Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

A CHARCA DO ALLIGAL
Hai unha Charca en Vilalba, na parroquia de Codesido (preto de Santabaia), entre un bosque de bidueiros, illós de auga e terras lamaguentas, que di a lenda que se formou cando os paxaros aínda tiñan dentes. Naquel tempo vivían no bidueiral tres doncelas irmás, de quen se namorou un demo que, por non ser correspondido, transformou as tres mozas en bestas bravas. Tiveron que andar polo monte entre toxos, silvas e penedos, sempre rabuñadas e ensanguentadas. A boa fada, levounas ata un pequeno manancial no que comezaron a fozar coas patas para agrandalo. Tardaron nove días en formar unha poza. Cando beberon da súa auga e se meteron nela para se lavar, quedaron limpas de feridas e chagas. Foron voltas á súa figura humana cando ámbalas tres comeron unha mazá camoesa.
Dende aquela, moita xente leva ido á Charca, porque as augas son boas para a reuma e as doenzas da pel. Agora está todo tan arranxado que non se coñece, cunha gran pía, vestiarios, aparcadoiro, ambigú... Había que vela hai anos!
Contoume Mari, a da nosa Virtudes, que dunha vez, cando era máis nova, foi aló buscar auga para as doenzas da súa avoa. Aproveitou a fresca, xa que a esas horas non había ninguén porque, andada a mañá, xuntábase un rebumbio de xente. A Charca era unha pía de pedra na que collerían media ducia de persoas de pé e, ás veces, case había pelexas por coller sitio.
Había que ir, como manda a tradición, a tomar os nove baños. Mais daquela, a xente non estaba afeita a ir á praia e espirse diante os demais, así que as mulleres levaban unha saba, cun furado para meter polo pescozo, e os pololos por debaixo, para que non se lles viran as vergonzas. Pero a condenada da saba, como non se tivera coidado, aboiaba na auga e, ese día, había unha muller que, ademais de levitarlle a saba, non levaba pololos e a auga deixaba ver todo o panorama de Galicia. Un home xa maior meteuse con ela dicindo:

?Santa María de Cambre
feita de pau de carqueixa
ten un dente na cona
leve o demo, carallo deixa
!?

Mari colleu auga para os males da súa avoa... antes de que se metera ninguén na pía!
Comentarios (3) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 22-06-2011 09:56
# Ligazón permanente a este artigo
3 Comentario(s)
1 Moitas grazas a Mari pola súa compaña e polas parolas que botamos. A que ha de saber ben das propiedades da Charca é Rocío, #blgtk08#a enfermeira de Vilalba que compartiu uns mesiños con nós á que aproveitamos para saudar dende aquí. Bicos e apertas Rocío!
Comentario por Gelo Paz (24-06-2011 18:43)
2 Hoxe, falando con don José, o cura, de ir tomar os baños, contoume que á praia de Arealonga, en san Miguel de Reinante, Barreiros(Lugo), pretiño da fermosa praia das Catedrais, tamén había o costume/tradición de ir tomar os 9 baños. Normalmente ía a xente do agro.Ás mulleres que ían se lles coñecía por CATALINAS ou CANOURAS e acud#blgtk08#ían nove días seguidos a tomar os baños con idea de sanar os males que cadaquén tiña.Dí don José, que incluso eran receitados polo médico para que surtira maior efecto pois era a mellor maneira de descansar, comer ben (levaban xamón, queixo, ovos, pito asado,...)e esquecer un pouco as duras xornadas de traballo no agro.Coitadas!!
Comentario por Gelo Paz (30-06-2011 19:23)
3 Moitas felicidades. E un pracer disfrutar do teu traball#blgtk08#o.

Saúdos desde Donostia - San Sebastián
Comentario por Eduardo (12-12-2011 18:55)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0