Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

O BELÉN DA VILA DE ORTIGUEIRA

Uns días antes do Nadal, ármase o belén na igrexa da Vila.
Un belén é a representación plástica do nacemento de Xesús, mediante a proxección da aldea de Belén, vista de xeito panorámico, na que se sitúan distintas figuras movibles. O primeiro belén pintouse nas catacumbas e dende aquela ata hoxe cambiou moito o conto. Agora fanse beléns de todo tipo: viventes como o de Cariño, coas figuras en movemento coma o da Orde Terceira de Ferrol e ata con materiais reciclados.
O belén da Vila está feito á maneira tradicional, sen artificios nin sorpresas, e ese é o seu encanto. Nel podemos atopar unhas corenta figuriñas con grande expresividade nas súas caras. Estas pezas foron traídas dun obradoiro de Olot a principios do século XX. Daquela nesta vila catalá había unha industria de imaxinería relixiosa con moito pulo, contando cuns 20 obradoiros e chegando a ser unha das escolas españolas máis importantes. O material empregado para estas pequenas esculturas era a pasta de cartón-madeira, material que se puido bendicir a partires dun decreto eclesiástico de 1.887, e só para os ollos utilizábase o cristal. Tiñan unha gran variedade de modelos realizados en barro por artistas do modernismo catalán.
Entre as figuriñas presentes no belén de Ortigueira atopamos a María e Xosé xunta a mula e o boi no alpendre, pastores, campesiños, lavandeiras, augadoiras, ovellas, algún can e, por suposto, os Magos de camiño cos seus camelos. Entre tódalas figuras cómpre destacar por emotiva, unha muller ben maior e xa dobradiña polos cadrís que vai adorar ao Neno; tamén hai unhas vacas rubias, herdadas do antigo nacemento da parroquia; pero a figura máis enxebre é un gaiteiro a cabalo dun burro que, como di a panxoliña:
E tiña que estar
e tiña que haber
algún galeguiño
xunta do recén.
Xunta do recén
non podía faltar
algún galeguiño
para aturuxar.

Na Noiteboa, coa misa do galo, déitase o Neno no seu berce, sen o cal o belén non tería sentido de ser.
Así e todo, o grande valor artístico deste nacemento débese ao escenario no que se sitúan as figuriñas. Está decorado con motivos bíblicos e exipcios (tan en voga a principios do século anterior) e varios panos con tres espazos de luz que representan o alpendre, o castelo de Herodes e a pousada coas montañas ao fondo. Elaborounos en 1.924 o ferrolán Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo e o escenógrafo de máis sona de Galicia. Baliño ten elaborado o decorado e escenografía de obras teatrais da época, decoracións de locais, tapices, murais, ilustracións literarias, carteis... Baliño estaba moi vencellado a Ortigueira xa que o seu pai, Germán Díaz Teijeiro, era natural desta vila.
O belén o arma tódolos anos José Manuel e o seu pai Juan da Leinova (quen o veu facendo de toda a vida) e lle axuda na parte artística Luciano.
Poderemos visitalo a partir de mañá, 22 de decembro, ata pasar o día de Reis. Merece a pena!
Comentarios (1) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 21-12-2011 16:26
# Ligazón permanente a este artigo
1 Comentario(s)
1 Partrón na Vila "armanse moitos beléns"pero este Belén é unha mágoa que non perdure todo o ano!...metendo a miña retranca na sella "das augadoiras"por un intre.
Patrón fermosa recollid#blgtk08#a de datos,é un pracer ler este tipo de artigos!.Merece o esforzo de facer un oco na axenda e botar os ollos a pacer fronte este Belén,é unha xoia que garda a Vila de Ortigueira no seu cofre.
Comentario por Retranqueiro (21-12-2011 17:47)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0