Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

CEN ANOS DA DEVESANA

Na aldea de San Sebastián de Devesos, no mesmo lugar do Igrexario e fronte ao templo, érguese un edificio que foi escolar e hoxe cumpre 100 anos. A súa veciñanza pode gabarse da súa historia e non debe esquecela.
A principios do século XX, o sistema educativo en España era obsoleto e deficiente. Para paliar este problema, os emigrantes en Cuba, que se decataran das dificultades de seren analfabetos, fundan e manteñen de xeito desinteresado ata once escolas indianas nas diferentes parroquias de Ortigueira.
No ano 1.907, un grupo de obreiros do tabaco naturais de Devesos, constituíron na Habana a Sociedade de Instrución e Recreo a Devesana e doaron xenerosamente boa parte dos seus ingresos para sufragar o edificio da Escola Laica. Ademais da directiva en Cuba, había outra en Ortigueira formada por José Carrodeguas Pena, José Saavedra Luaces e Vicente Sueiras, quen xestionaban a manchea de cartos que enviaban de alén mar para o sostemento do centro.
A Devesana tivo un sistema de ensino moderno co que se pretendía a consecución de personalidades libres e autónomas para a construción dunha sociedade igualitaria. Tivo mestres como Rafael Fernández Casas, quen ensinaba en galego, programaba os contidos das clases, pedía aos seus alumnos que expuxeran as súas ideas a través de redaccións e debates, facía intercambios con outras escolas de indianos...
Os plans de estudo laicos motivaron en gran medida que a Devesana chocara coa intransixencia política e relixiosa, encabezada polo párroco de Devesos. Nos anos 20, tras unha festa de Entroido, apareceu rompida unha vella cruz de madeira podre que penduraba na igrexa. O cura denunciou do estrago aos responsables da escola e, de paso, de celebrar bailes deshonestos e orxiásticos no salón de clases. A raíz deste incidente o Gobernador Civil ordenou o peche da escola. A directiva e o mestre foron defendidos de balde polos avogados Leandro Pita Romero e Santiago Casares Quiroga quen conseguiron retirar as acusacións, mais non levantar a orde de clausura do escolar.
Houbo que esperar ata a II República, na que se lle deu un gran pulo á instrución no medio rural, para a reapertura da Devesana. Por desgraza, non durou. O 18 de xullo de 1.936 comezou a Guerra Civil. Eran entón directivos da sociedade Leandro Martínez Insua e Miguel Sueiras Chao, quen temerosos de seren perseguidos, decidiron queimar co maior segredo os libros de rexistro e tódolos documentos para evitar represalias.
Os falanxistas consideraban aos mestres ?envelenadores da alma popular?, segundo unha orde da Comisión de Cultura do Goberno de Burgos, presidida por José María Pemán, o que xustificou a queima da biblioteca e de varios manuscritos de Rafael Fernández Casas. Neste contexto de represión, calquera denuncia podía ser aceptada, aínda cando os seus fundamentos fosen do máis peregrino. Así un garda civil denunciou aos dirixentes da Devesana por agravios contra a España cristiá promovendo bailes nudistas, veladas inmorais, lecturas disolventes, campañas perniciosas e matrimonios civís. A denuncia provocou o novo peche da escola e a súa ocupación polos alzados para utilizala como cuartel militar primeiro e da Garda Civil despois.
Durante longos anos, a historia da Devesana caeu no esquecemento. Hai un tempo a veciñanza cedeulle o edificio ao concello de Ortigueira para a súa restauración e actualmente acolle o centro social da parroquia.
Serva a Devesana como exemplo do medo que durante séculos tiveron os grupos de poder á educación do pobo.
Comentarios (4) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 24-03-2012 10:36
# Ligazón permanente a este artigo
AS FONTES DA VILA
Xa non hai fontes na Vila. Coa traída perderon a súa función. Nas persoas que xa imos tendo unha idade, permanece a lembranza do son serodio da auga, as sellas, as augadeiras, as conversas?
Ir buscar auga á fonte era un traballo duro, pois había que ir varias veces no día e era moito o peso que se carrexaba. Ás veces pesaba máis a tora que a auga. Antigamente íase con sellas de madeira cos aros de metal dourado. Despois viñeron as de cinc e tamén a xente deu en reciclar os bidóns de carburo, menos pesados, polo que as sellas foron desaparecendo. Levábanse na cabeza onde primeiro se poñía o molido ou rodel (un anaco de tea retorcido e enroscado) para protexela do roce. Tempo andando xa se empregaron caldeiros de cinc ou galvanizados, levando un en cada man, pero cos acaneos do andar íamos regando o camiño todo.
A xente de carto, no canto de ir á fonte, pagaba augadeiras para transportar a auga, un oficio desenvolvido habitualmente mulleres e hoxe desaparecido. Tamén había aquela xente vida a menos, ou a quen lle gustaba aparentar, que consideraba unha baixeza ir á fonte e o facía nas primeiras horas da mañá ou de noite. Xuntábase coas máis impacientes, porque para coller auga había que esperar quenda. Moitas rifas ten habido pola xente que se colaba ou a que ocupaba os dous canos, xa que nas horas de máis concorrencia só se podía encher un recipiente de cada vez. Porén a fonte era máis un lugar de parola, mentres se esperaba o ritmo lento pero constante da auga.
No Cantón, a un ladiño do Comercio Nuevo (hoxe Galaripos) atopábase unha fonte de forxa con dous canos (da que xa non queda rastro) onde ían das casas máis podentes da Vila. Na praciña dos Anxos, esquina coa rúa Manuel Sandomingo (chamada rúa Dores), atopábase outra pequena fonte de ferro cun só cano e na que se podían ver xentes do barrio do Ponto. Na Penela, no ano 1.887, instalouse unha fonte ao desfacerse o lavadoiro das Cortes, onde antes había un canalón rústico de pedra. A fonte da Preguiza foi construída a mediados do século XX para darlles auga ás chamadas Casas Baratas, cun banquiño de pedra ao lado. Cando se asfaltou a rúa xa había traída nas casas e o banco e a fonte foron trasladados un pouco máis adiante, onde permanecen. A fonte de San Miguel, con manancial propio, aínda a podemos ver, entre a bouza, no camiño que vai a Brandaliz dende o lavadoiro de Curuxeira. E a última das fontes que lembramos é a Fonte vella, así se chamaba o lugar onde hoxe está a nosa casa e baixo ela nace este manancial que verte augas na fonte ornamental situada ao lado do lavadoiro de Curuxeira.
Agora as fontes só están de adorno e a xente xa non lle dá o mesmo valor á auga.
Comentarios (2) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 06-02-2012 15:18
# Ligazón permanente a este artigo
O ALTAR DA SAGRADA FAMILIA

En Couzadoiro conservamos tradicións que se perden no tempo e ninguén sabe como comezaron. Unha delas é o altar móbil coa imaxe da Sagrada Familia. Non é esta unha peza da Igrexa, senón que depende totalmente da parroquia, da freguesía. É un fermoso altar cunha capeliña que se pecha para seren transportado como unha maleta. Antigamente estaba feito dunha madeira moi torneada pero ía moi gastada e vella; José Dovale (que se chama coma min pero non somos parentes) ofreceuse para levalo a Ferrol e facerlle a caixa nova, non é tan repenicada pero a madeira está boa.
No altar está representada a familia de Xesús, sendo este un neno xa escatulido. É un baixorrelevo policromado, encaixado nun relicario en madeira de castiñeiro sinxelamente gravado e cos bordes da parte superior floreados. Sobre o fondo nacarado destacan as figuras de Xosé, con tres das súas flores na man, María e o Neno, con túnica branca enfeitada con fitas douradas, no peito a representación do seu corazón e sentado sobre un trono encarnado e dourado, cunha cruz no respaldo e un crismón na alfombra verde que cubre os chanzos.
A tradición manda que o altar vaia de casa en casa por toda a parroquia. É acollido en cada fogar durante 24 horas poñéndoo nun lugar preferente da casa, a sala ou a cociña as máis das veces, e acendéndolle unha vela. Faise este rito de continuo; antigamente non chegaban os días do ano para percorrer todas as casas, pero hoxe en día pode quedar máis dun día en cada casa. Cando o veciño ou veciña que lle toca chega a outra casa co altar adóitase dicir Ave María purísima e quen recibe ten que responder Sen pecado concibida. Cando hai velorio nunha casa vaise buscar a imaxe para poñela na cabeceira do cadaleito.
Esta tradición mantense viva non só en Couzadoiro, tamén noutras parroquias de Ortigueira, en Cariño, en Cedeira... Unha imaxe do Carmen é acollida nas casas de Cuíña, a do Rosario na Vila e en San Claudio, a falta de un, teñen tres: o da Sagrada Familia, o da Milagrosa e o de San Felicísimo (este cun peto para pór esmola que se lle entrega a uns freires); na igrexa hai un taboleiro indicando o percorrido de cada un dos altares e a orde que se debe seguir. Unha das tripulantes, Patri, contounos que nunha parroquia de Arzúa, de onde é súa nai, había o mesmo costume.
Non sei se esta modalidade de culto está estendida por toda Galicia, xa me contaredes...
Parece que algo similar ocorría na antiga Roma onde existían os lares. Eran deidades de culto doméstico que coidaban da casa familiar, representadas con pequenas figuriñas. Púñanse cerca da porta principal ou na cociña, en altares chamados lararia (de aí a nosa palabra lareira) iluminados polo lume que debía permanecer aceso. Na celebración do ritual non interviña ningún sacerdote, senón que era o pai de familia quen o realizaba, ensinando á familia as oracións, himnos e cerimonias.
As nosas crenzas son públicas pero tamén teñen o seu lado máis íntimo, que ten un sentido máis tenro e sinxelo.
Comentarios (4) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 19-01-2012 17:18
# Ligazón permanente a este artigo
O BELÉN DA VILA DE ORTIGUEIRA

Uns días antes do Nadal, ármase o belén na igrexa da Vila.
Un belén é a representación plástica do nacemento de Xesús, mediante a proxección da aldea de Belén, vista de xeito panorámico, na que se sitúan distintas figuras movibles. O primeiro belén pintouse nas catacumbas e dende aquela ata hoxe cambiou moito o conto. Agora fanse beléns de todo tipo: viventes como o de Cariño, coas figuras en movemento coma o da Orde Terceira de Ferrol e ata con materiais reciclados.
O belén da Vila está feito á maneira tradicional, sen artificios nin sorpresas, e ese é o seu encanto. Nel podemos atopar unhas corenta figuriñas con grande expresividade nas súas caras. Estas pezas foron traídas dun obradoiro de Olot a principios do século XX. Daquela nesta vila catalá había unha industria de imaxinería relixiosa con moito pulo, contando cuns 20 obradoiros e chegando a ser unha das escolas españolas máis importantes. O material empregado para estas pequenas esculturas era a pasta de cartón-madeira, material que se puido bendicir a partires dun decreto eclesiástico de 1.887, e só para os ollos utilizábase o cristal. Tiñan unha gran variedade de modelos realizados en barro por artistas do modernismo catalán.
Entre as figuriñas presentes no belén de Ortigueira atopamos a María e Xosé xunta a mula e o boi no alpendre, pastores, campesiños, lavandeiras, augadoiras, ovellas, algún can e, por suposto, os Magos de camiño cos seus camelos. Entre tódalas figuras cómpre destacar por emotiva, unha muller ben maior e xa dobradiña polos cadrís que vai adorar ao Neno; tamén hai unhas vacas rubias, herdadas do antigo nacemento da parroquia; pero a figura máis enxebre é un gaiteiro a cabalo dun burro que, como di a panxoliña:
E tiña que estar
e tiña que haber
algún galeguiño
xunta do recén.
Xunta do recén
non podía faltar
algún galeguiño
para aturuxar.

Na Noiteboa, coa misa do galo, déitase o Neno no seu berce, sen o cal o belén non tería sentido de ser.
Así e todo, o grande valor artístico deste nacemento débese ao escenario no que se sitúan as figuriñas. Está decorado con motivos bíblicos e exipcios (tan en voga a principios do século anterior) e varios panos con tres espazos de luz que representan o alpendre, o castelo de Herodes e a pousada coas montañas ao fondo. Elaborounos en 1.924 o ferrolán Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo e o escenógrafo de máis sona de Galicia. Baliño ten elaborado o decorado e escenografía de obras teatrais da época, decoracións de locais, tapices, murais, ilustracións literarias, carteis... Baliño estaba moi vencellado a Ortigueira xa que o seu pai, Germán Díaz Teijeiro, era natural desta vila.
O belén o arma tódolos anos José Manuel e o seu pai Juan da Leinova (quen o veu facendo de toda a vida) e lle axuda na parte artística Luciano.
Poderemos visitalo a partir de mañá, 22 de decembro, ata pasar o día de Reis. Merece a pena!
Comentarios (1) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 21-12-2011 16:26
# Ligazón permanente a este artigo
O MUÍÑO DE MARÉS DE POL

Xa falamos aí atrás de muíños, que hai para dar e tomar. En Ortigueira temos outra mostra deste tipo de arquitectura popular, trátase do Muíño de marés de Pol, na parroquia de Senra, restaurado hai un ano.
A orixe dos muíños de marés é descoñecida. En Galicia o máis antigo do que se ten noticia é un que houbo en Viveiro no século IX.
Existen en Galicia grazas aos quilómetros de costa con rías, enseadas e esteiros, protexidos de mar aberto, e unha diferencia mareal duns tres metros. Este tipo de muíños non tiñan un fluxo constante de auga polo que contaban cun tempo de moenda diario limitado polo ritmo das mareas; moíase unhas 6 horas por cada ciclo de enchente ou baixante. A avantaxe era que podían funcionar aínda en épocas de seca, cando as aceas a penas tiñan caudal.
O muíño de Pol foi o derradeiro muíño de marés construído en Galicia. Foi feito a principios do século XX por José Linos, un emigrante retornado da Habana, xunto co seu irmán, na desembocadura do río Maior, no fondo da ría de Ortigueira.
O edificio do muíño era de muros de cachote e cuberta de lousa. Había dúas portas unha daba ao edificio e outra ao dique da presa. Tiña dous cubos, dos catro plantexados (hai muíños de ata 6), un con pedras albeiras, para o trigo, e outro con pedras negreiras, para o maínzo. O dique, de 60 metros de longo e metro e medio de fondo, tiña unha comporta de madeira de 3 metros de ancho e un aliviadoiro de menos dun metro. Na parte mergullada do muíño había 7 arcos que comunicaban todos os pasos da auga baixo o muíño: 4 de entrada, 2 de saída e un entre ambos vasos. Os dous rodicios eran de madeira, dun metro de diámetro e cinguidos por un cintón de ferro. A parte mecánica fíxoa Grandal, un carpinteiro do Valdoviño de moita sona.
Cando se abrían as comportas, a auga viña pola canle e batía contra o rodicio para polo en movemento. Este, a través do eixe, facía mover a peza de moer. Poñíase o gran na moega e de alí ía caendo pola quenlla no ollo da moa. A moa xiraba e estrullaba o gran contra o pé. Deste xeito tiñamos fariña.
José voltou para a Habana pero cada ano regresaba para supervisar os seus muíños. Foi un negocio con gran pulo onde se cobraba en maínzo ou trigo. A xente viña de lonxe en carros cargados con sacos e tiñan que pasar unha ou dúas noites esperando para moer. A moenda duraba tres horas e moíase sobre 10 ou 12 ferrados (20 quilos de maínzo ou 15 de trigo). Nos anos 70 deixou de funcionar e hoxe en día é a sé da Asociación Ornitolóxica Calidris.
Os muíños posuían un evidente valor na economía do lugar pero tamén xogaban un importante papel nas relacións sociais. Mentres se esperaba pola quenda a xente parolaba, cantaba e bailaba (de aí a nosa muiñeira); pero sobre todo era un lugar para mocear o que queda moi ben reflexado en cantigas populares como esta:

Aturuxos que vai dando
Carmen por Andresiño,
aturuxos que vai dando
cando vai para o muíño.
Comentarios (2) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 08-11-2011 15:49
# Ligazón permanente a este artigo
O CRISTO DE MOURAZ

Contábanos Maribel a lenda que atribúe o nome de Faladora á serra. Disque alí foi soterrada viva Hildefrida, esposa do rei Remismundo; parece que acusaron á raíña de mandar matar a un fillastro seu e o rei ordenou vinganza. Hildefrida, por ser inocente, aínda vive nas entrañas da serra e dende alí pódense escoitar os seus laios.
Se ás Pontes vas
e unha pedra oes falar
é a dona de Remismundo
co seu eterno penar.

Cando paseamos pola serra, ademais de escoitar á raíña faladora, atopamos, case sen querer, unha chea de tesouros; só temos que entornalos ollos para distinguilos.
Preto da Pena Branca, aló onde se xuntan os montes, da Panda, do Carabelote, da Penagrande e da Coriscada, podemos ver os restos do Cristo de Mouraz, entre monumentos prehistóricos, como representante da cristianización destas terras.
Dicía Federico Maciñeira, o gran historiador, que era un gran cruceiro de pedra con ampla base, que servía de marco para dividir sobre aquel ángulo as parroquias de San Sebastián de Devesos, San Cristovo de Couzadoiro, San Mamede de Grañas do Sor e Santa María de Mañón, dicíndose na localidade que sentados ao pé da cruz poden xantar os catro respectivos curas sen saír de cadansúa.
Hoxe, se non nos decatamos, pode pasar por ser un monólito perdido no medio do monte. Del só quedan a súa base e parte do brazo máis longo, descabezado, sen Cristo e entre as silvas que medran en derredor.
Hai quen di que aínda perduran as trincheiras que fixeron os mouros, contra quen loitou o Xeneral Mouraz saíndo vitorioso grazas a un ?pau de dous paus? (explícame Manolo de Devesos que debía ser un mallo). En lembranza desta vitoria ergueuse o monumento.
O caso é que o Cristo de Mouraz era lugar de cita antigamente para os romeiros, tanto para os que ían en peregrinación a Teixido como para os que se dirixían a Compostela. Isto é porque está en pleno Camiño dos Arrieiros, un camiño usado ata a Idade Media, que unía o porto de Vares con A Mourela (As Pontes).
Cantos tesouros agochados temos na nosa terra.
Comentarios (1) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 28-10-2011 12:07
# Ligazón permanente a este artigo
ROMARÍA A TEIXIDO

Hoxe é o día de facer a romaría a Teixido, pois irás de morto se non vas de vivo. A maioría de nós xa ten cumprida a peregrinación, pero un nunca cansa de voltar aló.
Esta romaría ten as súas orixes hai moitos séculos, antes de que os romanos chegaran á nosa terra. Ten elementos comúns con outras: a relación co ?outro mundo?, a realización de amilladoiros como testemuña da romaxe, a mestura de símbolos pagáns e cristiáns?
Entre os celtas críase que cando morres vas máis alá do mar, ata onde o sol se pon, na Illa dos Benaventurados. Nas épocas máis antigas non precisaban un templo, xa que o que tiña carácter sagrado era o propio lugar non os edificios. Cando sobes ao alto da Herbeira dáste de conta do fácil que é pensar na mitolóxica illa, mirando dende os cantís como o mar se perde no horizonte.
Esta romaría de sempre estivo asociada con elementos protectores. Un deles é a Nai de Augas, a serpe protectora relacionada coa auga e os mouros. Aquí vos deixo un romance sobre a serpe e Teixido.

Heilles agora contar
un sucedido curioso
que lle aconteceu a un rapaz
nun cotarelo rochoso.

Nesa serra máis ao norte,
nos montes da Capelada,
xunto a un penedo atopou
unha gran serpe enroscada.

El quedou teso de medo,
a serpe fita o mirou,
o paxolo pegou un chimpo,
ela ferreña falou.

?A min chámanme Nai de Augas
porque das fontes nacín
verdeal coñezo a vida
pois do seu cerne bebín.

O chan bravú de Teixido
mantenme moi gorentoso.
O ceo máis estrelado
acólleme ben avogoso.

Procuro a miña misión
entrando ao mundo dos mortos
guiándoos cara a nova vida
alén da mar e sen viortos.?

?Polo que dis, feiticeira,
disque perdín esta vida.?
?Non tal, mais non debes contar
esta conversa mantida.

Pouco aos vivos me amosei,
no eido dos mouros habito
en penedos agochada,
pescudarme non permito.

As persoas que me vexan
vida por sempre terán,
xa sexa de forma humana
xa no corpo de alacrán.

Porén ao vir a Teixido
ningún ser has de danar,
pode ser o teu veciño
que anda camiño da mar.?

Despois disto se arredaron,
nunca se volveron ver.
Respectar aos seres vivos
é unha sentenza a aprender.
Comentarios (1) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 08-09-2011 13:17
# Ligazón permanente a este artigo
O ESCOLAR DA VILA

A principios do século XX xurdiu en Ortigueira, coma noutras zonas de Galicia, unha preocupación pola educación das novas xeracións. O ensino en España fora declarado obrigatorio en 1.857, máis a instrución oficial daqueles tempos adoecía de moitas deficiencias. Empezouse a pensar en instruír aos nenos e ás nenas para proporcionarlles cultura e coñecementos que lles axudasen a resolver as súas vidas e evitasen a explotación social que noutros tempos ocorrera. Esta actividade veuse realizando por asociacións laicas, de carácter popular e en moitos casos ligadas ou patrocinadas por emigrantes ou polos mesmos veciños, como en Loiba; así xurdiron na emigración Sociedades de Instrución como a de San Adrián, a de San Claudio, de Santa María de Mera, O Progreso do Ermo, A Devesana de Devesos, Fillos de Santiago de Cuíña, Fillos de San Xiao de Senra, Fillos de Couzadoiro, etc.
Esta preocupación materializouse na construción de edificios en practicamente tódalas parroquias. Estes Escolares contaban con auga potable e aseos (escasos nas máis das casas por aquela época), vivenda para os mestres e incluso reloxo público. Tamén estaban dotados de libros, mapas e outro material para poder impartir un ensino con calidade.
Na Vila, construíuse en 1.909 un edificio de estilo colonial, deseñado por Julio Galán, un arquitecto modernista coruñés. Ten planta rectangular con tres corpos: un central de dous andares e dous laterais, pola parte posterior ten adosado un carto corpo dun só andar. Esta concepción arquitectónica está en consoancia coa concepción do ensino da época: no corpo central situábanse os servizos comúns, a biblioteca e a vivenda dos mestres; os corpos laterais estaban ocupados polas aulas de nenas e de nenos, separadas totalmente (incluso con entradas distintas), xa que na educación aínda predominaba a segregación por sexos; e o adosado posterior adicouse a aulas para párvulos. A fachada está ornamentada por balcóns e tres escudos: o de España, o da Coruña e o de Ortigueira. Ao pouco tempo de rematarse, plantouse unha palmeira no xardín dianteiro que hoxe en día pervive.
Pero o máis importante do escolar non foi o edificio, nin o xardín, nin a dotación. O importante foron os pícaros e pícaras que encheron as súas estancias, dándolles vida. Alí aprenderon, entre xogos, a ser os homes e mulleres que hoxe son. Nunca esquecerán as copliñas que lles axudaron a lembrar:
R con r carrete, r con r carril
r con r los carros que conducen el ferrocarril.

Despois de funcionar como escola foi sé de agrupacións culturais, oficinas do Concello e hoxe en día acolle a Biblioteca e o Arquivo municipais. Finalmente non se perdeu a súa semente inicial: a proporción de cultura ao pobo.
Comentarios (0) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 31-08-2011 18:11
# Ligazón permanente a este artigo
A TORRE DO CAMPO

Galicia é terra de muíños. Non só de aceas, senón de muíños de marés e tamén de muíños de vento, malia que moitos deles desapareceron. A enerxía do vento era aproveitada por estes muíños que se usaban como substitutos das aceas en épocas de seca. En Ortigueira temos un dos muíños de vento máis grandes de Galicia, o Muíño do Campo da Torre. Está na península de Requeixo, nun outeiro a 65 metros sobre o nivel do mar dende o que se pode ver toda a Vila e no que estivo situado noutrora un poboado castrexo e posteriormente o castelo medieval do Condado de Ortigueira.
É un muíño de torre de 8 metros de diámetro. Foi feito a finais do século XIX por José García Gómez (de Redondela) para Fernando Donato, probablemente coas pedras da torre da homenaxe da fortaleza, das que só quedaba algo dos seus muros exteriores e ameas. Ten tres fiestras e unha porta de entrada. A súa cuberta é cónica, de madeira e xiratoria, para orientarse ao vento que mellor zoa, cun sistema de xiro a través de rodas sobre unha canle realizada na parte superior da torre. Ten catro aspas coas correspondentes velas triangulares de lona de 4 metros de lonxitude e 3 de ancho a xeito de papaventos abalados polo nordés ou polo ábrego.
O muíño, foi vendido a José Noval quen o traballou coas dúas moas, unha de granito para o trigo e outra de pedra albar para o maínzo. Deixouse de utilizar arredor do 1.930 cando José marchou para Cuba.
Tras máis de medio século en estado ruinoso e oculto tras un eucaliptal, foi reconstruído completamente en 2.005 con fins divulgativos e educativos, conservando as dúas pedras de moer. Calquera día habemos subir ao Campo da Torre para gozar do muíño e das boas vistas.

Comentarios (0) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 19-07-2011 13:40
# Ligazón permanente a este artigo
O PORCO ANTÓN

Galicia non sería o mesmo sen o porco. Comémolo de moitos xeitos: no cocido, no caldo, no lacón con grelos, nas tripas, na zorza, na empanada de raxo, na bola de roxóns, nas filloas? (vou parar que aínda falta un cacho para a hora do xantar). Do porco válenos todo, dende o fociño ata o rabo, e co porco facemos de todo: xamóns, chourizos, chanfaina, botelo, unto...
Hai unha cultura galega do porco. Quen non recorda aquelas matanzas nas que se remataba comendo o fígado encebolado, convidando aos veciños que viñan axudar a traballar? Nalgún sitio comíase case o porco enteiro, polo que os veciños se poñían de acordo para facelo a un tempo. Tamén sabemos dalgún dito relacionado co porco, como aquel que di: O porco o has de manter, se ti o has de comer; este refrán será verdade en toda Galicia, pero non aquí en Ortigueira, onde se celebra unha das festas máis antigas relacionadas co porco.
No Porto de Espasante hai un cartel que di: ?O Porco Antón está ceibe. Ten preferencia?. O porco campa ás súas anchas polas rúas de Espasante e vai á praia como cada ano dende hai máis de cen. Dis que xa no século XIV, o San Antón víase xunta dun porco e a orde que fundou tiña como ingresos a procura de licencias para que os seus cochos, todos cunha campaíña ao pescozo, puidesen manterse libremente, tanto nas cidades coma nos arredores, para despois poxalos e co recadado atender obras comunais.
O noso Antón é un porco ben repoludo; ten boas cachas, carnes rosadiñas e cara de santo. Chegou ao Porto un 13 de xuño, polo San Antonio, no día da bendición do gando. Non era máis que un chiniño destetado que mercou a Comisión de Festas. Son as rapazas da Comisión quen se ocupan del; péchano pola noite, limpan o cortello... estou oíndo á nosa Nerea: Chino! Chiniño! Pasa p?aquí que se hai que lavar! Tamén lle aprenden o percorrido polas casas e, fóra a alma, o porco é ben listo, coñece de seguida as casas onde lle dan a lavadura. Os madrileños que veñen no verán abren os seus ollos incrédulos cando escoitan unha campaíña e ven pasar o porco. Nunca tal se veu!
É o porquiño máis feliz do mundo.
Mais cando chega o tempo das castañas... o Antón xa non sae do cortello ata o día de Reis. Rífase, viviño e coleando, coa Lotería do Neno. A persoa agraciada pode vendelo, facer chourizos ou mantelo como mascota, que de todo hai.
Para lembrar esta tradición centenaria hai na praza de San Antonio unha escultura de bronce que representa ao Porco Antón, cunha campaíña ao pescozo.

Comentarios (2) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 29-06-2011 12:01
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0