Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

AS COMIDAS DAS FESTAS

Teño unha amiga que di que en Galicia se celebra todo comendo. Pode ser. Será porque dende sempre temos bos produtos e boas mañas. Imos recordar algunha das receitas tradicionais do Nadal, para irmos abrindo boca.
Na cea de Noiteboa era costume poñer na mesa o bacallau con coliflor, un prato de sabores profundos e contrastados, humilde e sinxelo. Facíase co bacallau salgado que era doado atopar en calquera lugar de Galicia, pois conservábase ben nas terras do interior. Da receita lémbrase ben Angustias do Gaio. Desálgase o bacallau dende o día anterior. Lávase a coliflor e as patacas e córtanse. Bótanse a cocer en auga con sal (había quen lle botaba unha folliña de loureiro). Aos 10 minutos bótanselle os toros de bacallau e déixase cocer todo uns 10 minutos máis. Mentres facemos na tixola a allada con aceite, uns allos e pimento doce. Cando temos o bacallau, a coliflor e as pataquiñas na fonte botamos a allada por derriba.
Outro prato tradicional do día de Nadal era o capón que en Vilalba segue a criarse ao xeito tradicional. O capón ven sendo un polo capado antes de galear, cara a maio ou xuño. Unha semana despois comezan o engorde ao aire libre e con produtos naturais. Por San Martiño péchanse nas capoeiras onde non se poden mover e comen o amoado, unha pasta feita con millo do país metida en auga fervendo (tamén se lle pode engadir pataca ou castañas cocidas e xema de ovo). Uns días antes da Noiteboa sacrifícanse, colócanse por pares, esplumados e eviscerados, en cestas de vimbio ou madeira, cun receheo de palla cuberto cun pano de liño branco (a cor dourada dos animais contrasta coa brancura do liño). Así preparados, os capóns véndense na feira anual do 21 de decembro que se celebra en Vilalba dende hai case dous séculos. Xa na casa o capón asábase no forno lentamente, recheo ou valeiro que xa de por si sabe ben. Púñase para encher a mesa primeiro e logo o bandullo o día de Nadal.
Para sobremesa púñanse uvas, noces, abelás, un pouco queixo con mel, pan de ovo e, dende principios do século XX, introducíronse o turrón e o mazapán. O día de Reis facíase pan de Reis mesturando fariña de trigo coa fariña de moer os reises (as espigas encarnadas de maínzo) e noces, figos e uvas pasas, un pouco azucre e canela.
Hoxe en día engadimos a estas receitas tradicionais o marisco, tan abundante e rico na nosa terra, aínda que ás veces vaia tan caro. Lagostinos, cigalas, ameixas, lumbrigante ou vieiras son algúns dos froitos mariños que aparecerán nas nosas mesas nestas festas, pois un día non son días...
BO PROVEITO!
Comentarios (1) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 14-12-2011 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
1 Comentario(s)
1 Patrón eu digo ; nos os galegos de pura cepa perduramos horas quedos nas seguintes condicións:con bos manxares,con boa sobremesa,con un bo café,algo para"fermentar"todo o anterior,o son de ambiente unha boa conversa,o remate cunha boa partida de tute...!.Por certo disculpe o meu atrevemento...,pero teño curiosidade polo menú que van degustar durante o Nadal?.Utilzando a miña#blgtk08# retranca a modo de recheo para o capón por un intre....O + fermoso é ver ás avoas,nais ... como pasan horas e horas cociñando,transmitindo receitas e segredos....Utilizan un adobo especial ,que só elas coñecen ;aínda que se percibe o sabor de unha pisca de agarimo,outra pisca de tenrura,unha ramiña de paciencia,todo a fogo lento con horas de conversa.A todas elas GRAZAS!!
Comentario por Retranqueiro (14-12-2011 15:47)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0