Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

O MEDO É LIBRE

Hai anos, cando non existía a televisión nin tan sequera a radio, contábanse contos arredor das lareiras. Contos marabillosos de fadas e tesouros, contos de burlas, contos mitolóxicos con mouros de protagonistas, contos de meigas e os seus encantamentos, contos do máis alá coas ánimas, os aparecidos e a santa compaña, contos de lobos e lobishomes que deixaban aflorar os máis baixos instintos de agresividade e voracidade agochados nas noites de luar?
Era visto que tiñamos que ter medo. Así lle pasou a Andrés do Soutiño. Foivos como vos vou contar.
Andrés era un rapazolo de vintetantos anos, forte coma un buxo e con máis ansia de festas que de traballar. Vivía cos padriños (a súa nai morrera de parto e o seu pai na guerra) na aldea do Soutiño, máis para aló de Abarqueira.
Un ano, pola festa do San Xoán, foron de patrón a casa do tío Conrado de Fonticoba, na Veiga. Alí xuntábase un bo rebaño, pois Conrado tiña oito fillos, os máis deles xa casados; tamén ían os da casa de Andrés e viña a señora Tomasa de Gradaílle, que quedara viúva dun irmán de Conrado, con seis fillas, todas casadeiras.
Alí xantábase ben o día do patrón. Primeiro empanada, para irse sentando á mesa; despois uns callos ben quentiños; e como protagonista do día, o cocido, ao que non lle faltaba detalle: un lacón, un cacho de xamón, touciño, algo de cachola, chourizos e para a señora Tomasa (que sempre foi delicada do estómago) cocían unha pouca carne fresca e un pito; todo coas súas pataquiñas e un repolo que daba gloria velo. Para rematar, sempre se facía de véspera unha bola de nata e un pan de ovo acompañado con queixo fresco. Entre bocado e bocado falábase, ríase, cantábase? Era unha festa!
Aquel día, a media tarde, os padriños de Andrés marcharon para a casa pois tiñan que ir arrancar ao esterco, porque xa as vacas tocaban cos cornos no sobrado. Pero Andrés quedou na casa do tío Conrado de troula toda a tarde.
Á noite toda a mocidade foi para a festa. Andrés pasou o tempo bailando con Rosita da Cancela, que era a moza máis requintada de toda a volta. Agora unha muiñeira, agora unha mazurca e despois un pasodobre. Non cansaban. Ata lle roubou un bico antes de se ires para a casa.
Á volta, foise coas fillas da señora Tomasa de Gradaílle que vivían nun lugar un pouco máis adiante do Soutiño. Polo camiño seguiron con festas e con laretadas duns e doutros: que se Fabián da Rodela non quería máis que magrear nas mozas, que se Lucha da Casavella volvera rifar co mozo, que quen é o que che gusta a ti? Cousas de mozos, que xa se sabe que xente nova e leña verde todo é fume.
No muíño do Foxo, as fillas da señora Tomasa foron polo camiño que sobe a Gradaílle e Andrés baixou só pola congostra do Penal. Unha congostra pechada de felgos onde a noite se fixo negra como a boca do lobo. A festa tornou en medo. A Andrés veulle á mente o conto que sempre lle oíra a Luciano de Martiñán, no que no medio dunha congostra viña unha aparición que se levaba a un home grande como un roupeiro. Aínda escoitaba lonxe as voces das rapazas e preto de si sentía cada pola que ruxía baixo dos seus pés. Sentiuse aliviado cando chegou ao camiño para a casa, catro pasos e xa estaba na eira. Mais cando chegou á altura do castiñeiro quedou paralizado de medo. Todo estaba en silencio e a lúa, tapada polas nubes, non deixaba ver con claridade. Pero era verídico, alí había unha aparición. Era un enterro que se lle antollou premonitorio do seu. Alí estaba o cadaleito coa cruz e o estandarte na cabeceira, unhas tenues velas acendidas e dez ou doce mulleres aniñadas ao seu redor partidas pola dor. Un refol de vento fixo abanearse as polas do castiñeiro e nese momento as mulleres do enterro viráronse para el.
Non tivo tempo nin pés para correr congostra arriba a berros; colleu o camiño de Gradaílle e alcanzou ás fillas da señora Tomasa. Non puido contarlles con xeito o que lle pasara pero ben o viron branquiño como a cera, cos ollos desencaixados, tremendo como un vimbio e rogándolles que o levaran á casa. Etelvina, a máis nova pero botada para diante, decidiu acompañalo. Foron indo e Andrés lle contou como vira claramente o seu enterro. Cando acabaron de baixar a congostra, Andrés non quixo ir polo camiño da eira e deron a volta polo regado do pozo para cruzar a leira e entrar na casa pola porta da cociña. Subiu para o cuarto, meteuse na cama vestido e tapouse coa manta ata as orellas, como se a roupa o protexera. Nunca tan mal durmira na vida, soñaba con aparicións, coa santa compaña, coa madriña chorando porque morrera?
Deu grazas ao sol cando o sentiu na súa cara pola mañá. Ergueuse, cambiou a roupa, lavou a cara e foi almorzar. Contoulles aos padriños o que lle pasara de noite e ámbolos dous escacharon coa risa, non daban falado; á madriña caíanlle as bágoas de tanto rir e ao padriño movíaselle o bigotiño arriba e abaixo coma un boeiro. Andrés non entendía nada. Levárono á eira e alí estaba o carro enxugado e cheo de esterco, apoiado no fincón e coa cruceta da cabezalla erguida e o saco que lle puxeran ao xugo, para que non se mollara se xeaba de noite. O carro tiña cravadas chatolas en derredor que brillaban ben lustrosas. E espaleadas pola eira, había dez ou doce rañadas de esterco ben boas.
Ai Andrés, o medo é libre!
Comentarios (1) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 23-06-2011 07:56
# Ligazón permanente a este artigo
1 Comentario(s)
1 Encántame esta historia e a montaxe que Araceli fixo dela con imaxes antigas para proxectar na sala de actividades, pero o mellor#blgtk08# de todo é o debuxo de José Collado, seu pai, que o fixo cando tiña 11 anos.Grazas José, por colaborar no noso blogue.Unha aperta
Comentario por Gelo Paz (25-06-2011 15:09)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0