Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

A CAPELA DE PORTAS

Hai que ver como cambiou o mundo! Nunca pensei meterme nisto das novas tecnoloxías! A verdade é que na Internet pódese ver todo canto se queira, dende libros ata remedios milagreiros.
Pensándoo ben, antes tamén tiñamos remedios e milagres. Cando eu era pequeno era costume ofrecer os enfermos a un santo para pedir a súa cura, de feito eu fun ofrecido á Nosa Señora de Portas cando tiña 8 ou 9 anos. Alá me levaron á romaxe o 25 de marzo por camiños e carreiros, porque aínda non había a estrada que vai de Couzadoiro a Devesos. Á romaxe ía toda a rapazada da zona (había de ser mais pola farra que pola devoción); na foto, entre outros, están Manolo o do Río, Josefa do Campo e os fillos de Espilla.
Agora no lugar de Portas xa non vive ninguén, ata a casa do cura está caendo, pero iso non lle quita mérito, eu penso que incluso aínda lle dá mais, porque a arrodea dun engado especial.
A Capela ten moitas cousas que a fan peculiar, como estar situada no Camiño dos Arrieiros, antigo coma o mundo, que ía pola Serra da Faladoira ata o porto de Bares; ten tamén unha simboloxía moi antiga: está nun adro triangular e na porta lateral hai un lintel cunhas inscricións na pedra que nunca tal vira.
Outra singularidade é a Fonte de Nosa Señora que dis que ten auga con virtudes milagreiras. Chégase pola dereita da Capela e despois de atravesar unha congostra que baixa ata o regato, nun percorrido de conto marabilloso. Esta fonte fíxoa Manuel o Cantante que era de Devesos e morreu cando a súa filla tiña 3 aniños. A nena e a súa nai emigraron a Suíza, pero cando viñan polo verán a nena sempre tiña a teima de ir limpar a fonte que fixera seu pai e repartir a esmola que a xente deixaba, entre a Virxe da Anunciación e o San Miguel, as dúas advocacións de Portas. O San Miguel aparece representado loitando contra o demo en forma de serpe ou dragón. Pero antigamente existía o Demo de Portas, que era un señor non moi agraciado e parece ser que tampouco moi bondadoso e de aí o alcume.
De boa gana volvía a Portas polo San Miguel!

Comentarios (4) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 19-05-2011 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
O FORNO DOS MOUROS
Eu son de Couzadoiro, unha parroquia de Ortigueira. Na miña aldea xa queda pouca xente moitos se foron traballar fóra, moitos deles a Inglaterra, e outros viñemos para a Vila. Pero Couzadoiro évos un sitio importante. Hai uns anos, cando abrían unha pista, descobréronse uns pelouros enormes chantados todos xuntos. Viñeron estudialos e disque era un monumento funerario de hai máis de 6000 anos. Como sería aquela xente?
Comentarios (1) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 31-03-2011 17:40
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0