Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

AS QUE ANDABAN A PEDIR
Din que Santa Marta é vila farta. Supoño que sería por iso que moita xentiña se ten achegado ata aquí pedindo esmola.
Contou Virtudes o outro día o conto das xitanas cando ían por aí polo mundo a pedir. A Ortigueira viñan moito polo San Marcos, pois xuntábase moita xente por ser feira de ano. Por calquera cousa metíanas no cárcere, aínda que fora por roubar unha galiña.
As xitanas, cando lles parecía que o que lles daban non era dabondo, botaban unha maldición, Mala justicia de Santa Marta te coma. A Virtudes a xente que andaba a pedir dáballe moita pena e recorda aquela copla:
Canta rula, canta rula.
Canta rula naquel souto.
Pobriño daquel que espera
polo que está na man doutro.

Tamén dicía Angustias que antes cocíase cada oito días, todos os sábados. Cando se cocía dábaselle pan ou bola a un pobre que viña a pedir polas portas, polas ánimas dos defuntos e as benditas ánimas do purgatorio. Era ben tamén dar sal. Antigamente, había unhas artesiñas pequenas na lareira co sal. Se non, ofrecían unha cunca de caldo, naquelas cuncas grandes cunha liña amarela ao arredor.

Caldiño ao pobre, dan, dan,
pero pan, anque o esfolen non dan.
Comentarios (0) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 23-07-2012 15:31
# Ligazón permanente a este artigo
A LENDA DO DRAGÓN DA BARRA
No principio do mundo, cando tódalas terras estaban unidas, dis que o Ortegal caía polo medio de Panxea. Naquel tempo abundaban os dragóns, gardiáns de tesouros e sabedoría. Mais non tardou moito en apoderarse deles a cobiza, que lles impedía pensar noutra cousa que non fora conseguir ouro e pedras preciosas. Loitaron uns con outros en batallas tan bestiais que, ao bater entre eles romperon o chan, entrando a auga do mar no medio do territorio firme. Non debeu ser doada a separación de terras, pois aínda hoxe se poden ver os anacos da rotura, como os Aguillóns, o Picón ou a barra, unha ampla lingua de area que se atopa fronte ás praias de San Martiño e Cabalar. Deste xeito, os dragóns convertéronse na encarnación do mal.
Parece ser que un destes bichos vivía soterrado baixo a area da barra, alimentándose de ameixas, berberechos e navallas. Saía do seu furado, agochándose nas marismas, para ver de facerse con algún tesouro, sen importarlle a quen facía mal. Cando alguén o ollaba de lonxe non podía facer outra cousa que fuxir, xa que era un monstro enorme e horrendo. Tiña aterrorizada á xente da Vila.
Tal foi que a veciñanza se xuntou para acordar como se habían ceibar daquela ameaza constante. Decidiron que só o ceo os podería salvar de tan grande perigo e así pedíronlle a Santa Marta que os liberase do monstro. A santa, compadecida, baixou á terra para axudarlles.
Hai xente que di que a patroa chegou á beira do mar e conseguiu vencer ao dragón en feroz loita e matalo. Outros contan que o bicho se bateu en retirada ante unhas gotiñas de auga bendita que lle lanzou a santa. Aínda que os máis escépticos cren que a venerable Marta non puido atopalo porque o dragón se agochou entre os xuncais da lagoa.
O caso é que agora, nas noites de lúa chea, aparecen as súas pegadas na praia de Cabalar. Xa di a copla:

A xente da Vila
que diga o que queira,
pero eu vin o bicho
choupando na tremoeira.
Comentarios (3) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 22-03-2012 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
AS COMPARSAS

Hoxe é domingo de Entroido, tempo de esmorga, de transgresión e de excesos (no comer e no beber, no berrar e no rir, no bulir e no gozar).
O Entroido é unha morea de comparsas, a súa parte vital, con disfraces coristas, estrafalarios, chaparritos, elaborados con material de reciclaxe, creativos e recreativos. A vida neste tempo convértese nun teatro satírico de seu. Os grupos crean unha posta en escena, co imprescindible acompañamento musical que interpretan os compoñentes, cantan letras de escarnio e maldicir, alusivas a temas de actualidade, e interpretan bailes ao compás. O cumio é o desfile de comparsas polas rúas e o posterior baile no que a desinhibición é a protagonista. Unha vez ao ano non fai dano.
As comparsas son as protagonistas da antroidada, do xogo, parte fundamental da vida humana. Un xogo comunitario, público e popular, no que se participa de xeito conxunto nun espazo común, creando lazos de unión e baixo cuxa sinerxia agóchase o goce. Pertencer a unha comparsa significa espremer os miolos para compoñer as coplas, adestrar a memoria para cantalas e ter unha actividade social continua co resto do grupo. Todos estes factores considéranse preventivos de calquera tipo de deterioro, tanto físico coma psíquico. Así é que estamos tardando en apuntarnos a unha comparsa e tomar parte activa nela, se aínda non o fixemos.
Antigamente a unión da rapazada facía en por si a motivación para o arrebato, non precisaban de subvención. Foron míticas aquelas comparsas de antes da guerra nas que aparecían Agustín e Pepe Pía, Luís Castiñeiras, Ramón Álvarez e tantos outros que cantaban pezas deste estilo:
De onde serán?
Miña nai quero saber.
De onde son estes mangantes?
Deben de ser tripulantes
dalgún barco de papel.
Isto xa non interesa
eu quixéraos coñecer.
De onde serán?
Serán os da Vila,
serán os da Venta
ou os de Luía?
Miña nai quero saber.
Que fan por aquí cantando?
Eu xa estou albedrando
xa non sei que hei de facer.
Moitas voltas levo dado
para podelos coñecer.
De onde serán?
Serán os da Vila,
serán os da Venta
ou os de Luía?
De onde serán?
Miña nai quero saber.
Miña nai sonlle do Porto
e non lle veñen por mal,
veñen por aquí cantando
que é día de Carnaval.
Agora xa sei quen son
porque me volvín tarumba.
Sóbralles moita razón
de andar por aquí de rumba
porque en estando na tumba
acabouse a diversión.
Comentarios (1) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 19-02-2012 19:18
# Ligazón permanente a este artigo
O APALPADOR
Dende os tempos de Maricastaña, camiña pola serra do Courel un home grande coma un día sen pan, un xigante amigo de todos: novo ou vello, pobre ou rico, da montaña ou da costa, da aldea ou da vila. Non fai distincións. O pelo é rubio, a barba longa, os ollos con chispas de bos sentimentos e as mans coma pas de enfornar. Viste diario unha camisa de cadros, chaqueta de cor, pantalón de pana, boina na cabeza e uns zocos, para se meter polo medio dos soutos e das fragas. Cando chove pon un saco de cochocho. Nunca ten frío porque sempre anda a traballar.
Vive nas montañas, entre cumios nevados, ríos cantareiros e fragas de carballos e castiñeiros. Durante o ano, come xabarís, ovos de paxaros, mel das abellas, noces e abelás que apaña...
Por oficio, é carboeiro. De verán, recolle uces e toxos que estean sequiños e os pica ben. Logo amorea os cachos de menor a maior nus buratos no chan e prende o lume para que arda de dentro para fóra, sen deixar saír o lume, tapando todo con terrón. Cando o carbón está logrado, o mete en sacos e o garda para o inverno. Deste xeito anda o día enteiro, cun saquete ao lombo para alimentar os lumes da veciñanza.
Pero ten outro oficio que lle cadra máis e polo que se coñece mellor. Este home é o Apalpador. A noite de fin de ano para ano novo, un día de renovación, de novos desexos e de unión das persoas coa natureza, vai esparexendo castañas polo mundo adiante.
Para poder repartilas, no outono abanea os castiñeiros cunha taloura e así tira os ourizos, sácalles as castañas e méteas en sacos. Despois ponas na gran caniza da súa lareira a secar e afumar. E, por fin, fai o bandoxo, quita os picóns e deixa sen puxa as boas castañas. Quen o vira batendo cos sacos había pensar que toleara. Non toleou, non, que para ter boas castañas todo o ano, cómpre facer a bulla. Por forza teñen que ser as mellores castañas de Galicia e disque tamén son máxicas, pois dan chegado a tódolos nenos e nenas galegos.
Na derradeira noite do ano, comeza a súa andaina o vello carboeiro. Antes de saír coceu unha bola de pantrigo feita coa derradeira gavela da colleita. Así vaise alimentando polos camiños. Leva ao lombo un gran saco cheíño de castañas e algunha cousa máis. É un home moi curioso, para ir polas casas pon unhas zapatillas de pano a cadros, así non mete boureo e non mancha os cuartos quentiños de nenos e nenas. Entra mainamente para apalpar as súas barriguiñas. Se non lle pareceron ben mantidas, porque son mal comedores, cala, pero déixalles unha presa de castañas. Se as atopa cheas di: ?Así. Así esteas todo o ano? e tamén deixa unha presa de castañas e algún agasallo máis feito por el coa punta da navalla: buxainas, tirataques, diábolos, ioiós, zoadeiras, matracas, canas, andacamiños, bailaretes, carracas, asubíos, chifres, frautas, xilófonos, muíños, carretiñas, trens, barquiños, colares, animaliños, bonecas, monicreques, cabaliños para se abanear... e non sei cantas cousas máis.
Para tranquilizar aos picariños e picariñas, bulideiros pola inquedanza da chegada do Apalpador, as nais e pais poden aprender esta cantiga:
Vaite logo, miña meniña
marcha agora para a camiña
que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña.
Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.
Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e ha vir o Apalpador
cunha maga de castañas.
Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.

Baixou o Apalpador esta noite das montañas galegas e seguirá a facelo mentres o mundo teña ilusión...
Aquí vai este conto contado e quen non levante o cu, quedaralle pegado.
Comentarios (3) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 01-01-2012 05:40
# Ligazón permanente a este artigo
PANXOLIÑAS EN ORTIGUEIRA
Chega o tempo de Nadal e xa escoitamos algunhas cantigas propias. Véñense cantando dende antigo, polo menos dende o século XV, mais non nos chegou ningunha escrita, só referencias de como se organizaban os veciños para lle iren cantar ao Neno.
Son cantigas con acompañamento musical e hainas de varios tipos, as de máis sona son os vilancicos e as panxoliñas. Os vilancicos son pezas para cantar na igrexa, con textos populares ou poemas de autor, e usadas na liturxia das festas principais; as panxoliñas son composicións populares cantadas polo pobo, en grupo ou individualmente, ante o belén ou na festa do Nadal. Pero tamén hai outras cantigas como os cantos de Reis, interpretados en cuadrilla e con instrumentos sinxelos o día 5 de xaneiro ata ben entrada a noite, e que tratan sobre a adoración dos Reis Magos (ás veces os que cantan van con vestimentas charramangueiras, similares ás do Carnaval, pero sen levar a cara tapada); tamén están os nadais, parecidos aos cantos dos reis pero propios do día de Nadal, e os cantos de Aninovo, interpretados o día de noite vella e aninovo coa finalidade de dar a benvida ao novo ano. Un dos cantos máis popular era o aguinaldo interpretado polos pícaros e pícaras da parroquia que acostumaban a ir en rabaños percorrendo as casas para recibiren un agasallo (cartos ou larpeiradas de Nadal) e agradecéndoo co aguinaldo; cando non recibían agasallo, os cantares amosaban coas súas letras o descontento da rapazada.
En Ortigueira nunca falta a música nin os cantares. Estoutro día Isabelita do forno recordaba cando don Jesús, o antigo párroco da Vila e capelán desta casa, ensaiaba cos rapaces e rapazas nos días previos ao Nadal. Deixámosvos para mostra un botón que lembraron entre Isabelita do forno e Benigna das Pontigas, ámbalas dúas con moi boa entoación:

Chorando estás miña xoia
quen che fixo mal meu ben
somos pecados do mundo
eran, son e son meu ben.
Meu carrapucheiriño
flor de Belén,
bótame os teus olliños
faime morrer,
faime morrer.
Miña ruliña,
miña monada,
miña ruliña
nacida entre as pallas
chora por veces
por veces cala,
nunha choza dun labrego
cando choras, cando ris,
cando calas.

Comentarios (2) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 07-12-2011 11:48
# Ligazón permanente a este artigo
TERESA DAS PONTIGAS

Virtudes Fontenla contounos o outro día unha historia que non ten nada de particular, di ela.
Para quen non coñeza, direivos que hai en Ortigueira unha parroquia que se chama Luía dende onde se teñen as mellores vistas das marismas de Ladrido e das insuas grande e pequena. En Luía hai varios lugares, un deles é o das Pontigas, onde naceu e se criou a nosa Benigna Sanjurjo.
En todas partes hai tipos curiosos que non é que fixeran nada relevante pero que todos recordan. En Ferrol está a Taconatá ou a Chiruca e en Luía vivía unha rapaza coñecida por Teresa das Pontigas. Chamaba a atención porque era xa maior e quería andar a todo gas. Ía sempre moi vestida, pois tiña unha irmá en Ferrol que lle mandaba cartos e roupa, pero as medias as levaba xa rotas no pé e traían os puntos ata riba. Púñase con aquelas boas, como adoitaba dicir, pero ela estaba tizada toda. Tiña un peliño crecho pero suxo. Cando unha perruqueira non cortaba moi ben o pelo ou alguén ía co pelo mal amañado dicíase ?pareces Teresita das Pontigas?. A pobre non traballaba en nada, vivía do que lle daba a familia.
Tanto chamaba a atención que lle sacaron un cantar que foi moi popular na Vila; argallouno Lucho Catá, un que foi médico. Entre Virtudes e Benigna lembráronos este cantar que di así:

Me gusta de verdad
Teresa de las Pontigas
porque pasea sola
y nunca tiene amigas.
Se va para el cantón,
presume de tacón
y luego va a bailar
con los chicos del orfeón,
pues llega a creer
que todos por su amor
están hasta enloquecer.

Comentarios (3) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 25-11-2011 12:05
# Ligazón permanente a este artigo
A NÉBOA E A VERGOÑA

Abelardo Anido Piñón foi veciño desta casa ata que finou. Era do lugar das Cascas en San Adrián de Veiga e sobriño da nosa Avelina quen o criou coma un fillo, pois lle morrera a nai ao nacer.
Abelardo dicía que isto non é un conto, que é unha verdade. Luisa Gregorio Castro (70 anos) que naceu en Devesos, tamén nos ten contado este contiño.
Nalgún tempo, todas as cousas falaban e a vergoña e máis a néboa falaron. Atopáronse un día e a vergoña preguntou:
? E se te perdo onde te poido atopar?
? Se me perdes, de inverno nos altos, e de verán, nos baixos? respostou a néboa.? E se eu te perdo a ti, onde te poido atopar?
? A min, se me perdes non me busques, porque quen perde a vergoña non a volve atopar na vida.
Cousas da xente. Non lles falta razón.
En Ortigueira a néboa apóusase a carón da ría que forma o Mera e sobre o esteiro de Baleo. Na foto podedes ver ámbalas dúas desembocaduras e a praia de Morouzos entre elas, pero nun día sen néboa.
Comentarios (1) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 29-10-2011 14:54
# Ligazón permanente a este artigo
A LENDA DE TRISTIMIL

O outro día parolando con Lolita Villar, traballadora deste centro, sobre a procedencia dos nosos antergos, contoume unha fermosa historia sobre o lugar de Tristimil, na parroquia de San Claudio,en Ortigueira,de onde eran os seus avós paternos, Tomás e Genara (que aparecen con ela, de nena, na fotografía).
A lenda conta que hai miles de anos na parroquia de San Claudio había un lugar onde vivían felices máis dun milleiro de persoas.Coma un pobiño, pequeno pero moi unido.Neste lugar había unha fermosa igrexa e moi preto dela un regato.
Un día, toda esta felicidade viuse truncada cando o pobo quedou sepultado,según dín, por causa dun terremoto e dos veciños e veciñas non se soubo máis nada.
Pasado o tempo aínda que non se sabe ben canto, ese lugar rexurdiu co nome de Tristimil en memoria do pobo que desapareceu e de toda a xente que perdeu a vida ese triste día.
Aínda hoxe, esta lenda segue viva non só entre os veciños e veciñas de Tristimil senón en todo San Claudio, pois seguramente, como no caso de Lolita, tiveran algún familiar vivindo naquelas terras.
Grazas Lolita!! por compartir esta lenda e o teu álbum de fotos familiar, cheo de lembranzas.

*Na foto aparecen Lolita coa súa nai Lola, os seus avós Tomás e Genara, a tía Lola e o seu curmán Secundino (tamén de Tristimil), a tía Maruxa e a súa avoa materna, María da Aira do lugar da Rocha.
Comentarios (8) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 30-09-2011 18:43
# Ligazón permanente a este artigo
PAQUIÑO DO FREIXO

Paquiño do Freixo era un home pequenote coma unha zocha, tanto de corpo como de siso. Era moi crente; tódolos días, ben cedo, ía á misa e sabía tódalas ladaíñas. Se non fora porque o seminario quedaba moi lonxe e que non lle daba a cabeza para tanto, tería estudado para cura. Mais era feliz, o malpocado sempre tiña un sorriso presente.
Nunca falaba moito coas mozas, pero gustáballe Maruxa, a taberneira das Grañas.
Quedou chosco dun ollo por mor dunha pedrada, cando el máis Antón, o fillo máis novo de Cesáreo de San Mamede, foron cazar merlos co tirataques. Antón era un chocalleiro e por facer a parranda lanzoulle a pedra a Paquiño pensando darlle nun pé e saltoulle o ollo. Paquiño, foi á Coruña na liña e mercou un ollo de cristal que quitaba de cote para limpalo cun pano branco que levaba sempre no peto.
Puido librar do servizo polo do ollo, pero el era moi cumpridor e cando o chamaron a quintas quixo ir, se o aceptaban. Cando foi servir tocoulle en Oviedo. O capitán vía que para o fusil non valía, pois era bo de máis, e púxoo a remendar os coiros das gornicións das cabalarías e do calzado do destacamento. Paquiño estaba encantado co seu traballo e sempre dicía que estivera moi mirado polo capitán; tanto foi así que, cando cumpriu, o capitán regaloulle unha máquina de coser vella que tiñan no cuartel.
Paquiño volveu a pé dende Asturias ata o Freixo coa máquina de coser ao lombo. Cando chegou foi cas Maruxa, coa máquina como agasallo, e pediulle casamento. Maruxa, que sempre hai un roto para un descosido, faloulle ben e casaron. Nunca tiveron fillos, pois a noite era para durmir e o día para traballar. Paquiño de noite so sabía falar durmido, talmente coma se fose un crego: en castelán, engolando a voz e cos brazos hacia o ceo.
Dende que estaba nas Grañas padecía do estómago. Fora á Coruña e viñera dicindo que o médico lle receitara viño Sanso. Bebíao nun tazón do leite que xa era máis mouro que branco, pois o quinito mancha moito. Á primeira botáballe unha xema de ovo, como facían as paridas, pero á última bebíao só. Un día botando a partida, coas corenta e vinte en ouros na man, a Paquiño deulle un cólico miserere. Estivo tres días con febre; empezou cun paralís no brazo dereito que se lle meteu por todo o corpo ata que o matou.
Antes de morrer, pediulle a Maruxa que nunca mirara para home ningún, que el a había de estar esperando no ceo. No camposanto, a viúva choraba como se a matasen, nunca tal se veu!
Aos tres días de morrer Paquiño, veu da Habana Felipe de Isolina. Vestía sempre unha guaiabera branca, un pantalón claro e zapato branco. Na cabeza levaba un sombreiro que disque era de panamá. Menos mal que era de verán, porque de inverno como pasara por unha fochanca o branco non se lle había de ver. A Maruxa aquel home facíalle graza, pois falaba un castelán maino que engaiolaba. Víñalle falar tódolos días á taberna. Pouco e pouco foron trabando amizade e algo máis.
Un día Felipe propúxolle xuntarse á noitiña, cando pechara a taberna. Ai, si! Enterouse toda a parroquia, pois oíunos Nino da Casanova e foino laretando casa por casa. Cando se xuntaron no sobrado da taberna, os veciños xuntáronse na eira para facer a cencerrada, tocando chocas, tixolas e potas. Meteron tanto boreo que Maruxa e máis Felipe tiveron que parar a súa labor. Apagaron a luz pero non saíron á ventá, polo que os veciños cada vez petaban máis forte. Pero nunha destas quedou todo en silencio. A parella pensou que os veciños marcharan; acenderon a luz e volveron amañar. Ao pouco, as luces empezaron a acender e apagar coma lóstregos e Maruxa, pensando que era unha mensaxe do máis aló, berrou: ?Ai Paquiño, que volves aí! Déixate estar no ceo que xa irei cando me toque!? Felipe marchou da taberna, colleu o barco para a Habana de volta e nunca máis se soubo. Era visto que Maruxa non ía catar home nesta vida!
Ao día seguinte, houbo que arranxar o machete da taberna; o electricista dixo que se estragara de tanto subir e baixar seguido?
Comentarios (0) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 17-08-2011 13:15
# Ligazón permanente a este artigo
O BURRO QUE SUBIU Á TORRE EIFFEL

A nosa veciña Virtudes Fontela Garrote (93 anos) sempre ten un conto, xa que a súa memoria é inmensa. Este día oín como lle recitaba a Gelo este contiño en verso que ela escoitou cando era nova e aquí vos deixo:

Póñanse acomodados
que lles vou contar un conto
que os vai deixar asombrados.
O día 5 de outubro
presentouse o Carballeira
disposto a subir o burro
pola ponte da Gaiteira.
E para que todos soubesen
desta proeza titán,
repartiu profusamente
unhos programas de man,
nos que dicía: ?Señores,
eu son Toribio Pichel
que en París montado en burro
subín pola Torre Eiffel.
Na estrada subín tamén,
e eso que a escote añadía,
polas columnas que ten
a radiotelegrafía.?
E así acabou a historia
dese Toribio Pichel
que en París montado en burro
subiu pola Torre Eiffel.

Comentarios (0) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 14-07-2011 11:58
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0