Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

O CICLO DO ENTROIDO
O Entroido ou Antroido é a festa de entrada na primeira das témporas, a coresma. Ritos pagáns e cristiáns únense para transgredir as normas con liberdade e irreverencia, sendo os disfraces e máscaras o medio de transformación e de evitación. En latín a palabra máscara significaba persoa, polo tanto cando nos disfrazamos temos a oportunidade de ser outro, poñendo o mundo ao revés. Que home non se ten disfrazado de muller e ao contrario. Pero sobre de todo o Entroido é un tempo de crítica descarada contra todo.
O Entroido non se celebra nunha data fixa porque varía en función da Pascua. O martes adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro.
O ciclo de Entroido ten varios días importantes que en orde cronolóxica serían: domingo fareleiro ou borrallento (15 días antes do domingo de Entroido), no que a comunidade se xunta para mancharse uns a outros con borralla ou con farelo; xoves de compadres, no que as mozas fabrican un boneco que representa a un home e o tenta queimar mentres os mozos fan por impedilo; domingo corredoiro ou oleiro con diferentes celebracións segundo os lugares; xoves de comadres, onde se intercambian os papeis da guerra de sexos do xoves anterior; domingo de Entroido un dos días grandes nos que hai desfiles; martes de Entroido é o día grande e o último no que se pode comer carne; mércores de cinza, cando se representa o enterro da sardiña como remate do tempo de festa.
Neste tempo de excesos previo ao recollemento, en Galicia non podía faltar o exceso no comer. Cocidos con xamón, touciño, cachola, rabo, costela, chourizos..., patacas e verdura (que non sexan verzas pois disque senón os mosquitos non che sairán de riba), lacón con grelos, chanfaina, botelo, androllas. Calquera manxar graxo que nos prepare para corenta días de xaxún. E non todo ha de ser carne, os ovos presentes nas sobremesas fan outro aporte calórico adicional, xunto co azucre, en forma de orellas, freixós, filloas...
Xa di a cantiga:
Adeus martes de Entroido,
adeus, meu amiguiño,
ata domingo de Pascua
non comerei máis touciño.

Recordade tamén que polo Entroido é avogoso quentar o forno, cocer o pan e botar as cinzas na terra para ter bos nabos.
Comentarios (0) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 16-02-2012 16:51
# Ligazón permanente a este artigo
A VODA DOS PAXARIÑOS
Hoxe é o día verdade dos namorados, a Candeloria. A partir de hoxe ningunha ave voa soa. Saen os paxaros a celebrar a súa voda e que lles dea tempo a poder facer algo para ter pitiños pola primavera. Para que lles resulte máis doado, a nosa rula Fina e Paco o noso pombo foron con David pendurar da palmeira unha casiña, na que os paxaros poidan facer o niño, e un comedeiro.
Os namorados da Idade Media neste día deixaban unha notiña de amor na soleira da súa namorada, parecida á que lembra Andrés de Pantín:
Hai un niño dun paxaro
no curuto dunha xesta,
se me das un niño nena,
esta noite ha de haber festa.
Dicía un cantar infantil sobre o casamento dos paxariños:
Hoxe é domingo día de repingo,
casa Xanciño cun paxariño
irá de madriña dona Cotofina
irá de padriño don Pedro Contreiras
que corta os cus cunhas ?tixeiras?.
A Candeloria é a festa da luz. Con orixe pagá, como case todas, máis tarde reconvertida polo cristianismo. Os romanos xa celebraban nesta época as Lupercais nas que recitaban ladaíñas a Juno (deusa da muller e do casamento) na procura da fertilidade e facían sacrificios con lobos e cabras aos que lles cortaban a pel a tiras chamadas februa, de onde parece que ven o nome deste mes.
Nos tempos dalgún día, bendicíanse as candeas na igrexa para ter boa luz na casa (física e espiritual) todo o ano. Estas candeas levábanse de novo o xoves santo á liturxia ou se lle poñían ao defunto para alumearlle o camiño ao máis aló.
Pola Candeloria preparámonos para a primavera pois a vida volta aos terreos, parece que as sementes que se poñen na terra neste día xermolan, as galiñas comezan a pór ovos e as vacas empezan a dar leite tras o descanso invernal.
Avelina das Cascas di que se a Candelaria chora, vai mitá do inverno fóra e que chore e que deixe de chorar, mitá do inverno está de pasar. E Aurorita do Sixto di que se chove o día de santa Bibiana (o mesmo que o da Candeloria) chove un mes e dúas semanas. Hoxe en Ortigueira non choveu así que imos librar.
Comentarios (1) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 02-02-2012 22:35
# Ligazón permanente a este artigo
MANUELES E CANTOS DE REIS
Seguen as festas e, como o mellor xeito de celebralas é botando cantares e sacando puntos, continuamos con cantigas da música tradicional.
Para principiar o ano, na festividade de San Manuel, cantaremos uns Manueles, destinados a felicitar os que estaban de santo. Un grupo de rapaces encontrábase para facer un percorrido pola parroquia indo ás casas dos Manueles improvisar ou con cantares tradicionais onde a cambio eran invitados a unha copa de coñac. A palleta ía ben mollada para cantar algo así como:
Ai Maruxiña, Maruxa,
Maruxiña do caravel,
se queres un mozo bonito
cásate cun Manuel.
Baila Manuel, baila,
baila e agárrate a ela,
se non queres que fuxa
polo camiño da portela.

Para rematar o ciclo de Nadal, esta noite temos que ir botar os cantos de reises como se facía antigamente. Chegada a noite, tras rematar as faenas, encontrábase o grupo de mozos da parroquia (as mozas non estaba ben visto que saíran da casa con noite) alumeados por fachuzos ou candís. Comezaban a troula xa polas corredoiras, cantando e acompañados do son dalgún instrumento (gaita, bombo...) e así ían polos lugares. Adoitaban ir no grupo outros rapaces que non cantaban pero facían troula derredor ou bailaban ranchos: danzas de arcos, de fitas ou de paus. Cando chegaban á eira dunha casa, petaban á porta, se os da casa estaban ergueitos abrían a porta se xa estaban na cama escoitaban dende as ventás. Os mozos comezaban co saúdo ou petición de licencia para cantar:
Licencia pido señores
se vostedes ma queren dar
para cantar estes reises
que imos escomezar.

O amo da casa aceptaba a petición dicindo "podedes" e os mozos, divididos en dous grupos, comezaban a cantar cada grupo unha estrofa. As cantigas dirixíanse ás persoas da casa para pedirlles o aguinaldo (cartos, viño ou calquera cousa de comer) deste xeito:
Desexamos os reises
anque sexan poucos:
un touciño enteiro
e metade do outro.
Aquí hai mociñas
que gastan chaqueta
e que nos han dar
a cada un súa peseta.
Aquí hai mociños
que gastan sombreiro,
e que nos han dar
un pesiño enteiro.
Desexamos os reises
se nolos han dar,
que somos de lonxe
e hai moito que andar.

Ás veces os mozos eran invitados a entrar na casa para botar unha copa de caña ou comer algo arrimados ao lume da lareira; noutras entregábase o aguinaldo ao representante do grupo quen o ía xuntando na faldriqueira para facer o xantar de Reis. Tras recibilo botábase a cantiga de aguinaldo ou resposta final que dicía así:
Queden con Deus señores
ata o ano que volvamos.
Se é que non volvemos
no ceo nos vexamos.

Cando non recibían ningún agasallo remataban cunha cantiga coma esta:
Cantámosche os reises
guedellos de cabra.
Cantámosche os reises
e non nos deches nada.
Somos os reises do quiquiriquí,
se non nos dás nada
cagámosche aquí.

Nos tempos de antes a vida era máis comunal que agora e iso áchase de menos.
Comentarios (1) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 05-01-2012 19:13
# Ligazón permanente a este artigo
BO NADAL

Estamos nun tempo rebuldeiro, cheo de ledicia mesturada de saudade, onde o protagonismo é da familia, dos picariños e picariñas e dos máis vellos, de quen están e quen xa marcharon.
O Nadal é tempo de celebración de orixe pagá, copada polo catolicismo e que na actualidade transcende á relixión. Non é unha soa festa, senón un cúmulo delas: o nacemento do Deus, a festa dos inocentes, o peche do ano vello, o nacemento do novo e o día dos Reis. Tal e como hoxe o coñecemos, o Nadal é a herdanza do século XIX, cando se puxeron de moda o intercambio de agasallos e tarxetas de felicitación, o enfeitado de árbores ou a chegada de Papá Noël. Van quedando no camiño aquelas vellas tradicións, como a do Cepo de Nadal, a de pendurar acivro, ferraduras e chocas nas portas das casas para a súa protección, a do nomeamento do Bispiño ou mesmo a de ir cantar o aguinaldo polas casas.
Escoitei o outro día que o Nadal é a morriña do pasado, os sentimentos do presente e a esperanza no futuro.
No meu nome e no de toda a tripulación desexámosvos unhas FELICES FESTAS e ao ano que ven pedímoslle SAÚDE e SORTE para todos e todas e TRABALLO que non falte. E lembrade que o mellor agasallo do Nadal que temos é o voso sorriso.
Comentarios (9) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 16-12-2011 12:39
# Ligazón permanente a este artigo
A ESFOLLA DO MAÍNZO

Ata mediados do século pasado, este era o tempo da esfolla, unha tarefa agrícola que consistía en ir arrincando as follas que recobren a mazaroca do maínzo para que non podreza coa humidade. Pero ademais dunha tarefa agrícola era un acto social.
Para apañar as mazarocas da leira había que ter o carro armado con caínzas que se facían con varas de castiñeiro e canto máis altas máis carga collía. Levábase todo para a casa, onde se esfollaba. Podíase facer de dous xeitos: quitar tódalas follas, cando as mazarocas ían para o hórreo ou eran pequenas; ou deixar unha cantas follas das máis seguras para entrelazalas en restras e penduralas a secar. Xeralmente as trenzaban as persoas maiores, con máis experiencia e paciencia, arredor dun vimbio forte que remataba nunha asa. A restras pendurábanse diante o poxigo, nos balcóns ou no hórreo. Se non collían no hórreo había que facer cabazos de varas de castiñeiro.
As follas de fóra das mazarocas dábanse de comer ao gando ou estraban as cortes. Coas máis branquiñas anovabamos os xergóns (a canción de berce que máis acompañou a nosa infancia foi o ruxir das plumas de maínzo a cada volta que dabas na noite). A barba cocíase e aquela auga era boa para a infección de urina. O carozo era bo para acender o lume na lareira e para debagar os graos de maínzo. Maínzo mesturado con centeo ou trigo era o pan que comiamos todo o ano.
Sempre se esfollaba en grupo, era unha festa reducida pero gozosa. Familias e veciños repartíanse os día de esfolla e organizaban quendas conforme ían rematando a colleita dun e doutro. Facíase ás noites, nas cociñas ao pé do lume, sen présa, xa que non había colleitas que atender nin outras tarefas agrícolas que realizar.
O traballo non era pesado nin agoniante, o mesmo participaban os máis novos que os máis vellos da casa. Para os máis pequenos o importante era afacerse a traballar, estar en contacto cos pais, con outra xente e, por suposto, pasalo ben. Os pícaros e pícaras subiamos á pila e botabamos as mazarocas para abaixo para que as fosen esfollando. Nós tamén esfollabamos en procura da reina, así se chama a rara espiga que tiña os grans escuros e daba o privilexio de escoller parella de baile.
Durante a esfolla transmitíanse todas as novas da aldea, cantábase, bailábase e improvisábanse contos con retranca protagonizados pola xente nova presente. A esfolla era unha boa ocasión para poder mocear. Para cear asábanse castañas e ás veces ata había pan, chourizos e touciño asado na brasa da lareira. Conxugábase o traballo, o saudable e a diversión.

As esfolladas de noite
non dan proveito a ninguén;
mandei á muller a ela
esfolláronma tamén.

Comentarios (5) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 15-11-2011 08:55
# Ligazón permanente a este artigo
CEREIRAS E CEREIROS
Existen abellas no mundo antes de que existiramos as persoas. Ademais de produciren mel, pole, xelea real e própole, polinizan as plantas que son case a metade da nosa alimentación.
As abellas viven sobre 30 días e cando teñen uns 12 empezan a producir cera mediante unhas glándulas que teñen no abdome, denominadas cereiras, durante 6 días máis ou menos. Utilizan escamas de cera para elaborar as celas hexagonais coas que constrúen o panal, onde crían novas abellas e producen o mel. Para produciren un quilo de cera, as abellas deben consumir entre 7 e 8 quilos de mel.
En Galicia sempre houbo quen tiña abellas, como complemento da agricultura ou da gandería. Tradicionalmente facíanse as colmeas de cortizas cubertas cunha lousa, onde as abellas fixaban os seus panais. Estes cortizos adoitábanse colocar no monte cun cercado arredor denominado alvariza, para evitar que entraran animais meleiros. Cada ano por esta época cortábanse os panais e sacábase o mel e tamén a cera.
Durante o século pasado comezaron a utilizarse colmeas móbiles, onde se poden extraer os panais sen cortalos e a produción de mel é maior. Pero, pola contra, este tipo de colmeas diminuíu moito a produción de cera, pois xa non é preciso que as abellas constrúan novos panais cada ano.
A cera vendíase ás cereiras e cereiros quen primeiro a cocían, a vertían cun cazo de cinc no pío recuberto con esparto (para coala) e a prensaban para conseguir tacos duns 40 quilos.
Antigamente a cera era moi prezada, xa que con ela facíanse as candeas, o medio de iluminación máis empregado; realizábanse derretendo a cera e verténdoa sobre as mechas. Outro elemento moi solicitado eran os exvotos (figuras humanas, de partes do corpo ou de animais, empregados para pedir milagres a un santo ou santa) que se elaboraban nun molde de dúas pezas, para poder abrilo, cuberto de aceite ou xabón, para que a cera non se pegue, e quedando a peza oca. Agora utilízase para pomadas, perfumes, tratamentos da madeira, candeas decorativas? Mais hoxe en día, a cera está mesturada con parafina e non rende o mesmo.
Así nolo contou Suso, un cereiro que había na Casa do Mel e que veu o ano pasado polo San Martiño a desenvolver un obradoiro de cera; moito nos gustaron as candeas que fixo, como as de sempre, pero tamén as de cores, con escamas, con forma de flor e ata unha Torre de Hércules de cera. Na foto podedes ver algún exemplo.
Comentarios (0) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 28-10-2011 14:17
# Ligazón permanente a este artigo
AS MAZÁS DAS CASCAS

O concello de Ortigueira dispón o seu territorio na marxe esquerda do río Mera, agás dúas parroquias: Mera que está a ámbalas dúas bandas e San Adrián de Veiga situada na marxe occidental da ría. Son dúas parroquias prolíficas en maciñeiras. No mes de maio, cando florean, o val do Mera cóbrese dun manto branco coa flor da mazá, tan bonita coma unha rosa pois non deixa de ser da súa familia. Ata alí, ao lugar das Cascas, achegámonos este martes soleado; Abelardito, o afillado de Avelina, acolleunos na súa casa e, xunto con Loli de Mera, parolamos á sombra dos seus pomares, de mazás e de cousas da vida.
Entre os séculos XVI e XIX, Galicia era boa exportadora de froita e no principio do século XX, aínda era unha principal produtora de mazá. Coa industrialización da fruticultura, a produción galega descendeu, pois o minifundismo da nosa terra impide que a rendibilidade económica dos pomares aumente, xa que non se pode meter maquinaria para a colleita e esta séguese a facer de xeito manual. Malia todo, dende hai máis de 50 anos, as empresas asturianas veñen recoller a mazá do norte de Galicia. Ortigueira é principal exportadora de mazás a Asturias e Euskadi, fundamentalmente para a elaboración de sidra e vinagre de mazá. Parece que o 80% da sidra asturiana faise con mazá galega.
A campaña da colleita comeza en setembro e remata sobre novembro (estamos no tempo) e o xeito de facelo non mudou moito. Antigamente cargábanse a man nos camións, agora os compradores veñen preparados para recollelas e deixar limpo o campo. Os prezos roldan os 13 céntimos para a mazá caída e os 22 céntimos por quilo para a que se recolle directamente da árbore.
Non tódalas mazás son iguais, hai máis de 7.500 variedades de mazás. En San Adrián e Mera danse as de ollo mouro e as de ollo branco, as de pedra dura, os peros, as de peraza, as de plátano, as encarnadiñas e as de príncipe. Cada unha da súa cor (mareliñas, verdes, coloradas, veadas), máis ou menos duras (se están moi duras pétase con elas no cóbado un pouco e xa amolecen), algunhas dociñas e outras máis acedas, pero todas moi ricas e sas.
A mazá é a froita máis completa xa que aporta vitaminas e minerais, actúa como adelgazante, carece de colesterol, sodio e graxas saturadas e ademais é diurética e depurativa. A podemos comer directamente da árbore, raiada, asada ou en compota; podemos facer con ela zume, marmelo, torta, licor, sidra ou vinagre.
Calquera que sexa a variedade, a mazá debe estar presente na nosa vida case dende que nacemos e se é de San Adrián de Veiga mellor, non en balde Avelina, criada entre maciñeiras, ten 99 floridos anos.
Comentarios (2) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 23-09-2011 13:13
# Ligazón permanente a este artigo
MIRANDO AO MAR

Hoxe aproveitando o bo tempo, saímos ao pinar de Morouzos e non para apañar carozas para leña, agora disque está prohibido, nen a coller berberechos como facían, noutro tempo, as miñas veciñas Angustias Paz e Benigna Sanjurjo. Fomos mirar ao mar e mollar os pés, de paso, que a auga tiña pinta de estar boa. Proba delo, o baño que estaba tomando a señora Asunción, de Loiba, coa que falamos un anaco. Lembrounos a fartura de peixe que había tempo atrás e nomeu non sei cantas clases del, que collían os seus irmáns mariñeiros, cando saían. Ata prendían lume nuns fachos para avisar aos da outra banda (os de Cariño) para vir faenar . Unha conversa ben agradable con arrecendo a salitre e a Illa de San Vicente ao frente. Voltaremos, sen dúbida!!
Comentarios (0) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 29-08-2011 16:12
# Ligazón permanente a este artigo
A DANZA DE ARCOS: A TRADICIÓN DUN POBO

Hoxe é o día no que Cariño, como tantas vilas mariñeiras, celebra o Carme cunha Procesión Marítima, como lembranza aos homes e mulleres que a mar cinguiu para sempre.
Pero se hai unha tradición singular do pobo de Cariño, esa é a Danza de Arcos. Vinculada aos mariñeiros dende a noite dos tempos, renden con ela homenaxe aos seus patróns: a Virxe do Carme (patroa da mar) e San Bartolomeu (patrón da Vila). Ninguén coñece de certo a súa antigüidade nin a súa procedencia.
A danza compúñase dun número impar de homes, pero hai que dicir, que a tradición se axeitou con naturalidade aos tempos e participan dela as mulleres. Os danzaríns e danzarinas levan pantalón branco e camisa branca adobiada cuns lazos de cores no seu ombreiro esquerdo, unha banda cruzada de dereita a esquerda (de distintas cores) e un pano floreado no van.
Previamente a cada celebración, os arcos de madeira son enfeitados polos integrantes da danza, a xeito de flor de papel das máis vistosas cores. Na danza, son abaneados ao compás da música, facendo as distintas filigranas que caracterizan este baile, formando unha fermosa serpe multicolor. Os pasos que compoñen a danza (ponte alta, ponte baixa, culebrina, caracol, paseo longo e nó) fóronse transmitindo, ao longo dos anos, de xeito inalterable de pais a fillos. O danzarín que vai diante, denominado guía, é o encargado de compaxinar os movementos co último, denominado cola; ámbolos dous son os únicos que levan mantón de Manila.
A Danza de Arcos foi levada a outros pobos, como Camariñas, por xente de Cariño que se trasladou para desenvolver o seu traballo na mar.
Hoxe, dende este ?barco?, queremos estar de corazón en Cariño para acompañar a todos na Procesión Marítima, pero especialmente á nosa Lucía e ao seu fillo Íker.
Apertas grandes, no nome de toda a tripulación, Lucy. Hoxe, como sempre, estamos ao teu carón.
Comentarios (6) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 16-07-2011 09:10
# Ligazón permanente a este artigo
SAN XOÁN

Chegou o San Xoán anunciando o verán. Onte festexámolo como está mandado.
Atrás da nosa casa está o monte de Brandariz e hai plantas de tódalas clases, así que despois de xantar saímos un grupo de maiores a recoller as herbas de San Xoán. Pola tarde ía calor e estábase mellor fóra que dentro. Tinolo, que hai pouco que veu vivir con nós, acompañounos. Collemos fiúncho, loureiro, follas de nogueira? que iamos metendo na cesta que levaba Estrella. Ademais de herbas atopamos careixóns, eran pequeniños pero moi saborosos; eu xa había tempo que non os comía. Achegámonos á casa de Carmen de Miñaño. Ela maila súa filla Isabel déronnos rosas, reinaluisa e romeiro; ben que llo agradecemos, pois o ulido que teñen fai que a auga de San Xoán recenda.
Xa de volta na casa, vimos unha montaxe audiovisual sobre o conto O medo é libre, que tedes neste blog na sección Contos da Vila, e estivemos a recordar contos e lendas de San Xoán, moitas delas con aparicións. É curioso que as aparicións sempre as vían os mesmos. Eu creo que eses medos foron desaparecendo a medida que se fixeron as pistas e se puxo alumeado público.
A fame tamén facía ver visións e nós fame non pasamos. Ceamos con empanada, sardiñas e de sobremesa torta de aniversario, pois lembramos os cumpreanos d@s veciñ@s que cumpriron no mes de xuño: Benigna, Olimpia, Baudilio, Luisa e Socorro. Celebramos con antelación o aniversario de Avelina Piñón Rodríguez que o domingo 26 terá 99 anos. Quen chegara aló coa lucidez e a saúde que ela ten!
Despois da cea, acendemos o foleón para saltalo ou, polo menos, para saltar un tizón. Se entrades na fotoblogoteca poderedes ver as fotos do día.
Para rematar un día ben completiño, preparamos a auga de San Xoán e deixámola fóra á fresca da noite. Pola mañá, lavamos a cara con esta auga que recendía e botamos o responso: Meigas fóra! Meigas fóra! Meigas fóra!

Comentarios (3) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 24-06-2011 17:30
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0