O caldo é a base da alimentación campesiña xunto co pan e o leite. Outras comidas había para os días de festa, pero a diario comíase caldo e leite para xantar e leite e caldo para cear. Se era día de traballo arreo, había almorzo pola mañá cedo de leite con pan.
Tiña a súa razón de ser que fose o caldo e non outra comida o sustento diario. Tódolos produtos que o compoñen podíanse coller en calquera horta galega e o unto gardábase da matanza. Facíase o caldo con auga, fabas, unto, patacas (había quen lle botaba castañas curadas ou calabazote) e verdura. Segundo a verdura que se lle botara, o caldo podía ser de verzas, de nabizas, de grelos (o máis amargo) ou de repolo (o máis doce); tamén había quen facía caldo de verán con leituga.
Lembro cando as patacas se gardaban da colleita do ano anterior e non nacían con xeito. Chamábanse
patacas da abundancia, supoño que porque saían moitas, as máis delas pequenotas e se lles daban aos porcos; non valían un patacón. Daquela saía o caldo chirlo, levaba máis auga que outra cousa. Cando viñeron as patacas da semente xa había máis fartura e se facía bo caldo, sobre todo coas baracas que eran máis fariñentas que as de canabé. Hai unha copla que fala do caldo:
Rapaza, o ben querer,
vaiche en tirar do caldo.
Para todos vas ao fondo
e para min andas nadando.
Na miña casa o caldo facíase así. De véspera púñanse as fabas a remollo, para que amoleceran. Enchíase a pota do caldo con auga e botábanse a cocer as fabas cun cacho de unto (máis grande ou máis pequeno, segundo houbera), sobre hora e media; para de aquela, o unto estaba desfeito e as fabas doadiñas. Mentres, lavábase a verdura e pelábanse as patacas ben finas, non fora a pataca na pelica, e cortábanse en cuñas delgadas (que se viran no caldo pero que non estorbaran na culler). Miña nai primeiro botaba as patacas, para que fixeran o caldo gordo ao iren desfacéndose; cando fervían botaba a verdura, rompida coa man no momento, nunca cortada a coitelo para que non se desangrara. Cocía todo unha media hora e recendía o caldo en toda a casa. Comíase cun pouco pan esmigallado e sabía a gloria.
Lembro unha historia que se contaba do caldo. Naqueles anos nos que se pasaba fame e non se podía pagar con cartos, senón con pousada e comida, disque había un criado que buscaba amo. Cando chamaba a unha porta para pedir traballo sempre preguntaba:
meu amo, e vostede como arrefría o caldo? A resposta sempre era a mesma:
con auga, meu filliño. El pensaba:
este non é o meu amo, teño que seguir buscando. Ata que chegou a unha casa, como sempre fixo a mesma pregunta e a resposta foi:
con pan, meu filliño. Ai, este é o meu amo, pensou o rapaz e alí quedou para traballar.
O caldo ademais é un alimento completo. O unto e as fabas póñenlle proteínas; as fabas e as patacas, hidratos de carbono; e a verdura, vitaminas e fibra. Que lista era a xente dalgún día!
Coñecedes a alguén quen non lle guste o caldo? Pois a quen non queira caldo, sete cuncas.