Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

O TRAXE DAS CORES DE CARVALHO CALERO
Na residencia de maiores de Ortigueira, tamén celebramos as Letras Galegas, de xeito particular no confinamento. A diferencia dos anos anteriores nos que coincidía coa Festa Interxeracional dos Maios, sendo o autor ou autora homenaxeada a protagonista da alfombra floral, realizada na Praza de Isabel II por mans tanto vellas como novas da veciñanza de Ortigueira, desta vez tivemos que pensar en facer algo para ambientar no noso centro.
Este ano, homenaxeando ao ferrolán Carvalho Calero, as persoas maiores puxeron cor ao seu traxe, deseño que nos encantou, da ilustradora caranceira, Elga Fernández Lamas, ElguiñaMaría no Facebook.
Deixámosvos unha mostra do traballo, confeccionado con numerosos cachiños de papel de cores que prepararon previamente con destreza e que logo pegaron no cartel. Agardamos que a nosa nota de cor vos preste, tanto como a nós e aproveitamos para celebrar que a NOSA LINGUA siga viva e tan productiva, pois a sabia nova vén pisando forte.
Comentarios (0) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 05-06-2020 13:06
# Ligazón permanente a este artigo
"NO ORTEGAL, OS MAIOS NO TENDAL"
Todos os anos polo mes de maio, dende 2008, celébrase a Festa Interxeracional dos maios en Ortigueira, como proposta de actividade comunitaria na que participan diversas entidades da Vila. A idea de realizala partíu do noso centro de maiores e axiña foi moi ben recibida, pois supoñía a primeira vez que se levaba a cabo algo así.
Dende o comezo, participaron na organización da festa o CEIP José Mª Lage, o IES de Ortigueira, a Escola Infantil Galiña Azul, a Escola infantil Patucos, a Asocicación Aspromor e o CAPM de Ortigueira e colaboraron o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a Escola de Gaitas de Ortigueira e O Concello de Ortigueira, así como varias tendas de productos do agro e floristerías da zona.
Cada ano escóllese unha temática para a festa dos maios e elabórase unha alfombra floral sobre ela, carteis alusivos feitos por usuarixs das entidades e estructuras florais típicas. A praza de Isabel II, onde estaba o antigo mercado, énchese de flores, cores, música tradicional e persoas de todas as idades ( de 0 a 101 anos sería nesta edición) para celebrar o mes de maio e os froitos que a terra nos dá. Nas últimas edicións e ao coincidir a data de celebración co Día das Letras Galegas, o tema a escoller estaba relacionado co autor ou autora homenaxeada.
Mais, este ano 2020, dada a situación de confinamento polo coronavirus, houbo que anular a festa, sen renegar dela, polo que na residencia de maiores decidimos celebrala igualmente.
Nos concellos de Ferrol e Narón, da comarca de Ferrolterra, celebran tamén a festa dos maios cada ano. En Ferrol decidiron poñelos na xanela, en Narón no balcón e nós, ?no Ortegal, os maios no tendal?. Agardamos poder voltar á rúa nas vindeiras edicións e mentras, deixámosvos unha foto do tendal coa tea pintada e a estructura do maio que fixeron con material de refugallo e papeis de cores, as persoas maiores da casa, do que deron conta na TVG.

Comentarios (0) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 29-05-2020 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
I INSURRECTION FEST

Pasou a Semana Santa case sen enterarnos, porque tódolos días parecen iguais estando confinadxs. Pero na Resi, o domingo de Resurrección foi especial por dous motivos. Había que celebrar o cumpreanos de Jessi, xerocultora da Casa Grande e os resultados das probas do Covid-19 que nos deron negativas a todxs, tanto ás persoas maiores como ao persoal.
Por iso, decidimos encher de baile e música o centro, celebrando o "I Insurrection fest", como así o apadriñou o noso querido Isaías.
O Dúo Dinámico, María Jesús e os paxariños, Los Mismos, Pedrito Fernández ou Massiel, foron as actuacións para abrir boca, poñendo o broche de ouro Marisol, Peret e Rocío Durcal.
Unha hora chea de colorido e risos que nos fixo pasar un serán ben entretido. Como fin de festa e ao compás do chacachá, fixemos un tren enorme por toda a sala de actividades. Iso sí, mantendo as distancias e botando bicos ao ar, por onde iamos pasando.
Grazas a todo o persoal por demostrar a súa vea artística, facendo desfrutar a todo o mundo. Haberá que repetir!!
Comentarios (0) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 16-04-2020 23:11
# Ligazón permanente a este artigo
A FESTA DOS MAIOS

Un dos días máis esperados do ano é no que celebramos a Festa Interxeneracional dos Maios. Unha época no que o colorido dos pampillos, xusto antes do tempo de sementar, as leiras teñen un amarelo intenso e cheo de vida.
Durante a mañá do pasado mércores xuntámonos a xente grande coa miúda para facer unha boa foliada. Pasamos pola praza Isabel II persoas maiores da nosa casa, a xente de ASPROMOR, rapaz@s do IES de Ortigueira, nen@s de catro cursos do CEIP José Mª Lage, un grupo de picariñ@s das escolas infantís, Galiña Azul e Patucos, a Escola de Gaitas de Ortigueira e tódalas persoas da Vila que se quixeron achegar ao escoitar o barullo ou a música tradicional.
Xa é o sétimo ano que festexamos os Maios en comunidade. Se o tempo o permite, realizamos a actividade preto do Día das Letras e tamén do de San Isidro Labrador, unha festa que en Ortigueira adoitaba celebrarse como chegada da primavera, adornando os carros con flores e ramallos para chegar ata a igrexa onde os bendicían; estes ramos levábanos ás leiras para favorecer abundantes colleitas.
Este ano a figura homenaxeada pola Real Academia Galega é José Mª Díaz Castro e o poema máis significativo del é Penélope. Esta foi a nosa inspiración para realizar a alfombra floral deste ano. Adornamos a boneca, a nosa Penélope, elaboramos un tear con lá e elementos vexetais e nun cabalete foi exposto o poema adornado con flores de papel pintado feitas pol@s residentes deste centro. A alfombra era un mar de cores en derredor que cubriron @s máis pequechos. @s rapaces de ASPROMOR cubriron o seu Maio e @s estudantes do instituto Natalia e Tania de 4ºA e Anabel, Amanda e Alejandro de 4ºB cubriron un cabaliño de mar. A escola infantil Galiña Azul achegou un cesto de flores e a de Patucos un escudo de Ortigueira con elementos vexetais. Bailamos co son da Escola de Gaitas de Ortigueira e escoitamos as tradicionais coplas dos Maios lidas polos participantes.
No remate, outras rapazas do instituto tocaron gaitas, pandeiretas e cunchas e bailaron ao ritmo da muiñeira. Botaron unha peza para a nosa Adolfina en lembranza dos seus irmáns que nos anos 50 formaron o cuarteto Os da Fraga de Ordes.
En breve poderedes ver na nosa fotoblogoteca as fotos da festa e mentres a esperar ata o ano que vén.
Comentarios (3) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 22-05-2014 09:49
# Ligazón permanente a este artigo
DÍA DO LIBRO

Tal día coma hoxe, hai case catrocentos anos, faleceron tres grandes da literatura: Cervantes, Shakespeare e Garcilaso. Por tal efeméride foi declarado pola UNESCO o 23 de abril como día do libro, día das letras universais.
Os libros dan situacións novas, viaxes, aventuras, lembranzas, emocións? como a vida mesma. Coa lectura sempre nos enriquecemos e se é compartida, dobremente vivida.
Na casa para conmemorar este día fixemos un acto de lectura comunitaria. Recollemos unha escolma de textos de autoras e autores galegos que escribiron en castelán e sobre a nosa terra. Sobre a chuvia, as moscas no verán, as mulleres botadas para adiante, fragas idílicas, as nais e a patria.
Isabel Álvarez con voz forte e clara leu un anaco de Los gozos y las sombras de Gonzalo Torrente Ballester. Fíxonos ver as pegañentas tiras amarelas que penduraban do teito apañando as moscas no seu voo.
Lina Breijo defendeu de maneira espectacular un fragmento de La Tribuna, de Emilia Pardo Bazán, coa que se sentía identificada pola capacidade de decisión da protagonista. Lembramos a meta imposta socialmente que antes tiñan as mulleres de se casar e ser nais e o difícil que era rachar con estes valores vivindo de xeito independente. Tamén recordamos a vida da autora e os seus amores adúlteros con Benito Pérez Galdós.
Pepe Dovale utilizou un ton moi expresivo para o texto que falaba da monotonía de chuvia, Mazurca para dos muertos de Camilo José Cela. Saturnino recordaba a primeira lectura que fixo desta novela estando en Suíza e que lle mandaron dende a casa por correo postal. Aínda botamos unhas risas falando da Parrocha, a xefa da casa de putas que describe Cela.
Isabel González leu con sentimento un poema de Rosalía de Castro incluído no libro En las orillas del Sar, que lle fixo pensar que non sempre se valora o que se ten. Isabelita aproveitou para recitar o poema de Rosalía que aprendeu de nena Airiños, airiños, aires.
Luísa Gregorio achegounos á fraga de Cecebre e o seu máxico entorno lendo un anaco de El bosque animado de Wenceslao Fernández Flórez.
Por último, Aurora Pereira leu con dozura un retrato da nai do marqués de Bradomín incluído na Sonata de otoño, de Ramón Mª del Valle-Inclán, retrato que nos fixo evocar ás nosas nais.
Distintos retratos de Galicia e as súas xentes presentes na literatura española e universal. Retratos cos que calquera nos podemos identificar.
Para continuar co desfrute da lectura convidamos a pasar pola biblioteca ?Avelina das Cascas? que temos na nosa casa e coller un libro co que refocilar o ánimo.
Comentarios (2) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 23-04-2014 15:40
# Ligazón permanente a este artigo
OS MANUELES DE ORTIGHEIRA

Como manda a tradición, o día 1 de xaneiro, co fin principal de felicitar aos que na aldea se chamen Manuel ou Manuela, un grupo de roldadores, que pode estar formado por persoas de todas as idades e sexos, canta á porta dos Manueles algunha copliña tradicional e outras inventadas para a ocasión. Os agasallados teñen a obriga de convidar aos roldadores a algo de comer e beber.
Aínda que é unha tradición cristiana, as coplas non teñen que levar ningunha referencia relixiosa. Onte para homenaxear aos e ás que temos no Centro pedimos licencia para cantalos e nola deron. Parabéns para tod@s el@s que saen moi ben nesta foto e que vai acompañada da letra da nosa panxoliña, creada para a ocasión. Agardamos que vos preste:

1. NOSA CASA ESTÁ TELLADA
TELLADIÑA DE MANTEIGHA
QUE POR MOITOS ANOS VIVAN
OS MANUELES DE ORTIGHEIRA.

DEANO-LO AGHINALDO
SEÑORA POR DIOS
POR EL NACIMIENTO
DEL HIJO DE DIOS,
QUE DIOS SE LO DEA
PARA DAR A NÓS.

2. NOSA CASA ESTÁ TELLADA
TELLADIÑA DE BO COIRO
QUE POR MOITOS ANOS VIVA
MANUEL DE COUZADOIRO.

MANUEL, MANOLIÑO
DETRÁS DUNS CODESOS
DOULLE UN ALOUMIÑO] BIS
A UNHA DE DEVESOS]. BIS

3. NOSA CASA ESTÁ TELLADA
TELLADA DE CORDOBÁN
QUE POR MOITOS ANOS VIVA
MANUEL, O FERROLÁN.

MANOEL, MANOLITO
DENTRO DA TINALLA
METEUNOS A TODOS
CHAMOUNOS CANALLAS,
E DÍXOLLE AO REI
?POR QUÉ NO TE CALLAS?.


4. Á NOSA CASA CHEGHACHES
MANUEL DE ?CASA LUCAS?
QUE POR MOITOS ANOS VIVAS
XA VERÁS COMO OS DISFRUTAS.

MANOEL, MANOLIÑO
DE MERA DE RIBA
COCIÑABA O CALDO
DENTRO DUNHA CRIBA,
NON HAI QUEN LLO COMA
PERO HAI ALEGHRÍA.


5. NESTA CASA TAMÉN HAI
MANOLAS OU MANOLIÑAS
ADEMAIS DUN CAN E UN GHATO
E TAMÉN DÚAS GHALIÑAS.

CON TANTO BECHIÑO
NA CASA HAI FARTURA
CO ?MÍO? E CO ?RÉS?] BIS
CA ?PITA? E CA ?CHURRA?] BIS


6. A NOSA CASA ESTÁ ABERTA
PARA QUEN QUEIRA ENTRAR-E
TRAEDE PAN E TOUCIÑO
E VIÑO PRA ACOMPAÑAR-E.

A NOSA MARÍA,
NOSO MANUEL,
CASTAÑAS ASADAS
DENTRO DUN PICHEL,
NOCES E MARMELO
FILLOAS CON MEL.


7. NOSA HORTA ESTÁ PRANTADA
PRANTADIÑA DE AMORODOS
QUE POR MOITOS ANOS VIVAN
OS NOSOS MANUELES TODOS.

DEANO-LO AGHINALDO
SEÑORA POR CRISTO
EN TODA UNHA VIDA
MOITO TEMOS VISTO,
SE NON O VÉ CLARO
ACÉNDALLE UN MISTO.


ME CAGHO NA CRISE
ME CAGHO NA TÓS
NON OBRES MÁIS ALTO
QUE NOS CAE A NÓS,
NON CAGHES MÁIS ALTO
QUE NOS CAE A NÓÓÓS....


Comentarios (3) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 02-01-2013 10:02
# Ligazón permanente a este artigo
A XIRA AO PINAR DE MOROUZOS

Para rematar as festas fomos o 31 á tradicional Xira de Morouzos onde toda a veciñanza se xunta para xantar no piñeiral e troulear. Ninguén organiza nada, non se depende de ningunha comisión de festas nin de ningún organismo; só se precisa da vontade de cada casa de preparar o xantar, buscar o sitio axeitado e ter gañas de lerias.
Alá fomos coa empanada, non na cabeza como antigamente, e que moito nos soubo.
Antes de nada fomos mollar os pés na beira do mar resgardado por Ladrido e por Figueiroa, a parroquia da nosa Angustias do Gaio que había que non cataba a auga do mar uns 25 anos. Chuco contaba que el de novo ía a Baldaio, Barrañán, Riazor e que chegara incluso a Sada. Paquiño ía a Fornelos, na ribeira do Mera. Ata Fina da Mourela se meteu no mar; ela non acordaba tal.
Como disque a praia dá fame, puxémonos coa empanada e co resto de viandas para coller folgos para a tarde.
Inocencio do Ermo levou o acordeón, Gelo de Caranza a pandeireta e Ana de Lugo animouse coas cascas de vieira. Ao resto non nos quedou outra que levar o mellor dos instrumentos, a nosa voz. Tamén se arrimou un cuarteto de rapazada da Escola de Gaitas (Fernando e Pablo coas gaitas, Óscar ao tamboril e Mateo co bombo) que tocou un par de pezas para nós. Cantamos e bailamos, batemos palmas e ata ulamos. Moito rimos con algunha das coplas picantes que botamos!! Estrela de Cerceda dixo que lle parecía a mesa máis adivertida de todo o piñeiral.
Tamén houbo tempo para falar coas veciñas e veciños que se achegaron para botar unha parola ou, como no caso de Inocencio, ?O Taxista?, para convidarnos aos mellores chocolates chegados dende a Suíza. Elvira, Loli de Mera do medio, os irmáns e o sobriño de Lola Piñón, a familia de Manolo Polo, unhas amigas de Couzadoiro de María e Lucho, a tía e a curmá da nosa psx Belén Cal que falaron con Isabel, coñecidas de Luísa e outras persoas que se achegaron a saudar e que, de seguro, quedan no tinteiro. Grazas a tod@s pola visita.
Unha das últimas veciñas que veu foi tamén a máis nova, Irene, unha nena da Escola Infantil da Galiña Azul, que viña preguntando por Avelina, pois a coñecera nos Maios e lle dera caramelos. Avelina quedara na casa botando a sesta pero levou un cachiño de chocolate que tamén lle houbo saber. Contounos a nai de Irene que despois dos Maios botara máis dunha semana lembrando a Avelina e facéndolle a ola. Hoxe somos nós quen lle facemos a ola a Irene.
Na fotoblogoteca poderedes mirar as imaxes de momentos destacados da nosa Xira.
Comentarios (3) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 10-08-2012 14:47
# Ligazón permanente a este artigo
A RAPA DAS BESTAS

Cada ano coa chegada do verán repítese unha actividade ancestral na Serra da Capelada: a Rapa das Bestas.
Din que xa na idade do Bronce, os habitantes do que hoxe é Galicia trataban de domesticar os animais convertendo esta actividade en rito. O antigo historiador Estrabón o relataba así: ?Con cornos e berros acosan os animais polo montes para lograr acurralos. Uns os matan para comelos. Outros os doman e sérvenlles de montura para as súas loitas guerreiras.? Existen documentos eclesiásticos de mediados do século XVI que fan referencia ás rapas.
Na Capelada vense facendo a Rapa das Bestas ininterrompidamente dende 1.974, cada derradeiro fin de semana de xuño, organizada pola asociación ecuestre ?A Crina?, co patrocinio do Concello de Cedeira e a colaboración dos comerciantes da vila.
Participan na festa uns douscentos cabalos, de raza pura galega ou mestizos, pertencentes aos membros da asociación ou a propietarios particulares.
Días antes da rapa e esa mañanciña, os gandeiros soben ao monte co bestilleiro diante para acurrar os cabalos e levalos para o curro, onde se xuntan. O curro pode ser de pedra ou de estacas de madeira coma o de Pena Toxosa, na Capelada.
A xornada comeza cunha misa solemne celebrada no campo. Despois péchase a estacada do curro para poder comezar a separar os garañóns das bestas e dos poldros, cousa nada doada xa que os animais pelexan por se ceibar rinchando, couceando e levantando os pés de diante. Por último, os aloitadores e aloitadoras abaten o animal, o marcan e cortan as crinas tanto das bestas e poldros como dos garañóns, para despois ceibalos de novo no monte.
A festa continúa con liorta de garañóns, doma de alta escola, probas de andadura, trote e galope, exposición de cabezas de gando de diferentes razas, carreira de relevos a cabalo, así como o sorteo dun poldro nacido na Serra da Capelada.
Arredor da actividade principal existen outras que a completan, como toldos onde mollar a palleta ou as polbeiras para encher o bandullo despois de tanto exercicio. Tampouco falta a música para troula dos asistentes.
A Rapa das Bestas faise en varios lugares da xeografía galega como en Candaoso, Viveiro, e a máis famosa é a de Sabucedo, A Estrada.
Comentarios (2) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 02-07-2012 14:03
# Ligazón permanente a este artigo
BENDICIÓN DO PAN

Hoxe é Xoves Santo. Conmemórase a derradeira cea de Xesús cos seus discípulos antes de ser levado á cruz, coincidindo coa pesáh (a pascua xudía), o paso da escravitude á liberdade. Era unha cea ritual na que, por orde divina, cada familia asaba un año sen defecto e un bolo de pan ácimo (sen formento).
Nesta cea Xesús, sabedor de que ía morrer, pediulles aos seus compañeiros que se amasen uns a outros e que repetiran a celebración na súa memoria, pois o pan sería o seu corpo e o viño o seu sangue. Esta é a orixe da Misa cristiá.
Do mesmo xeito que o domingo de Ramos levabamos á igrexa ramallos de oliva ou de loureiro para bendicir, antigamente o día de Xoves santo levábanse uns boliños de pan ácimo. Durante o ofertorio había unha procesión de persoas levando os panes ata o altar onde eran bendicidos polo cura e nalgúns lugares tamén eran incensados. Coas ofrendas sobre o altar facíase a oración conxunta e quedaban consagradas.
Na eucaristía o cura ofrecía á freguesía anaquiños dos bolos mollados en viño, xa corpo en sangue do Señor.
Nalgúns lugares levábanse boliños pequenos que, unha vez rematada a misa, recollíanse e púñanselles aos pícaros e pícaras pendurados do pescozo para a súa protección.
Só se cocía pan ácimo unha vez ao ano, pois, aínda que se aguanta moito tempo, esfaragúllase todo e non presta comelo. O resto do ano facíase pan con formento, un cacho de masa gardado da última fornada. O pan era a base da alimentación. Amasábase e cocíase na casa, nunhas polo home e noutras pola muller, dependendo de que tivera mellor man. Esta tradición é a que nos trouxo a que o pan galego sexa o mellor; non sei se o de Cea, o de Carral ou o de Neda; calquera deles. Cando alguén de fóra nos visita sempre leva bo recordo da comida, pero en especial do pan.
Eu aínda me lembro cando se cocía na casa e un rabaño de pícaros se arremuiñaba diante do forno esperando a que saíra a bola da portela, unha bola pequena que se cocía antes que os bolos e que miña nai repartía entre os fillos. Aquel recendo a pan fresco, o son do pan ao romper e o sabor que enchía a boca toda nunca se poderá borrar da miña acordanza.
Bendito sexa o pan!
Comentarios (3) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 05-04-2012 13:14
# Ligazón permanente a este artigo
PRIMEIRAS TÉMPORAS

A institución das témporas aparece en Roma, no século III, substituíndo ás festas pagás agrícolas. Nun inicio, correspondíanse co tempo da semente ou da colleita en cada lugar e non cunha data determinada. O obxecto das témporas é adicar un tempo para agradecer a Deus os froitos da terra e pedirlle a súa bendición sobre a semente para que dea boa colleita, ofrecendo actos penitenciais como o xaxún.
A Igrexa foi reconvertendo tódalas festas pagás e deste xeito as témporas organizáronse nun conxunto de catro ciclos litúrxicos, con celebracións propias, coincidentes co remate e inicio das estacións do ano e tendo en conta o calendario lunar. Isto serviu tanto para facilitar o cálculo das datas, como para vencellalas ao culto católico. Así as primeiras témporas cadran na segunda semana da Coresma, as segundas na semana seguinte a Pentecostés, as terceiras na semana despois da exaltación da Santa Cruz e cuartas na semana posterior a Santa Lucía.
En Galicia, un país dependente da natureza tanto no mar coma no agro, empregamos de sempre as témporas para predicir o tempo. Para isto disque se hai que se fixar no tempo que vai o mércores, venres e sábado da semana das témporas, así o do mércores correspóndese ao primeiro mes da próxima estación, o do venres ao segundo e o do sábado ao terceiro.
Non faltaba tampouco en casa de ningún galego ilustrado un lunario co que facer os cálculos o máis exactos posible. O lunario contiña os aspectos principais do sol e a lúa, isto é as conxuncións, oposicións e cuartos da lúa co sol e a nova dos eclipses de ámbolos dous astros. Asemade tamén describían unha cronoloxía de varias novas de cousas sucedidas dende a morte de Cristo ata o presente e diversas recomendacións de hixiene e saúde.
Tamén en Galicia teñen moita tradición os calendarios agrícolas anuais, libriños nos que aparecen predicións do tempo, as lúas, as mareas, as feiras, consellos agrícolas, refráns, adiviñas, o santoral... Dous son os que teñen máis sona. O máis antigo é O Gaiteiro de Lugo, fundado en 1.857 polo impresor Manuel Soto Freire e denominándose inicialmente Calendario Gallego. Comezou escribíndose en castelán, mais pouco e pouco foi tendo presenza o galego nas súas páxinas e a partir de 1.936 publicouse integramente na nosa lingua. Foron colaboradores habituais Xosé Filgueira Valverde ou Antonio Noriega Varela. O outro calendario é O Mintireiro Verdadeiro, promovido en 1.952 por José Regadío Vázquez, quen era crego en Palas de Rei. Foi escrito en galego dende un inicio e ten unha sección na que recuperan palabras galegas en desuso. Amosa un carácter crítico, humorístico e retranqueiro. Defínese como ?chusqueiro, escotolido, galego-castelán, profético, enxebre, noticioso, artimañeiro e tamén barato?.
Tesouros vivos da nosa cultura tradicional que hai que pór en valor.
Comentarios (8) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 30-03-2012 12:02
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0