstancias. Gustounos contemplar as antigas figuriñas e tentar atopar a velliña, o pozo, o gaiteiro na ponte, ver ás vacas turrar...
Contounos don José que o obradoiro de Olot, onde se elaboraron as figuriñas, empezou a caer en decadencia coa primeira guerra mundial, o ascenso do comunismo en Rusia e do nazismo en Alemaña; pero a empresa non se deu por vencida e comezou a elaborar figuras de Lenin, Stalin, Hitler e outras similares. Anovarse ou morrer, que diría o outro.
Tamén falamos do escenógrafo Díaz Baliño, quen fixera decorados para grandes obras de teatro galegas da época como A man da santiña ou O Mariscal, e a decoración da capela da Misericordia de Viveiro ou doutros locais coma o café Derby de Compostela; do seu fillo, o galeguista Isaac Díaz Pardo e do seu pai Germán Díaz Teijeiro que nacera en Ortigueira.
Falando, falando, comentamos a urxente restauración que precisa o belén, feita por mans expertas en arte. Don José díxonos que case consegue a subvención pero, xa se sabe, estamos en crise e terá que esperar.
Quen tiña máis fachenda do belén era Lola de Ramón, pois o monta o seu irmán Juan da Leinova dende hai máis de corenta anos, moito antes de que don José chegara á parroquia. Meu irmán é moi curioso, dicía. Ten razón, ata hai na parede da igrexa unhas marcas para saber onde se ten que colocar o impresionante escenario. Este gárdase no coro da igrexa e para subilo e baixalo todos os anos houbo que mercar un guindastre, pois baixalo a pulso era un gran risco. Lola comprometeuse a volver o ano que ven para retratarse co seu irmán cando armara o belén.
Isabelita do Forno estaba orgullosa do seu. Fina de Ferrol quedou abraiada polo belén e máis polo altar. A Lucho e María cambioulles a cara coa visita, chegaron felices á casa. Todos os demais saímos encantados.
Aproveitamos tamén para comer uns churriños, pois o día de mercado non se perdoan. |